O sector pide á Consellería solucións ao “bloqueo administrativo” na tramitación de Plans de Mellora e Axudas de Incorporación

"A situación na tramitación dos expedientes está volvendo a provocar inseguridade a centos de novas persoas agricultoras", denuncia o SLG. UUAA, pola súa banda, pon o foco na inxección económica que estas axudas supoñen nas zonas rurais

CAPON HOLSTEIN SC (Chantada) nave establo plans de mellora4Un ano máis a Consellería do Medio Rural atrásase na tramitación dos Plans de Mellora e Axudas de Incorporación, unha situación que preocupa ao sector. As organizacións agrarias esixen que se adopten medidas de xeito inmediato para resolver os problemas que se están a dar e que se agudizan especialmente na provincia de Lugo, onde se producen perto da metade das solicitudes. 

O Sindicato Labrego Galego fai fincapé nas consecuencias que ten o retraso dos expedientes e a publicación da resolución correspondente, co nome dos beneficiarios e os importes a percibir. “Esta situación compromete a viabilidade das granxas en cuestións esenciais, como o desenvolvemento de proxectos de obra e solicitudes de licenza asociados, podendo mesmo chegar a caducar os xa solicitados, ou á adquisición de maquinaria. No caso de ter xa un crédito para facer o proxecto, ou no de non ter acceso a financiamento, que van facer as granxas se o retraso na resolución das axudas afecta a estes prazos? Ademais, se alguén se incorpora agora pode que logo perda a opción de acceder ás axudas, xa que aínda poden quedar expedientes sen aprobar, cando o dean resolto”, asegura Brais Álvarez, responsable da Secretaría da Mocidade no SLG.

O retraso na tramitación da axuda afecta a xestións esenciais como o financiamento do proxecto, a adquisición de maquinaria ou os proxectos e licenzas de obra

“O sistema para tramitar as axudas falla, non cumpre os obxectivos, e ano a ano temos a mesma incerteza”, lamenta Brais. “Resulta inconcibible que a Consellería pretendera facer unha convocatoria desta dimensión a través do programa Melles cando este xa non foi funcional o ano pasado. De feito presentou eivas técnicas dende o inicio do seu funcionamento: erros, datos mal cargados, datas incorrectas, dificultade ou mesmo imposibilidade para modificar arquivos precargados, etc”, enumera.

Se alguén se incorpora agora pode perder as opcións de acceder ás axudas o ano que vén

“Obviamente isto crea inseguridade tanto ás persoas solicitantes como ás tramitadoras e ao funcionariado que valida os expedientes, facendo que tanto a fase de solicitude como a de tramitación se converta nun calvario para todos, agás para a conselleira, que aínda por enriba, lonxe de asumir responsabilidades, xustifica este atraso no aumento da carga de traballo, o que é como recoñecer que a Consellaría do Medio Rural non está preparada para que cada vez máis persoas se incorporen á produción de alimentos”, argumenta. 

A convocatoria de axudas do vindeiro ano, en risco

“A Xunta debe notificar publicamente cando se lles van resolver os expedientes ás persoas interesadas, e non ter a centos de solicitantes na incerteza. Vai saír a convocatoria para o ano 2025 ou este mal funcionamento que é responsabilidade da Consellería do Medio Rural vai implicar que centos de persoas mozas queden o vindeiro ano sen estas axudas que son vitais para a súa incorporación?”, pregunta. 

Ao igual que a Consellería de Industria contrata persoal para acelerar os expedientes dos parques eólicos, a de Medio Rural tamén podería incrementar plantilla

“Non é de recibo que se tente xustificar esta demora, así como o feito de que a convocatoria das axudas para o vindeiro ano estean neste momento comprometidas, nunha cuestión perfectamente factible para unha Consellaría como é a contratación do persoal requirido para levar adiante as súas funcións”, di. “Tendo en conta que Galiza é o territorio do Estado español con menos superficie agraria útil, debería ser obxectivo prioritario da Consellaría impulsar a actividade agraria por medio destas axudas”, argumenta Brais.

Máis recursos técnicos e de persoal para desbloquear a situación

Unións Agrarias reclama a Consellería do Medio Rural que resolva dunha vez os problemas recorrentes da aplicación informática Melles a hora de tramitar as axudas do Plans de Mellora das explotacións na provincia de Lugo. Unha situación que a día de hoxe, e a pesar do esforzo dos técnicos Delegación da Xunta, impide pechar e resolver os expedientes para que os produtores poidan cobrar as citadas axudas derivadas da PAC.

Para a organización agraria esta problemática non é nova, xa que cando se abriu o prazo de solicitude da convocatoria de 2024 xa foi necesario amplialo, posto que os sucesivos erros no programa de tramitación impedía aos funcionarios facer o seu traballo de xeito minimamente eficaz.

As axudas para mellora de explotacións e incorporación de mocidade á actividade agrogandeira representan unha inxección económica vital tanto para as granxas como para moitas empresas de construción e servizos

UUAA reclama ao departamento de Medio Rural que habilite de xeito inmediato todos os recursos técnicos e de persoal para lograr desbloquear unha situación que mantén paralizada a resolución de expedientes e que suporá, no mellor dos casos, un retraso de meses no cobro das axudas solicitadas por parte de case 700 explotacións luguesas o que representa case a metade das que solicitan no conxunto de Galicia e que engloba un montante de case 50 millóns de euros.

“As axudas para mellora de explotacións e incorporación de mocidade á actividade agrogandeira representan unha inxección económica vital, non só para o potenciamento do sector agrogandeiro galego, senón tamén polo pulo que supoñen para moitísimas pequenas empresas de servizos e construción radicadas en pequenas vilas, para as que as obras nas granxas supoñen un dos principais motores de aceleración da súa actividade”, argumenta Miguel Tomé, coordinador provincial de UUAA en Lugo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información