O serrado do piñeiro en Galicia: retos e oportunidades

A madeira de coníferas iniciou no 2021 un repunte de prezos e demanda que todo apunta que veu para quedarse. Galicia, con máis de 200 serradoiros orientados ó piñeiro, dispón de potencial silvícola e industrial para subirse á nova ola

O serrado do piñeiro en Galicia: retos e oportunidades

O piñeiro segue sendo a principal madeira serrada en Galicia. // Foto de arquivo.

A industria do serrado de madeira en Galicia vén de sufrir varias crises nas últimas décadas, unha situación que desembocou nunha forte reconversión do sector. As coníferas seguen a ser de lonxe a principal madeira serrada en Galicia, pero viron reducida a súa superficie en monte; por iso recuperar a produción de madeira de piñeiro é un dos principais desafíos que afronta o sector.

Á marxe da oferta de materia prima, o sector do serrado tamén experimentou un cambio no mercado, xa que a demanda de produtos elaborados a base de madeira foi evolucionando, o que tamén está a supoñer un reto para os serradoiros galegos.

Cambios
O sector da madeira galega enfrontou a súa última crise a partir do 2008. “Daquela houbo un descenso moi importante no número de instalacións, pero a maior parte das empresas que continuaron incrementaron de forma importante a súa capacidade produtiva e melloraron os seus ratios produtivos, especialmente coa modernización de maquinaria e a implantación de automatización nos seus procesos produtivos”, explican desde a Axencia Galega da Industria Forestal (XERA).

As progresivas reconversións do sector do serrado afectaron especialmente ás serras de menor tamaño e con maquinaria máis antiga. Tamén foi determinante a rendibilidade económica das instalacións e en moitos casos, o abandono da actividade estivo relacionado con aspectos como a falta de relevo xeracional ou a imposibilidade de medrar en tamaño por aspectos legais ou urbanísticos.

O serrado de coníferas en Galicia e as diferencias con Europa

Na actualidade, a industria de serrado en Galicia baséase especialmente en madeira de coníferas, se ben o mercado dos seus produtos variou sensiblemente nos últimos anos. As propias características do monte galego están a condicionar a evolución do sector do serrado, unha transformación que está a ser diferente da que experimentan outros países europeos con importantes industrias de madeira de coníferas.

Así, no norte e centro de Europa, os serradoiros evolucionaron nos últimos anos cara a instalacións con liñas de grande capacidade produtiva e totalmente automatizadas, baseadas no procesado de madeira delgada e larga (normalmente de menos de 40 centímetros de diámetro), para a produción de madeira para elementos estruturais na construción e carpintería.

Estes cambios, xunto coa caída na demanda da madeira de coníferas para mobiliario e carpintería, fixeron que o prezo da madeira de coníferas de máis diámetro fose menor que o da madeira máis delgada.

As características da madeira de coníferas en Galicia, con maior conicidade e curvaturas que a madeira de abeto ou picea producida no norte de Europa, fixeron inviable a implantación en Galicia destas instalacións de alta capacidade para producir madeira estrutural longa (con máis de 4 metros).

As serras de piñeiro en Galicia centráronse durante moitos anos en optimizar ó máximo o rendemento da materia prima, especialmente mediante o serrado de madeira curta (entre 1 metro e 2,5 metros), na utilización de serras de cinta con pequeno espesor de corte e na produción da maior cantidade de madeira de maior calidade visual.

Porén, nos últimos 15 anos a caída do mercado en produtos de carpintería como tarimas e revestimentos, xunto ó incremento dos custos de produción e man de obra, fixeron mudar esta tendencia, e pasar a dar prioridade á redución dos gastos de produción a través do aumento da capacidade produtiva e á automatización de procesos.

Na actualidade, o piñeiro galego estase aproveitando para moi diferentes finalidades, se ben, como explican dende distintas industrias, un dos principais usos é a construción de envases e palés, xunto coa produción de táboas para carpintería.

José Carballo. Presidente da Fundación Arume

“A marca Pino de Galicia é un esforzo por estandarizar calidades, o mesmo que xa fai calquera serradoiro nórdico”

A produción galega está lixeiramente por debaixo do millón de toneladas de táboa de piñeiro, unha cantidade que supón máis do 40% da táboa que se serra en España. Con todo, estas cifras son mínimas se se comparan co consumo de táboa que hai no Estado. Tanto é así que as importacións de coníferas sitúanse moi por riba da produción de madeira galega.

Factores como a guerra de Ucraína, a incidencia de pragas que están a vivir os bosques en Centroeuropea ou o gran consumo de madeira de Estados Unidos e China están a provocar unha gran demanda de táboa de coníferas, sobre todo da procedente de países nórdicos. Esa demanda levou a un aumento dos prezos e do interese que xera no mercado a madeira galega, que aparece no mercado estatal como fonte alternativa de suministro ás coníferas europeas.

“Este escenario propicia que esta esta sexa a gran oportunidade para que a madeira de Galicia ocupe un maior espazo”, valora José Carballo, presidente da Fundación Arume, unha entidade que naceu no 2019 para impulsar a cadea do piñeiro de Galicia, do monte ó mercado final.

O obxectivo último da Fundación é que Galicia produza madeira serrada de calidade que abasteza á crecente demanda e que xere fidelización no mercado. Neste senso, encádrase a iniciativa impulsada dende a Fundación Arume de crear a marca Pino de Galicia.

