“O sector do viño galego coxea en viticultura, en coñecer e coidar os solos da viña”

Entrevista a José Manuel García Queijeiro, profesor do Departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo da Universidade de Vigo e cunha longa traxectoria no estudo dos solos dos viñedos galegos

Publicidade
“O sector do viño galego coxea en viticultura, en coñecer e coidar os solos da viña”

José Manuel García Queijeiro é quizás unha das persoas que mellor coñecen os solos de Galicia, e en concreto os dos viñedos, caracterizados pola súa gran diversidade.

Con el falamos sobre como mellorar a saúde dos solos das viñas para así lograr tamén mellores rendementos vitícolas, tanto en cantidade como en calidade.

-Como xurdiu o teu interese pola investigación en viticultura en xeral, e dos solos dos viñedos en particular?
O meu interese polos solos ven de cando nos últimos anos de carreira cursei as materias que impartían os profesores do Departamento de Edafoloxía dirixidos por D. Francisco Guitián, que foi quen de reunir arredor da súa cátedra a unha morea de excelentes mestres e investigadores esgrevios quen nos contaxiaron a min e a moitos compañeiros dun interese polo estudo dos solos, que terminaría por orixinar unha das mellores escolas -senón a mellor- de edafólogos (especialistas no estudo dos solos) que deu este país. Fixen a miña tese de doutoramento investigando sobre a fertilidade dos solos agrícolas dos Bergantiños na década dos oitenta, e despois seguín traballando no eido dos solos e os problemas de fertilidade noutras zonas de Galicia, ata que ó comezar este século cheguei Aos solos de viñedo e a súa problemática específica.

-En que proxectos de investigación estás a traballar neste momento?
Neste momento estou participando no proxecto VITICAST no que colaboramos equipos de investigación das universidades de Vigo e de Santiago, con outras institucións como a EVEGA, FEUGA e a Diputación de Pontevedra, xunto con adegas como Viña Costeira, Matorromera e a Hacienda Monasterio, e tamén coa empresa Monet de servizos tecnolóxicos a viticultura. O obxectivo desta colaboración é desenvolver algoritmos e aplicacións que se poidan utilizar nos móbiles para axudar os viticultores a mellora-la eficacia e rebaixar os custos económicos e para o medio ambiente, dos tratamentos contra algunhas das pragas que causan máis estragos nos viñedos das DO galegas e de Castilla-León.

-En liñas xerais, como está a saúde dos solos dos viñedos galegos?
Hai de todo, dende solos que están moi ben dende o punto da súa capacidade para seguir abastecendo as viñas do que precisan para seguir producindo moitos anos colleitas abundantes e de calidade, ata outros que teñen máis problemas como non podía ser doutro xeito nunha zona como Galicia, tan diversa en moitos aspectos e tamén no que toca á saúde do solo.

“Os solos das viñas galegas non andan mal de saúde”

Pero en liñas xerais podemos dicir que os solos das viñas galegas non andan mal de saúde, xa que se non fose así non seguirían dando colleitas ano tras ano, inda que se nos paramos un pouco máis, tamén poderíamos engadir que a súa saúde é razoable para a idade que teñen e aí xa habería que diferenciar ou facer unha primeira distinción entre os solos das zonas vitícolas da costa, que nos máis dos casos levan pouco tempo con viñas e os solos dos viñedos do interior de Galicia, que en moitos casos levan con viñas dende hai moitos séculos. Uns e outros presentan un estado de saúde razoable (senón non habería vendimas), pero tamén teñen os seus achaques, que serán diferentes dependendo do tempo que leven proporcionándolle ás cepas o que os solos teñen que darlle: soporte para que se afinquen as súas raíces e a auga e os nutrientes que as viñas precisan para medrar e que se logre a colleita.

Ademáis deses problemas xenéricos, os solos dos nosos viñedos tamén poden ter tamén outros problemas concretos, que nalgúns casos son comúns a todos eles e que outras veces afectan únicamente aos solos dunha zona concreta ou a algunha viña en particular. As mais das veces eses problemas non son de gravidade e teñen solución a un custo razoable …… se temos un pouco de paciencia.

