
La cabaña ovina de Galicia es de cerca de 143.000 ejemplares
Segundo o Minsterio de Agricultura, Galicia contaba no último exercicio cunha cabana ovina de 142.650 ovellas, é decir, o 1,05% do censo nacional, que se sitúa en España nos 13,5 millóns de exemplares. Unha porcentaxe a galega moi pequena e que a sitúa lonxe dos grandes produtores como son as dúas Castelas e Estremadura.
Sen embargo, e tamén segundo cifras ministeriais, Galicia concentra arredor do 16% das explotacións de ovino de España. O contraste entre esas porcentaxes indica claramente que as explotacións galegas son moi numerosas pero de moi pouco volume. De feito, a media é de 10 ovellas por explotación.
No que vai de século, a produción cárnica de ovino galego reduciuse en máis dun 60%. Por exemplo, das 650 toneladas no ano 2001, pasou a só 265 no exercicio de 2020. Unha baixada debida a que se trata dunha produción que soe ser segunda actividade ou está vencellada ao autoconsumo.
O censo de animais baixou á metade en Galicia nos últimos 15 anos, ata o punto de que non se cubre a demanda interna de carne
Tamén no censo a baixada semella imparable. E é que só nos últimos 15 anos, o censo de cabezas de ovino caeu nun 50%. Sen esquecer que a media de idade dos titulares de explotacións e propietarios de ovellas están en 60 anos e sen relevo xeracional minimamente garantido.
Como aspectos máis positivos pódense sinalar que o feito de que a cabana baixara tanto conleva que hai máis facilidades de comercialización porque non se cubre a demanda interna. E que as ovellas poden facer un traballo impagable na prevención de incendios forestais.
A prevención de incendios recupera o interese social nas ovellas
Fotografía do sector
Neste contexto, Irene Saucedo Giraldo, graduada en Veterinaria no Campus Terra de Lugo, vén de presentar recentemente o seu Traballo de Fin de Grao (TFG), do que foron titores Margarita Rico e Joan Alibés (Beealia). Baixo o título Unha fotografía do sector ovino de carne galego-Sistemas de manexo analiza a produción cárnica ovina en Galicia, una actividade gandeira minoritaria, pero cun papel relevante no aproveitamento do territorio, o mantemento do medio ambiente e o desenvovemento rural.
Unha das primeiras conclusións ás que chegou Saucedo sinala que, malia a súa enorme importancia histórica, o sector tende ao decrecemento tanto en España como no resto da Unión Europea. Ademais, existen poucos estudos recentes que dean unha imaxe actualizada do funcionamento das explotacións galegas. No seu TFG, Saucedo tentou ofrecer unha primeira caracterización do sector e aportar información que poida servir como base para futuras investigacións.
O método de traballo da veterinaria consistiu en analizar os datos das explotacións rexistradas en Galicia e na realización de 28 enquisas presenciais e telefónicas a gandeiros con granxas de máis de 200 femias reprodutoras, localizadas principalmente na provincia de Ourense.
A inmensa maioría das explotacións dispoñen de moi pouca superficie e moi poucas cabezas de gando (Irene Saucedo, autora do TFG)
Os primeiros resultados do traballo amosan que o sector ovino cárnico galego está formado maioritariamente por explotacións de pequeno tamaño, se ben as grandes explotacións concentran a meirande parte do censo reprodutor. A provincia de Ourense reúne arredor do 35% das femias reprodutoras, malia contar só co 17% das granxas galegas.
E, dentro da estrutura diversa do sector, o grupo de explotacións de máis tamaño presenta algunhas características diferenciadas e concentra unha parte relevante do censo reproductor. Esta situación reflicte, explica Saucedo, a coexistencia de distintos modelos produtivos dentro do ovino galego.
Na seguinte gráfica obsérvase a distribución de explotacións de ovino de aptitude cárnica ou mixta, dadas de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, segundo o número de femias reprodutoras presentes na explotación. E a porcetaxe de femias reprodutoras que abarca cada tramo. O tramo de máis de 200 reprodutoras, foi o que se escolleu para realizar as enquisas.

A inmensa maioría das explotacións galegas teñen 10 ovellas ou menos
Respecto das granxas profesionalizadas, o perfil máis habitual é o de ganderías familiares, cunha media de dúas persoas traballando e titulares con longa experiencia no oficio. Na maioría dos casos, a gandería ovina constitúe a súa actividade principal e as expectativas de futuro pasan por manter a actividade a medio e longo prazo. O principal condicionante para a organización do traballo e a forma de xestionar as explotacións está na falta de man de obra.

