“O sector porcino de Galicia precisa dunhas industrias fortes e matadoiros grandes”

PABLO MEIJOMIN

Falamos con Pablo Meijomín, Presidente da Federación Galega de Porcino (FEGAPOR) e propietario de 20 granxas, tanto de nais como cebadeiros e con diferentes fórmulas de comercialización, con explotacións propias, integradas e mesmo alugadas. A situación actual do sector, os retos e expectativas de futuro, os condicionantes legais e a evolución do mercado son só algúns dos apartados que repasamos nesta viaxe ao corazón do porcino galego.

– Unha das cuestións que máis preocupa no sector é a obriga de modificar o espazo dispoñible nas granxas para cumprir co Real Decreto 159/2023 de benestar animal. Como está a situación a día de hoxe?

A normativa de modificación de espazos afectaba ao 90% das explotacións. En Galicia hai uns 1.150 cebadeiros e unhas 120 granxas de nais. A administración vese desbordada para facer fronte ás inspeccións das granxas, que inclúen medicións e reorganizacións en moitas delas.

Dende FEGAPOR propuxemos que fosen os veterinarios das Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS) os que fixeran ese traballo. Igual que xa fan outras tarefas que competen os veterinarios da administración. Nalgúns concellos de Lugo e Ourense aceptouse pero en Pontevedra e A Coruña non.

Coa capacidade que ten hoxe a Xunta non cremos que todas as granxas estean inspeccionadas en marzo do ano que ven, que é cando remata o prazo para adaptar as explotacións aos requisitos que fixa o Real Decreto 159/2023 de benestar animal.

– A diferencia do sector vacún, Galicia non se considera un gran produtor en España. En que cifras nos movemos actualmente?

Galicia non é un gran produtor dentro de España. Non chegamos nin ao 4% do censo estatal. Temos arredor dun millón e medio de porcos censados dun total de 50 millóns de exemplares que constan no rexistro estatal.

Hai diferentes tipos de granxas de nais, aínda que todas se orientan á produción de leitóns. Dalgunhas saen con 6 quilos de peso e van para outras granxas chamadas “de transición” ou para outras zonas da mesma granxa orientadas a ese fin. Cando rematan a transición, saen para os cebadeiros cuns 20 quilos de peso.

En Galicia temos máis prazas nos cebadeiros que leitóns somos capaces de producir. E eso deberamos corrixilo para non depender da importación

A cuestión é que en Galicia hai moitas máis prazas de cebadeiro que os leitóns que se producen. Somos importadores de leitón. Que chega dende o resto do estado pero tamén doutros países como Alemaña, Bélxica ou Dinamarca.

– Hai, pois, marxe para aumentar o número de granxas? Sería beneficioso para o sector?

Para medrar temos varios condicionantes. O illamento xeográfico benefícianos en termos de bioseguridade, xa que as enfermidades tardan máis en chegar. Pero ese illamento leva a que non teñamos unha gran industria. Porque estamos moi alonxados dos lugares de saída hacia os mercados: Barcelona e Valencia hacia o asiático e os Pirineos hacia Europa.

Os grandes matadoiros, salas de despezamento ou industrias de transformación concéntranse en Aragón e Catalunya. Aquí só temos un matadoiro algo importante -o de Frigolouro, en Porriño- e a meirande parte dempresas galegas están sacrificando en Portugal.

Agora fálase dun gran grupo industrial catalán que se está a asentar en Galicia. De feito xa entrou no sector avícola. De confirmarse, sería unha boa noticia porque revitalizaría a situación. Sobre todo se crean un gran matadoiro con capacidade para sacrificar 2.000 porcos diarios. Eso sería tremendamente positivo para o porcino galego.

Un matadoiro en Galicia con capacidade para sacrificar 2.000 animais diarios faría medrar moito o sector

O mesmo sucede cos pensos que se lle dan aos porcos nas fases iniciais. Son produtos moi elaborados e específicos que requiren dunhas racións complexas. As empresas de pensos galegas non están especializadas nese aspecto e chega moito penso aragonés e catalán a Galicia.

A cabana galega só supón o 4% da de toda España

A cabana galega só supón o 4% da de toda España

Non deixa de ser preocupante que cebemos os porcos aquí, os mandemos sacrificar en Portugal e despois esas canales volvan para carnicerías e empresas elaboradoras de Galicia. Eso supón un incremento dos custos de transporte moi a ter en conta.

Tampouco podemos esquecer que as granxas están limitadas. Ten que haber distancoas sanitarias entre ela e tamén respecto dos núcleos urbanos, estradas, ríos…hai moitos concellos nos que é imposible establecer granxas por todos eses condicionantes.