-Cales son os parámetros máis relevantes para avaliar o bo estado do solo nun viñedo?
Os máis relevantes son os que afectan Ao subministro de auga e nutrientes que poden ser de moi distintos tipos, aínda que poucas veces teñen moita gravidade: secas, acidez do solo, contido en materia orgánica excesivo (na costa ou nas novas plantacións nos terreos a monte ao amparo das políticas de reestruturación) ou moi pobre (viñas tradicionais das DO do interior), desequilibrios entre os nutrientes máis importantes (calcio, magnesio e potasio), carencias porque algún nutriente non é quen de atender toda a demanda das videiras de forma puntual ou durante máis tempo, algunha toxicidade por exceso de certos metais e pouca cousa máis.

O mellor para facerse unha idea cabal do estado do solo é mirar ben as vides: ver como van medrando, se o fan no seu tempo ou van atrasadas, se presentan síntomas de carencias (manchas amarelas ou doutros colores nas follas ou acios que secan e murchan), en que momento aparecen os síntomas e por onde empezan a verse (nas follas novas ou nas vellas), onde aparecen nas follas (nas beiras, na punta, entre as nervaduras, etc.) e cara a onde avanzan (dentro das follas), etc. Se anotamos todos eses síntomas ou lles facemos unhas fotos agora que todo o mundo ten un móbil, poderemos comezar a facer un diagnóstico como fan os médicos.

Hoxe en internet hai moitas páxinas que se poden empregar como referencia para facerse unha idea de que nutriente pode ser o que falta ou sobra, pero como no caso dos médicos o mellor é acudir aos que saben, que normalmente para confirmar o diagnóstico van aconsellarnos que mandemos a analizar os solos e as follas (por exemplo aos laboratorios da Estación Fitopatolóxica de Lourizán), que en pouco tempo nos dará os resultados para completar o diagnóstico e unha recomendación de fertilización e/ou un diagnóstico dos problemas que poida haber.

“Para coñecer como está o solo dun viñedo hai que analizar o solo pero tamén as follas das videiras”

Compre combinar os dous tipos de análises (solos uns 20 € e follas uns 40 € en Lourizán), porque para saber como están algúns nutrientes non valen as análises de solos e son mellores as análises foliares e ao revés. Con esa información completaremos o diagnóstico da saúde do solo das nosas viñas e teremos identificados os problemas se os houbese, para buscarlles remedio deseñando un programa de fertilización a medida das necesidades das nosas viñas. O aconsellable é facer esas análises cada 3 ou 4 anos ou. de ser o caso, se vemos que un ano os síntomas de carencias abondan. Se comparamos co que se gasta nos tratamentos contra os fungos, vemos que son poucos cartos e aínda poderiamos engadir que compensa, porque moitas veces os problemas no solo son porque nos pasamos con algún tipo concreto de fertilizante, que poderíamos aforrar reducindo as doses para que non xurdan desequilibrios cos outros nutrientes que están na orixe de moitos problemas.

-Como podemos axudar mediante o manexo da viña a que un solo sexa máis resistente á seca?
Unha das formas máis sinxelas de mellorala resistencia as secas é espallando palla para que actúe como un acolchado que ademáis do seu efecto físico conservando a humidade do solo tamén aumenta o contido en materia orgánica, que falta lle fai a moitos dos solos das viñas do interior de Galicia.

“Cubrir o solo das viñas con palla ou con cubertas vexetais é unha boa técnica para reducir os efectos da seca e mellorar a estructura do solo”

Esta práctica cada vez é máis común na Ribeira Sacra onde levan xa moitos anos espallando palla nas viñas con bos resultados. Os efectos do acolchado con palla son de varios tipos: a palla vaise transformando en materia orgánica, que axuda a aumentar a capacidade dos solos para reservar auga, pero tamén limita a evaporación da auga dende o solo, como temos comprobado moitas veces cando medimos a humidade do solo a distintas profundidades, con resultados espectaculares e que chamaban a atención dos adegueiros que se adiantaron a utilizar este recurso xa hai moitos anos.

Tamén están as cubertas vexetais, que teñen algunha pega (consumen auga, sobre todo se non se axustan os cortes ao paso do tempo) pero tamén vantaxes (dan sombra e limitan algo a evaporación) que hai que considerar con calma en cada caso. E algo parecido podemos dicir de reducir os pases de labor: cavando airéase o solo e arríncanse as malas herbas, pero tamén aumenta a porosidade da capa superficial do solo e a aireación, co que escapa a humidade.