“Calquera serradoiro nórdico ofrece unhas calidades estandarizadas, clasificadas con independencia de onde compres. En Galicia non ocorre isto. Por iso, a Fundación Arume creou a marca Pino de Galicia, que é un esforzo por estandarizar cara atrás, desde o mercado á produción de madeira, cun sistema europeo de clasificación que nos permita utilizar a madeira e a táboa para aqueles usos nos que é máis válida”, detalla Carballo.

“O reto é ser capaces de ofrecer ó mercado táboa con calidades homologadas, contrastadas e estandarizadas. Ademais, a través diso estandarizar a silvicultura e a produción de madeira de calidade no monte”, conclúe José Carballo, presidente da Fundación Arume.

Recuperarase a confianza no piñeiro no monte?

A tendencia de prezos baixos que mantivo a madeira de coníferas durante anos, ata a primavera do 2021, afectou á toma de decisións dos propietarios forestais en relación ó mantemento ou cambio de especies forestais nos seus terreos. Por iso, o sector tamén ve moi probable que coa revalorización do prezo en monte da madeira de coníferas, os propietarios forestais volvan a confiar no piñeiro.

Cómpre recordar que a madeira de piñeiro experimentou un incremento de prezos ostensible nestes últimos meses, con subas medias por lote do 40 – 50%. “Era unha suba necesaria, xa que o piñeiro estaba nun prezo moi baixo”, recoñecen dende o Grupo Villapol (Trabada, Lugo).

“Para que os propietarios volvan confiar nas coníferas, será necesario que a industria busque produtos que permitan dar o maior valor posible ás coníferas, de xeito que nun futuro se poida manter o prezo para o piñeiro”, argumentan dende XERA.

Xunto a iniciativas como a da fabricación de madeira estrutural para construción (CLT), será preciso buscar outros produtos serrados que eviten a actual dependencia do mercado de envases e palés.

Renovación de masas
Para garantir o subministro de materia prima de coníferas, dende o sector apuntan á necesidade de promover a renovación de moitas masas de coníferas, que se atopan xa pasadas da súa quenda de corta e que, por moi diferentes motivos, non foron postas no mercado. Así, insisten na importancia de mobilizar madeira para que non envellezan os montes e mellorar a súa calidade.

Unha das vías para conseguir mobilizar esta madeira é a silvicultura. “É importante explicarlle ó propietario que a silvicultura, ademais de ser necesaria para obter boa madeira, é un xeito de ter ingresos antes da corta final. Os rendementos da corta final por metro cúbico van ser moito mellores se se fai unha silvicultura apropiada, con rareos intermedios”, explica Jacobo Feijoo, responsable da Asociación Sectorial Forestal Galega, un colectivo de propietarios ligado a Unións Agrarias.

“O gran reto é dar valor á madeira de piñeiro no monte para que cando se corte teña un valor superior, non só por ter metros cúbicos, senón porque teña calidade” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

De incrementarse a intervención sobre o monte, acadarase unha maior produción aínda que non se incremente a superficie adicada a piñeiro.“É moi importante facer silvicultura nas coníferas. Podas, claras e mellora xenética son claves para mellorar o aproveitamento e a produtividade dos piñeirais. Hai que especializarse e incrementar o valor, para que esa madeira de piñeiro teña un valor engadido, xa que isto será o que lle sirva para competir en prezo con outras especies moi competitivas polo seu volume e as súas quendas máis curtas, como o eucalipto”, explica Feijoo.

“O gran reto é dar valor á madeira de piñeiro no monte para que cando se corte teña un valor superior, non só por ter metros cúbicos senón porque ten calidade”, conclúe.

Elier Ojea. Presidente de Fearmaga

“Procuramos unha saída alternativa a vender só táboas. Hai exemplos en Galicia onde se viron os esforzos por mellorar a segunda transformación da madeira”

Unha das dificultades para lograr o obxectivo de ofrecer maior cantidade de táboa serrada de piñeiro de calidade atópase no monte, pola falta de silvicultura (podas, rareos, etc.). “Cunha xestión forestal axeitada, Galicia podería aumentar sensiblemente as súas cortas. Unhas das eivas para poder logralo, xunto coa falta de silvicultura, é o minifundismo de Galicia. Temos que procurar iniciativas encamiñadas a lograr un bosque ben xestionado, unhas dificultades que xa afrontaron desde hai anos outros países como Austria”, valora Elier Ojea, presidente da Federación de Aserraderos y Rematantes de Galicia (Fearmaga).

Nos últimos 40 anos reduciuse notablemente o número de serradoiros en Galicia, pasando dos 600 a pouco máis de 200, entre outros motivos pola falta de relevo xeneracional ou a esixencia de fortes investimentos. Entre os serradoiros que continúan, destaca a evolución de empresas que fixeron importantes esforzos por darlle un valor engadido ó produto.

“Os serradoiros e rematantes entendemos que era preciso que o sector se especializase e procuramos unha saída alternativa a vender só táboas. Hai exemplos de serradoiros en Galicia que fixeron esforzos por comprar maquinaria e adaptarse, para facer unha segunda transformación seguindo as mesmas tendencias que no resto de Europa”, recordan dende Fearmaga.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información