– A xestión dos xurros, coa cuestión da carga de nitratos en comarcas como a Baixa Limia ou o Deza, tamén leva anos constituíndo un problema para as granxas. Hai algunha novidade ou solución?

O ano pasado conseguimos modificar aspectos da Instrución Técnica de Xestión de Xurros e adaptala á realidade. Porque, ata entón, as esixencias eran tremendas en canto a número de hectáreas por animal. Para entendernos, como botar un caldeiro de xurro en 100 metros cadrados.

Eso era absurdo porque, coa dispersión que se esixía dos xurros, nin se podía obter un rendemento agrario da sua utilización -por ir tan esparexido- nin a maioría das explotacións atopaban terreos para poder depositar eses fertilizantes. Houbo proxectos de explotación que non se concretaron porque non podían facer fronte a eses requisitos de terreo.

Respecto dos nitratos nesas dúas principais comarcas -as que concentran case toda a produción galega- creo que hai moita lenda urbana. O ano pasado houbo un informe dunha organización ecoloxista que foi amplamente recollido na prensa. O informe estaba cheo de inexactitudes, por non decir outra cousa. Por exemplo, comenzaban decindo que Galicia ten o 30% da cabana española…

En Galicia hai uns 1.150 cebadeiros de porcos e 120 granxas de nais

En Galicia hai uns 1.150 cebadeiros de porcos e 120 granxas de nais

Poderá haber unha mala xestión dunha persoa determinada nun momento determinado. E haberá que sancionala. Pero non se pode xeneralizar e criminalizar a todo o colectivo polo que poida pasar nunha granxa concreta.

Conseguimos que a Instrución Técnica de Xestión de xurros se adaptara á realidade. Porque houbo granxas que non se construiron por non poder cumprir con ela

A cantidade de fertilizantes químicos que se consumen en Galicia anualmente -46.000 toneladas- xa deixa claro que en Galicia non sobran os xurros. Sen xurros non habería actividade agraria e calquera sabe que o fertilizante orgánico sempre é mellor que o químico, que único que fan é nitroxenar rápido.

– Outro debate aberto é o da utilización de lodos de depuradora como fertilizantes. Cal é a vosa postura?

Nós percibimos que o uso dos lodos está pouco regulado e controlado. E cremos que é un produto nocivo para a saúde da terra. Porque, ademais de antibióticos ou metais pesados, levan area. E a area desertifica a terra. E logo todo eso acaba nos acuíferos e a culpa botáselle os xurros.

En Galicia hai 2.700.000 habitantes. Está calculado que se producen anualmente 130 metros cúbicos das chamadas “augas grises” por cada habitante. Eso son 351 millóns de metros cúbicos. En cambio, cada porco de cebo non chega a 1,5 metros cúbicos por ano.

A nós esíxennos 6 meses de almacenamento exterior e non nos contan o interior. E eso que nun ano hai tres períodos de fertilización, como minímo. Pois eso, nós temos que esperar 12 meses e as depuradoras non teñan capacidade nin para aguantar un só día de choivas intensas.

Os lodos de depuradora non só son nocivos para a terra. Os danos que causan son achacados inxustamente aos xurros de porcino.

Este ano vivimos varios episodios de riadas fortes e prohibiuse o baño en lugares como a praia de Samil polo rebordamento das depuradoras, que non teñen suficientemente separadas as augas fecais das pluviais… e, sen embargo, dise que a contaminación é por culpa nosa. Pois vaia.

A creación obrigatoria de balsas de xurros preocupa a FEGAPOR polos condicionantes que conleva

A creación obrigatoria de balsas de xurros preocupa a FEGAPOR polos condicionantes que conleva

Nunha reunión coa Consellería para falar das zonas vulnerables a nitratos e outros contaminantes, amosáronnos un mapa onde se vía que os lugares máis afectados eran zonas costeiras, grandes cidades e desembocaduras de ríos. Por exemplo, en toda a conca do río Lérez non hai granxas e aínda así a ría de Pontevedra está altamente contaminada.

– No último ano está a medrar a demanda, e por tanto o consumo de leitón. Percibides esa tendencia en Galicia?

Todos os anos hai un aumento da demanda no final do ano para ter stock para as festas. Pero co leitón sucede igual que resto do sector galego: non hai infraestrutura. O único matadoiro de leitón galego é o de Verín e ten pouco volume. Principalmente vai para conxelar e consumir nas festas.

As Agrupacións de Defensa Sanitaria manteñen o porcino galego nos primeiros postos en canto a saúde dos animais

As Agrupacións de Defensa Sanitaria manteñen o porcino galego nos primeiros postos en canto a saúde dos animais

En Galicia non hai demanda suficiente. Tamén porque a produción de leitón require dun traballo xenético. Non é o mesmo sacar un porco cebado de 115-120 quilos que un leitón de 10. Son animais moi diferentes e o proceso de crecemento tamén o é. Na zona de Segovia hai moita granxa de produción de leitón para consumo. Porque tamén hai moita demanda.