-E a que mellore a produción e calidade da uva sen penalizar o seu equilibrio biolóxico?
Para esa mellora a chave é -como case sempre no caso dos solos galegos- unha xestión axeitada da materia orgánica, imprescindible para limitar os efectos dos excesos de acidez, aumentar as reservas de auga do solo ou o volume de nutrientes importantes a disposición das plantas a curto e medio prazo, pero tamén para limitar os problemas de toxicidade ocasionados por metais como o cobre ou o aluminio. Esa materia orgánica tamén é a que sustenta a numerosas comunidades de organismos de moi diversos tipos, que participan activamente en diferentes momentos e etapas da súa reciclaxe e tamén, que ese organismos, esa vida do solo, pasan tamén a ser materia orgánica cando morren.

Os problemas coa materia orgánica poden ser por pasarse (máis frecuentes na costa, nas novas viñas plantadas en terras a monte co gallo das axudas a reestruturación ou nas viñas das veigas) porque os excesos de materia orgánica poden disparar o vigor, que retrasa e empeora a maduración ou porque chegue para atender as necesidades da viña, como pasa en moitas viñas do interior, onde os solos son pobres en materia orgánica e non poden contar co seu efecto protector fronte á acidez, á pobreza en nutrientes, etc.

“A fertilización debe ser axeitada e proporcionada ás características do solo das nosas viñas e da colleita que vendimamos”

O segundo aspecto a considerar é a fertilización: as vendimas exportan nutrientes tódolos anos que tamén escapan da viña ao podar e coas follas que caen. Se sacamos sen repoñer chegará un momento en que non quedarán reservas e aínda que as vides non precisan moitos nutrientes, iso dependerá da colleita: unha vendima de 18.000 kg/ha exporta tres veces máis que unha de 6.500 kg e que cada un bote a súas contas. Unha fertilización axeitada e proporcionada ás características do solo das nosas viñas e da colleita que vendimamos, é o mellor camiño (e o máis barato) para conseguir un compromiso axeitado entre produción e calidade.

-Como inflúen os tratamentos a base de cobre no solo? Son unha ameza para a fertilidade dalgunhas zonas vitícolas neste momento?
Tense dito que os éxitos que dun tempo para aquí están conseguindo os viños ecolóxicos, biodinámicos, etc, en moitas catas e concursos internacionais, terían como posible explicación, que o cambio a este tipo de prácticas non convencionais, permitiron recuperar a vida dos solos dunhas viñas que levaban século e medio arrasadas polos tratamentos contras as pragas. Sabemos que os solos dos viñedos están entre os que teñen menos actividade biolóxica e que os tratamentos que levan cobre, aumentan a acidez do solo e fan que cambien os tipos de organismos que hai neses solos.

“Os tratamentos que levan cobre, aumentan a acidez do solo e fan que cambien os tipos de organismos que hai neses solos”

Hoxe a cantidade de cobre que levan produtos activos que se empregan nos tratamentos é cada vez e máis baixa e o limite máximo autorizado é moi baixo e a marxe de seguridade moi grande, polo que podemos estar bastante confiados en que non teñen efectos sobre a fertilidade do solo, como veñen demostrando dende hai algún tempo os traballos dalgúns dos nosos compañeiros que son de referencia neste eido.

-E no caso dos herbicidas?
É un tema complexo e eu non me atrevo a ser moi concluínte porque non teño unha opinión formada sobre o tema, inda que nas viaxes e congresos vese que en moitas das zonas vitícolas de gran sona e tradición, hai unha tendencia a prescindir dos herbicidas, a plantar herba ou a deixar que medre a vexetación natural. Nas publicacións e tratados de viticultura tamén hai diversidade de opinións porque como pasa moitas veces o emprego de herbicidas ten vantaxes e inconvenientes que son sabidos e non imos debullar agora, entre outras razóns porque non sempre pesan o mesmo: alí onde chove moito manter a herba é mais doado e compite menos coas cepas, ás que pode favorecer porque limitan o vigor, pero nas zonas máis secas do interior xa son outros os factores que hai que valorar. En moitas zonas vitícolas de tradición e nas explotacións máis pequenas , tamén hai que contar cun compoñente sociolóxico que pode ser de peso: se non limpamos a viña…….. podemos pasar por lacazáns, e ao fin e ao cabo, dar unha man de herbicida non costa tanto e hai que ver que lucida queda a viña, pero….non cabe dúbida de que as limitacións para que non se usen van seguir medrando e co tempo vanse prohibir.

