O nivel acadado polos seguros no sector vacún de leite de Galicia evolucionou moi positivamente nos últimos anos, segundo os datos da Agrupación Española de Entidades Aseguradoras de los Seguros Agrarios Combinados (Agroseguro). Isto púxose de manifesto especialmente no que atinxe ao capital asegurado, é dicir, a cantidade máxima de cartos que unha compañía de seguros pode chegar a pagar ao asegurado ou beneficiario en caso de sinistro.
O incremento máis relevante rexistrouse no capital asegurado relacionado co millo forraxeiro, clave para a alimentación do gando, que pasou de 13 a 41 millóns de euros entre 2018 e 2025, o que supón unha suba do 68 %.
No que atinxe aos bovinos, medrou un 38 %, pasando de representar uns 480 millóns de euros no 2018 a supoñer algo máis de 776,5 millóns no pasado ano 2025. O mesmo dato de capital asegurado, pero referido á retirada e destrución de animais, creceu nese mesmo período un 27 %, desde os 78 millóns de euros contabilizados hai agora oito anos ata os actuais 107 millóns de euros. En parecidos termos, desde 2018 tamén medraron de xeito significativo as indemnizacións por animal (un 31 %) e por recollida e destrución de bovinos (un 13 %).
Apoio económico da Xunta ao aseguramento
Todas estas cifras veñen demostrar unha evolución positiva neste eido dos seguros agrogandeiros, favorecida polo compromiso dos produtores e polo apoio económico das administracións. Neste sentido, dende a Consellería do Medio Rural destacan a súa “clara aposta por incentivar o aseguramento no conxunto do sector e así, desde o ano 2017 investimos máis de 60 millóns de euros de fondos propios para fomentar a súa contratación na nosa comunidade”.
Deste xeito, só no pasado 2025 contratáronse preto de 38.000 pólizas en Galicia, que permitiron cubrir máis de 31.800 hectáreas e 40,8 millóns de animais para chegar a un capital asegurado superior aos 1.200 millóns de euros. A superficie, animais e capital non deixou de medrar nos últimos anos. De feito, a superficie duplicouse, xa que en 2017 había 14.200 hectáreas. Hai que recordar, ademais, que a convocatoria destas achegas para o 2026 publicouse recentemente no Diario Oficial de Galicia (DOG), cunha dotación de 9,5 millóns de euros.
Galego








Control OJD