O 57% dos titulares de explotacións ovinas están próximos á xubilación ou directamente xubilados
Dentro dos modelos, o principal é o pastoreo, xeralmente combinando pastoreo guiado e uso de balados. A alimentación compleméntase con forraxes conservadas e suplementación puntual en determinados momentos do ciclo produtivo.
O pastoreo, nas súas diferentes modalidades, é o sistema de manexo máis estendido no sector ovino galego
Predomina o pastoreo mixto, ben sexa pola coexistencia de parcelas pechadas e abertas, pola necesidade de realizar pastoreo guiado ata parcelas baladas máis alonxadas ou polo uso de parcelas baladas próximas en condicións meteorolóxicas adversas. A meirande parte das explotacións mantén o gando pastando durante o día e recólleo pola noite.

O sistema de pastoreo mixto é o maioritario no ovino cárnico galego
O estudo recolle que o máis habitual é realizar dúas parideiras ao ano, unha máis grande en primavera e outra de menor entidade no Nadal. Como é lóxico, “este modelo produtivo amosa diferentes estratexias de manexo entre explotacións, reflectindo distintos graos de tecnificación e de organización do traballo.

Por diferentes motivos, as ovellas galegas pacen polo día e durmen estabuladas
Saucedo destaca tamén que a meirande parte das explotacións non realizan rexistros sistemáticos de datos de produción e de reprodución. Eso é indicativo dun sistema de xestión e manexo moi baseado na experiencia práctica dos gandeiros, e permite observar un grao de tecnificación limitado nunha parte importante das granxas máis profesionalizadas de Galicia.
As persoas entrevistadas sinalaron que a comercialización -que é a clave en calquera sector agrogandeiro- se realiza fundamentalmente no ovino cárnico galego mediante a venda a tratantes e a carnicerías. E tamén se menciona a falta de recoñecemento social desta actividade e a ausencia de saída comercial para subprodutos como a lá.

A falta de datos, como a pesaxe dos años, lastra a profesionalización do sector
“Entre as principais problemáticas sinaladas polos gandeiros, destaca o reducido peso do sector dentro do campo galego, o que limita a súa capacidade de organización e negociación e reduce a existencia de infraestruturas de mercado ou referencias claras de prezos”, explica Saucedo.
A maiores, identifícanse limitacións de tipo territorial e social, como a elevada fragmentación parcelaria -o famoso minifundio-, a dificultade para organizar o pastoreo ou a carencia de servizos básicos e profesionais en determinadas zonas de Galicia. “Eses factores poden condicionar a continuidade das explotacións”.
A falta de servizos, de man de obra e de relevo xeracional poñen en risco un sector que pode ter posibilidades de crecemento
Polo tanto, o sector ovino de carne en Galicia caracterízase por un predominio de explotacións de pequeno tamaño e por unha distribución desigual do censo reprodutor, cunha parte importante das ovellas concentradas nas explotacións de maior dimensión.
Eso configura un sector diverso, no que conviven explotacións con distintos tamaños e niveis de organización. En xeral, a maioría de gandeiros enquisados manifestan que “o seu obxectivo a curto prazo é manter a actividade, aínda que tamén existen explotacións que agardan medrar e, en menor medida, reducir o seu tamaño ou pechar.”
A autora do TCFG destaca tamén o escaso uso de ferramentas de planificación e de rexistro de datos produtivos ou reprodutivos. “Ao mesmo tempo, o manexo dos animais amosa algunhas pautas comúns, pero tamén unha grande variabilidade entre explotacións, moi vencellada á adaptación ás condicións do territorio.”
Neste contexto, insiste Saucedo, o seu traballo pon de manifesto a necesidade de seguir afondando no coñecemento do sector ovino de carne en Galicia para poder deseñar estratexias e políticas máis axustadas á súa realidade.
Outro aspecto preocupante é o da falta de recollida de datos. Apenas hai innformación e eso resta unidade de acción e negociación
A investigadora agradeceu a colaboración dos gandeiros que participaron no estudo. porque “grazas a eles o sector segue vivo, malia que a sociedade só os lembre cando no verán Galicia arde, e é daquela cuando se di qie faltan ovellas e cabras no monte”.

Irene Saucedo elaborou o seu TFG en parte motivada pola falta de datos sobre o ovino cárnico galego
“Para moitas destas persoas, a gandería ovina é o seu pasado e presente, e esperan que poida seguir formando parte do seu futuro. Para que esto sexa posible, é preciso escoitar as necesidades do sector e avanzar en estratexias que permitan vivir dignamente do traballo diario.”
Galego









Control OJD