O sector vitícola demanda contratos para a uva antes da vendima

Unións Agrarias, que mantén hoxe unha reunión con Medio Rural, amósase preocupada pola escasa contractualización do sector. O Consello Regulador de Rías Baixas tamén lembra a obriga de cumprir coa Ley de la Cadena Alimentaria

Publicidade
O sector vitícola demanda contratos para a uva antes da vendima

A Ribeira Sacra marcou como día oficial de inicio da vendima o 20 de setembro.

A inminente vendima nas cinco denominacións de orixe galegas suscita un ano máis preocupación entre os viticultores. O sector cuestiona o que considera unha escasa contractualización das uvas. Unións Agrarias ten prevista hoxe unha reunión coa directora xeral de Agricultura e Gandería, Belén Docampo, para pedirlle un impulso ós contratos para a uva antes da vendima.

A organización agraria advirte de que as adegas non están a negociar prezos e incide en que, ó seu entender, os prezos se fixan “por imposición”. Tamén o Consello Regulador de Rías Baixas lembrou onte en nota de prensa a importancia da sinatura de contratos entre adegas e viticultores. O Consello incidiu en que o sector ten a obriga de cumprir a Ley de la Cadena Alimentaria.

“Esta lexislación busca que existan contratos por escrito entre as partes, que haxa un prezo fixado nos mesmos, que non se modifiquen os contratos e que se cumpran os prazos de pago”, destaca o Consello Regulador. Rías Baixas lembra tamén que o incumprimento da normativa pode derivar en sancións leves, graves ou moi graves.

Unións pide auditorías en campo para verificar que as adegas non meten uva foránea

Auditorías sobre a cantidade de uva
Ante a redución de uva que se espera este ano na maioría das denominacións galegas, Unións Agrarias pediu que Medio Rural realice auditorías en campo para controlar a cantidade de uva antes da vendima. A organización considera que pode haber “tentacións nas adegas” para meter uva foránea e así “manter baixos os prezos no campo”.

Unións, que estima unha caída media da produción de uva en máis dun 20%, destaca tamén a necesidade de axudas para os viticultores con maiores mermas. A organización considera que a Administración debe establecer axudas ‘de minimis’, permitidas pola lexislación comunitaria, para aqueles produtores que perdesen máis dun 30% da colleita, ben polo mildiu, pola seca ou por fenómenos de saraiba como os que se viviron na Ribeira Sacra -que xa conta con axudas- ou en Valdeorras.

Desde Unións tamén se pide unha condonación de parte das cotas da Seguridade Social.

Inicio da vendima
O Consello Regulador da Ribeira Sacra vén de anunciar como data oficial para o inicio da vendima o 20 de setembro, o que supón que un retardo de 5 días en relación ó pasado ano (15 de setembro). Hai dous anos, o día oficial de inicio fora o 18 de setembro. Tras os controis de maduración realizados estes días, o Consello concluiu que hai un retraso na maduración este ano en relación a campañas pasadas, polo que se retrasa uns días a colleita.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información