-Cales son os principais erros que detectas no manexo do solo nos viñedos en Galicia? Que recomendarías para mellorar a súa fertilidade?
Para min o erro é que por moito que o digan e inda que no sector son moitos o que o din, non terminamos de convencernos de que a calidade do viño faise na viña. E a min no me deixa de chamar a atención, porque o sector vitivinícola galego pódese dicir que está a última no que toca a tecnoloxía enolóxica, que deu un salto de xigante dende hai uns corenta anos e foi capaz de situarse na vangarda da enoloxía. Pero é un sector que coxea, porque ten a outra perna (a viticultura) moito máis curta, e coxeando é difícil competir nesa primeira división onde debería estar o sector vitivinícola galego. Hoxe non se concibe unha adega sen enólogo e é normal, ao fin e ao cabo o que se vende é o viño e ten que saír ben, pero ….. unha boa parte desa calidade e do volume da colleita depende dunha fertilización axeitada ças necesidades de cada viña.

“O sector vitivinícola galego avanzou moito en enoloxía pero coxea en viticultura”

Os motivos son moitos e moi diferentes e pode que as universidades galegas que a estas alturas aínda non foron quen de artellar uns estudos superiores en Viticultura e Enoloxía teñan parte da culpa, pero non é o único nin moito menos. Moitos viticultores inda que pasan moitas horas traballando nas súas viñas non saben que as variacións da produción e da calidade das súas vendimas, non son cousa únicamente das variacións do clima ou da intensidade con que resulten afectadas polas pragas e doenzas e non reparan en comprar fitosanitarios para dar tratamentos, gastando moito diñeiro que estaría mellor invertido en pagar unhas análises, para aforrar ou equilibrar o aporte de fertilizantes. Deberiamos mirar máis para as plantas e aprender como van medrando e a recoñecer os síntomas dos problemas, porque se non aprendemos a recoñecer os problemas non lles buscaremos remedio.

-Á hora de engadir abonos, que recomendarías? Cales consideras que contribúen a mellorar máis a estructura do solo?
Comezarei pola segunda parte da pregunta: para mellorar a estructura do solo non hai cousa como a materia orgánica: esterco, composta, palla, toxo, gabiar….etc, é o mellor. Tamén podemos mellorar a estructura do solo encalando, pero coidado, non se debe engadir materia orgánica e encalar no mesmo ano: se encalamos deixaremos para os anos seguintes a aportación das materias orgánicas.

“Para mellorar a estructura do solo non hai nada como a materia orgánica”

No que toca aos fertilizantes químicos, inorgánicos ou como se queiran chamar, o máis importante é o balance entre os niveis de calcio, magnesio e potasio, que son nutrientes que inflúen de moitas maneiras na calidade do viño e dos mostos, así como na marcha da fermentación. Porén, interfiren uns cos outros para entrar nas raíces e tamén en moitos dos procesos que teñen lugar nas follas e nos acios. Coñecemos bastante ben en que proporcións deben aparecer nos solos ou nas follas, pero como as cantidades en que aparecen nos solos galegos e as proporcións entre eles son moi variables, o mellor é non fiarse de receitas xerais ou da internet e acudir ao especialista, que pedirá unhas análises e receitará o abono máis aconsellable para cada caso concreto. Ás veces poden faltar outros nutrientes pero é moi raro e tamén neses casos o mellor é non facer nada ata que teñamos as análises, porque pode que empeoremos a cousa en vez de mellorala e tiremos o diñeiro que estaría mellor investido noutra cousa.