– Un aspecto clave na gandería son os custos de produción. Como está o porcino galego nese apartado?

Ante todo, hai que ter en conta que o 80% de todo o custo de produción abrángueo o penso. E temos constancia de que xa dende principios de ano houbo unha baixada constante e notable do prezo das materias primas, especialmente do trigo, o millo e a soia. Sen embargo, as fábricas de pensos cústalles reflectir esa baixada no que pagan os gandeiros.

Pero debemos recoñecer que si que están baixando algo. Respecto a hai dous anos, o prezo dos concentrados baixou, aínda que non creo que vaian volver ser os mesmos que tiñamos antes da guerra en Ucrania. Daquela, os custos do producción do kg de carne de porco estaban entre 1,05 e 1,10 euros. E agora non baixamos de 1,40.

Os concentrados supoñen o 80% dos custos de produción das granxas. Calquera variación neles, condiciona o resultado da explotación.

Un 10% dos custos serían os de man de obra e o outro 10% vai en amortizacións, insumos e outros gastos pequenos. O consumo enerxético nas granxas é moi reducido. E gástase máis en calefacción no inverno que en refrixeración no verán.

– Cal é a situación de mercado dos produtores de porcino galego?

Malia non acadar os prezos do penso de 2021, estamos vivindo uns anos bos. Temos marxe de beneficio e gañamos cartos. Cos prezos e custos que había daquela, estariamos gañando moito máis. Pero eu creo que non é positiva unha situación excesivamente boa. Porque pode levar a que aparezan granxas por todos lados, a que se paguen barbaridades polos cebadeiros…a que se produza unha burbulla, en resumo. Na actividade agraria ten que haber unhas marxes moderadas tanto hacia arriba como hacia abaixo.

Secadeiro de xamóns de porco celta de Cárnicas Teijeiro

O porcino galego e español colocan no mercado produtos de moi alto valor engadido, como os xamóns

Tamén é lóxico pensar que nos beneficia o alto prezo que ten agora a carne de vacún. Nós podemos pasar de ter o quilo a 1,30 e poñelo a 1,80 sen que o consumidor nos vaia penalizar. Porque segue sendo unha carne moi barata en relación coa tenreira. E o mesmo sucede co polo, que pode subir prezos sen que se note no consumo.

En Galicia a inmensa maioría das granxas son cebadeiros que traballan con contratos de integración porque dependen dos integradores para recibir os leitóns que van cebar. Hai que pensar que a integración é unha fórmula que implica pouco máis de dúas horas de traballo ao día, polo que se pode ter outro emprego. E normalmente ofrece un beneficio notable.

A carne de porco ten a vantaxe de que pode subir os prezos sen que o consumidor a penalice. Porque segue sendo moi barata.

Pero tamén debo decir que dende hai moito tempo as subvencións son para os cebadeiros e dese xeito cada vez hai menos granxas de nais. Eso non é o desexable, xa que dan máis beneficios, crean mais emprego e mais riqueza nas comarcas. E de nada serve ter moitos cebadeiros se logo temos que traer de fóra os animais para enchelos, co risco sanitario que eso supón.

Hoxe as fábricas de pensos ofrecen moito máis que alimento. Pódenche buscar un cebadeiro, axudar na comercialización, prestar servizos técnicos veterinarios, vender material para a granxa…todo eso teno que analizar o produtor e escoller a opción máis viable.

– En que iniciativas traballa actualmente FEGAPOR?

O máis urxente agora é resolver os flecos pendentes que quedan na Instrución Técnica de Xurros. Sobre todo no tocante ao capacidade de almacenamento de xurros. Eso de esixirnos 6 meses de almacenamento exterior non ten moito sentido. Construír unha balsa para o xurro pode saír máis caro que erguer unha granxa nova. No caso das granxas de nais máis antigas, nin sequera teñen terreo para facer as balsas esixidas. Se se nos autorizan saídas mensuais ou bimensuais do xurro, non haberá risco de verquidos.

Por outro lado, hoxe é habitual que as granxas de cebo novas se vaian a 2.000 prazas. Eso conleva facer unha balsa de 2 millóns de litros de capacidade. Imaxinemos que temos eses 2 millóns almacenados e bota seis meses chovendo. Un problema enorme porque quedas sen capacidade para meter máis xurro e corres o risco de que a balsa rebente, coa conseguinte desfeita na terra e multa na granxa. Na nosa opinión non debe de haber nas explotacións tal cantidade de xurro almacenado.

