“O selo Galicia Calidade ten o obxectivo final de axudar a que as empresas certificadas vendan máis”

Falamos coa xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, que desde finais do 2021 está á fronte do selo. Unha das liñas que anuncia que potenciará é a promoción da marca de garantía a nivel estatal e internacional

“O selo Galicia Calidade ten o obxectivo final de axudar a que as empresas certificadas vendan máis”

Ana Méndez, nova xerente de Galicia Calidade.

O selo Galicia Calidade é o exemplo dun caso de éxito que pode dicirse, en certo sentido, que se foi das mans. Naceu hai 25 anos como unha marca de garantía que amparaba a unha serie de produtos e servizos, pero ao pouco tempo converteuse nun slogan de uso popular para identificar produtos alimentarios, paisaxes e todo tipo de produtos e servizos ligados coa comunidade.

A nova xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, que tomou o testigo de Alfonso Cabaleiro hai algo menos dun ano, márcase o desafío de reencauzar o potencial da marca garantía. “Fíxose un bo traballo ao longo de todos estes anos e agora toca dar unha nova volta de torca”, resume.

– A túa traxectoria laboral e persoal está ligada ó mundo vitivinícola galego, onde eras directora de exportación do Grupo Reboreda Morgadío. Que visión tiñas daquela desde fóra do selo?
– Tiña a visión que se ten en xeral da marca. Galicia Calidade tivo un boom moi potente nos seus inicios, foi o primeiro selo de garantía deste tipo a nivel nacional, e co paso dos anos converteuse ademais nun slogan de uso común cando se quere falar da calidade dos produtos, servizos ou turismo de Galicia.

Coñecía todo iso, pero cando entrei no selo dinme conta de que é moito máis, pois trátase dunha certificación de orixe e calidade, ligada a uns pregos de condicións. A nosa idea é encauzar de novo a idea de Galicia Calidade ligada ó selo de garantía, de xeito que para as empresas que teñen o selo Galicia Calidade nos seus servizos e produtos, signifique moito máis que un slogan.

– Chegouse a unha situación de popularidade tal do slogan que, ao final, oculta a marca…
– A cuestión é que moita xente descoñece que Galicia Calidade é un selo de garantía que certifica a calidade de produtos e servizos. Fixemos un estudo de marca hai pouco e sabemos que Galicia Calidade é recoñecido tamén noutras partes de España. Coñécese o slogan, pero non se coñece tanto o selo de garantía.

O noso obxectivo, ó final, ten que ser que as empresas certificadas vendan máis, que leven a calidade dos nosos produtos fóra, pero que vendan máis. O selo tenlles que aportar valor.

Tamén hai que dicir que ás veces, pola popularidade do slogan, temos detectado que se usa incorrectamente, polo que en ocasións tivemos que explicarlle a determinadas empresas que non poden empregar ese slogan, ó non estar certificadas no selo de garantía.

– Que liñas de traballo queres desenvolver para potenciar un maior coñecemento da marca?
– Durante os meses que levo á fronte de Galicia Calidade, un dos obxectivos que me marquei é o de visitar a todas as empresas inscritas na marca para escoitar as súas necesidades. Son visitas moi satisfactorias para nós porque vemos que as empresas están contentas co selo, xa que o ven como unha promoción que lles axuda a vender fóra. Quizais botan de menos o que falabamos, que se perdera algo da identidade do selo de garantía. Unha das cuestións que nos piden é que nós fagamos eventos propios de Galicia Calidade, de cara a recuperar iso.

A celebración de eventos propios axudaría ademais a crear sinerxias entre empresas que están no selo, pois dáse pé a que se coñezan e poden xurdir posibilidades de colaboración.

– Sodes un selo multisectorial, con gran peso do sector alimentario, pero con espazo para outros sectores, como o turístico, que está gañando peso na marca. Ese vai seguir sendo o enfoque?
– Galicia Calidade está aberta a todos os sectores económicos galegos. Efectivamente ten gran protagonismo o sector alimentario, pois é o máis importante en volume de empresas, pero tamén hai hoteis, restaurantes, xoierías, empresas do sector industrial, viveiros, náuticos…

– Recentemente anunciouse tamén unha liña específica do selo para o sector alimentario, Galicia Calidade Alimentaria. Como se vai desenvolver?
– A idea de Galicia Calidade Alimentaria buscaba simplemente darlle unha maior identidade ós produtos agroalimentarios galegos, pero realmente a marca paraugas e o logo seguen sendo Galicia Calidade. O que se quere é dar un pasiño máis e proporcionarlle ós produtos agroalimentarios unha maior visibilidade.

– Sobre a mesa está o obxectivo de aumentar significativamente o número de empresas agroalimentarias ligadas a Galicia Calidade?
– Hai dúas cousas fundamentais para nós de cara ós próximos anos: unha é o aumento de empresas que se queiran certificar no selo, pois evidentemente no sector agroalimentario quedan moitas empresas que se poden certificar e Galicia Calidade é unha marca moi potente para os produtos agroalimentarios.

En segundo lugar, faremos unha promoción de todo este sector alimentario tanto a nivel nacional como internacional. Como comentabamos, o noso obxectivo final ten que ser que as empresas vendan máis, para o que o selo tenlles que aportar un valor.

– Tedes xa en mente algunhas das actividades que ides impulsar a nivel de promoción?
– A idea é facer accións separadas por sectores, pois por exemplo, ás adegas interésalles un tipo de importadores, en tanto hoteis e restaurantes precisan outros eventos máis ligados ó turismo. En calquera caso, tamén poderán xurdir sinerxias entre os sectores a nivel promocional.

– Galicia Calidade poderiámola definir como unha marca paraugas que se asenta sobre outros selos. En turismo, a Q de calidade, en alimentación as denominacións de orixe e IXPs… No caso concreto do viño, cres que Galicia Calidade sería útil para a promoción conxunta como marca ‘de referencia’ dos viños galegos no exterior?
– Sempre pensei que a idea de Galicia como marca paraugas é algo que debemos potenciar. A miña idea é falar cos consellos reguladores para potenciar iso. Todos podemos ver que Galicia Calidade é un ‘marcón’, falando de xeito coloquial, e temos que aproveitalo.

A nivel internacional, si é certo que, por exemplo, a denominación de orixe Rías Baixas é moi recoñecida, pero quizais outras non o son. Se levas a palabra Galicia nun evento de promoción xa te encadra nun ámbito xeográfico concreto. Logo cada D.O. terá que vender a idiosincracia do seu territorio particular, ben sexa Rías Baixas, o Ribeiro, Monterrei, a Ribeira Sacra ou Valdeorras. Cada denominación de orixe ten uns solos específicos, unha climatoloxía específica e unhas viñas específicas, pero que todos poidamos ir da man xuntos a un evento fóra, sería algo moi importante. En calquera caso, é algo sobre o que terán que decidir as adegas e consellos reguladores.

O noso papel é o de ser selo de promoción, para o que nos servimos das certificacións de calidade xa existentes, como as D.O. Non queremos ser unha empresa certificadora, senón promocionar os produtos e servizos galegos de calidade. A nivel nacional, 25 anos despois de que nacera a marca, aínda non hai nada tan potente como Galicia Calidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información