O Sindicato Labrego acusa á Xunta de “desmantelar” o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia

13,00 h.- O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidirá a reunión do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia. No salón de plenos do Consello Económico e Social de Galicia, no Pazo de Amarante (rúa Algalia de Abaixo, 24 foto xoán crespo

Unha das últimas reunións do Observatorio do Sector Lácteo de Galicia. Foto: Cedida

O Sindicato Labrego Galego acusa á Consellería do Medio Rural de ““desmantelar o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia cuns cambios sen someter a debate no Consello Agrario -onde están representados os axentes do sector- e impoñelas a golpe de Decreto vía Consello da Xunta”.

Así, o pasado 20 de xaneiro foi aprobado o Decreto da Consellería do Medio Rural que regula a nova estrutura e o sistema de funcionamento do Observatorio Lácteo de Galicia, “un Observatorio que, como temos denunciado reiteradamente, nunca cumpriu ca periodicidade de reunións acordada nin coas funcións atribuídas de xerar índices de prezos de xeito periódico”.

En concreto, critican que este organismo, “nunca volveu ter actividade real, non se elaboraron informes públicos de custos e nin sequera se publicaron os resultados da tan cacarexada Conta Láctea”.

En canto aos cambios aprobados este luns no Consello da Xunta para o Sindicato Labrego supoñen “baleirar de significado real esta ferramenta (…) pois a Consellería reduce a frecuencia das reunións do Observatorio que se acordara por consenso co sector para facer un seguimento real e eficaz, cando menos trimestralmente, ficando agora relegadas a unha vez ao ano”.

Ademais, dende o SLG observan que “a introdución de novas vogalías precisamente acrecenta a representación de organizacións que non adoitan cuestionar o papel da Consellaría, ao tempo que se desbotou a posibilidade de modificar a composición do Observatorio para garantir a paridade de xénero ou unha cuestión tan relevante para o sector como é que as organizacións profesionais con representación no Consello Agrario teñamos no Observatorio alomenos o mesmo número de vogalías que a industria, como xa temos solicitado”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información