Existe relación entre enfermidades fúnxicas e da madeira e o coidado do solo en  viñedo?
Non son especialista nas pragas e doenzas da vide (no noso mundo tendemos a especializarnos en temas concretos e o mellor é non meterse no que non sabemos) pero é sabido que as enfermidades fúnxicas e da madeira atacan máis cando aumenta a humidade do aire e tamén do solo, polo que cómpre non pasarse coa rega no caso de que a teñamos instalada. Nun tempo falouse bastante dos solos supresivos, que polo visto eran aqueles que evitaban ou limitaban a proliferación e os ataques dos microorganismos responsables dalgunhas pragas. Sen chegar a eses extremos penso que se pode admitir que un solo saudable, cun contido axeitado de materia orgánica e sen problemas de desequilibrios ou carencias entre os nutrientes, estará mellor preparado para defenderse ou resistir os ataques dos organismos que provocan as enfermidades criptogámicas ou da madeira.

 “Cando se fai unha nova plantación en terreo de monte é moi importante o encalado”

-No caso de realizar novas plantacións de viñedo en terreos a matogueira e ou forestados, que recomendacións darías para mellorar a fertilidade do solo?
Neses casos a clave é facer un abonado de fondo e concretamente encalar no momento en que preparamos o solo antes de plantar. As máis das veces chega con encalar pero hai quen di que tamén se pode aproveitar para engadir os fosfatos. Eu non son moi partidario de engadir fósforo co abonado de fondo, porque é un nutriente que ten un comportamento moi complexo no solo e porque case non hai referencias a viñas con problemas por falta de fósforo.

Pero co encalado é outra cousa: neses casos o encalado é moi necesario e hai que aplicarse para facelo ben, porque neses solos o contido en materia orgánica é excesivo case sempre e o encalado favorece a súa mineralización para que baixe a niveis máis normais e non se dispare o vigor para cando as viñas entren en produción. Hai que mesturar ben as calizas por todo o volume do solo e calcular ben as doses que se engaden, partindo dos resultados dunha análise de solo completa que teña en conta (enviando a analizar por separado) as diferencias entre os contidos en nutrientes da capa superficial do solo (os 25 cm superficiais) e o solo que hai máis abaixo (ata 75 cm). As análises tamén servirán para decidir o tipo (calizas normais ou magnesianas) e as doses, porque non hai que pasarse, xa que se encalamos de máis produce un efecto rebote que compre evitar, porque as variacións bruscas nos niveis de acidez afectan moito á actividade biolóxica e á saúde do solo.

-Es coñecedor do sector vitícola en moitas rexións do mundo. Como estamos respecto a eles no manexo do solo? Cales serían as principais ensinanzas que poderíamos aplicar aquí?
Para min estamos en cabeza en Enoloxía e máis atrasados no que toca a Viticultura, sobre todo cando nos comparamos con países do novo mundo vitícola (Australia, California, Chile, Arxentina, etc) que levan moito tempo aplicando os avances que van chegando nese eido, pera conciliar altas producións e calidade.

-Como consideras que as novas tecnoloxías e a chamada viticultura de precisión vai mellorar o coidado do solo nos viñedos?
Fun un dos primeiros en traballar en Galicia e en España nese eido aló polo ano 2008 porque pensaba que tiñan futuro na nosa terra, pero probablemente aínda era moi cedo porque chegou a crise e as prioridades mudaron. Tamén había poucas viñas de tamaño grande que son as que teñen mais potencial para aplicar estas tecnoloxías, pero estou bastante seguro de que, andando o tempo, as explotacións e as adegas que queiran ser competitivas terán que ir por ese camiño.

“Co cambio climático, dentro de 25 anos o mapa das zonas vitícolas galegas terá pouco que ver co que hoxe coñecemos”

-Algo máis que queiras engadir?
Insistir na importancia do cambio climático que trae moitos desafíos para a viticultura (pensade que as viñas que hoxe plantamos estarán producindo dentro de 20 ou 30 anos, nunhas condicións que van ser moi diferente das que hoxe temos), pero tamén oportunidades porque plantaremos viñas en moitos lugares (O Valadouro, por exemplo onde desapareceron hai 3 séculos) nos que hoxe non se dan. Estou convencido de que dentro de 25 anos cando as viñas que plantamos agora sigan producindo, o mapa das zonas vitícolas galegas terá pouco que ver co que hoxe coñecemos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información