O almacenamento dos xurros non ten moito sentido. Perdemos capacidade fertilizante e creamos un problema de xestión nas granxas.

Ademais, a xestión deses xurros embalsados acabaría xerando un custo para a explotación. Porque habería que tratar con xestores especializados e buscar onde depositar toda esa cantidade acumulada. Non pode ser que o que debera ser un recurso pola súa capacidade fertilizante acabe convertido nun problema económico e de loxística na granxa.

Tamén estamos pedindo que se cambie a política de subvencións e se dea prioridade a que os cartos vaian para axudas que contribúan a que poidamos cumprir coa lexislación. Por exemplo, ter as fosas tapadas, adaptar o espazo e tamaño das granxas, benestar animal…E é que a día de hoxe só hai subvencións á mellora das explotacións e á incorporación. E hai moi pouca xente que poida acceder a elas polos límites de idade e os criterios de preferencia..

– Un problema en todos os sectores é a falta de man de obra. Tamén no voso?

Si. Ninguén escapa diso. Hai anos pedímoslle a Consellería que creara no Deza un módulo de FP para formar traballadores para granxas de polos e porcos, poñendo nós as instalacións para que fixeran prácticas os alumnos. Así xa tiñan os títulos necesarios por se querían logo montar unha granxa e sentíanse profesionais. Pero non foi adiante.

Hai que facer que os rapaces vexan nesto un futuro e unha opción laboral e de vida tan digna como calquera outra. Será unha forma de atraelos ao sector. Porque aínda a día de hoxe segue sen haber en moitos sectores da sociedade unha visión positiva do que facemos os gandeiros en xeral e os de porco en particular.

– No vacún, tanto de carne como de leite, hai un intenso traballo en xenética. Tamén sucede no sector porcino?

Si. Hai moitas liñas xenéticas a nivel mundial. Cada produtor elixe aquela que mellor se adapta ao seu manexo, ao que piden os seus clientes, ás instalacións…A xenética é moi importante na cor da carne, na infiltración da graxa ou na consistencia das pezas. Tamén hai empresas que queren unha carne con moito magro. Nese caso hai que ir a razas máis blancas, máis eficientes produtivamente, con menos custos, con máis leitóns por nai…

Coas obvias diferencias, o que nós facemos é un pouco como no vacún. Traballamos con diferentes casas provedoras de xenética e buscamos aquelas que mellor nos vaian funcionar. Hai quen merca avoas para producir as súas propias nais, hai quen merca directamente nais, hai quen só traballa con seme para reducir os riscos sanitarios do movemento de animais…Son moitas as fórmulas que ofrecen as casas de xenética.

– Cales son as expectativas a medio e longo prazo?

En principio somos optimistas. Hai escaseza de porco no mercado porque o censo está a baixar en todos os países europeos agás en España, onde se mantén. A baixada débese a presións políticas por cuestións ambientais non moi claras.

Bélxica, Países Baixos, Alemania…están incluso primando que se pechen granxas e dan axudas por abandono. Ata hai dous anos, España sempre estivera por debaixo de Alemania en produción e agora xa a superou. Tanto é así que hai matadoiros alemáns que xa se están a instalar aquí.

Toda esta baixada de produción leva a unha suba de prezos. Sen esquecer que Europa é eminentemente exportadora. Malia as restricións que nos impoñen, seguimos sendo moi competitivos en custos de produción.

O porcino español elabora produtos cárnicos de moi alto valor engadido. A maioría de países só venden a carne en bruto.

Outro aspecto que invita ao optimismo está no traballo da industria. España é capaz de poñer no mercado produtos elaborados que ninguén máis pode. Ou non coa mesma calidade e prezo. China e Estados Unidos sacan cada vez máis cantidade de carne, pero é unha carne sen ningún valor engadido, a diferencia dos nosos embutidos, salgaduras, afumados…

Ultimamente falouse de que podería chegar carne de porco americana ao mercado da UE. Nese sentido, hai que lembrar que non son capaces de cumprir coa lexislación europea. Por exemplo, os americanos seguen empregando a Ractopamina, un promotor do crecemento que aquí está totalmente prohibido. E o mesmo sucede con certos antibióticos ou de cultivos transxénicos e procedentes de deforestacións.

En resumo, a escaseza de carne en Europa, as escasas posibilidades de que entre carne procedente de outros paises e a baixada de prezo das materias primas fan pensar que nos vindeiros meses seguiremos tendo bos resultados nas explotacións de porcino galegas.

Todo esto, claro, sempre e cando non haxa problemas sanitarios, que nunca son descartables no noso sector. Levamos xa varios anos ca continua ameaza de Peste Porcina que esta presente en paises como Alemaña ou Italia. Basta que eso se propague e que entre polos Pirineos para cambiar por completo o escenario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información