“O sector máis beneficiado pola PAC vai ser o da carne; é falso que saian gañando as granxas de leite”

O director xeral de Gandería, José Balseiros, defende as liñas de apoio proxectadas pola Xunta para apoiar ás granxas de carne no marco da nova Política Agraria Común

“O sector máis beneficiado pola PAC vai ser o da carne; é falso que saian gañando as granxas de leite”

Xornada celebrada en Friol, na que Medio Rural e os gandeiros de vacún de carne intercambiaron opinións sobre os apoios ó sector.

A xornada informativa sobre a PAC celebrada este xoves en Friol, que se prolongou por riba das 3 horas, serviu para deixar explicacións técnicas do novo ciclo da Política Agraria Común (PAC), pero tamén para que Medio Rural abordara cos gandeiros e técnicos presentes dúas das polémicas das semana, as axudas de agricultura ecolóxica, sobre as que se debatiu extensamente, e os apoios que a PAC lle presta ás granxas de carne.

Ao acto asistiron, como público, integrantes da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema procedentes de distintos puntos da provincia de Lugo. No turno de preguntas, o seu presidente, Santiago Rego, reprochoulle a Balseiros o que xa manifestara nun escrito entregado á Consellería, que a nova PAC “discrimina” ao sector da carne fronte ao do leite.

“Esta PAC é unha descapitalización das explotacións. Neste momento non temos un prezo axeitado pola venda de animais e a partir de agora non imos ter nin subvencións. Teremos que pechar as explotacións e alugar as fincas aos produtores de leite”, afirmou Rego.

Balseiros contestou poñendo enriba da mesa toda unha enumeración de medidas da Xunta a favor dos produtores de carne, tratando de desmontar a teoría do trato de favor ás explotacións de leite e de demostrar o apoio da Xunta ás ganderías de carne. “Non estou en absoluto de acordo co que estades dicindo. Cando foi do Covid, sacamos unha axuda para o sector da carne e non a sacamos para o sector do leite”, lembrou. “Vós defendedes a carne e facedes ben, e os do leite defenden o leite, pero nós temos que defender a todos”, sentenciou.

“Vós defendedes a carne e facedes ben, igual que os do leite defenden o seu, pero nós temos que defender a todos” (José Balseiros)

Restruturación do sector do vacún de carne en Galicia

Pero gandeiros coma Fran, de Láncara, insistiron durante a xornada en que a conxelación dos prezos e a diminución das axudas levará ao peche das ganderías de carne. “No 2030 vaise comer a carne de Brasil e Uruguai porque aquí non vai quedar ninguén. O 30% da PAC estana cobrando os xubilados, pois ou que lles saquen a PAC ou a xubilación. Eu non teño nada en contra desa xente, pero a nós estannos facendo moito dano”, queixouse.

“No 2030 vaise comer a carne de Brasil e Uruguai porque aquí non vai quedar ninguén”, reprochou un gandeiro

Balseiros recoñeceu que unha das eivas do Plan Estratéxico español é que nos vindeiros anos seguirán tendo dereito a percibir a PAC persoas xubiladas ou que teñan ingresos principais doutras actividades, pero tamén defendeu que é necesaria unha restruturación do sector produtor da carne en Galicia.

No sector da carne terá que haber unha reconversión como a que houbo no leite, en favor das ganderías profesionais. Quedarán a metade das ganderías? Pois quedarán

“No sector leiteiro houbo unha reconversión e hoxe practicamente só quedan explotacións profesionais, pero no sector da carne esa reconversión non se deu e terá que habela. Quedarán a metade das ganderías? Pois quedarán. Nós a quen defendemos é ás explotacións profesionais”, aseverou Balseiros, lembrando que “nas axudas pola covid deixamos fóra aos que tiñan menos de 10 vacas porque considerabamos que non eran profesionais, no sentido de que non vivían diso, pero un sindicato recurriu no TSXG e perdemos. E agora temos que buscar cartos para pagarlles e son moitos cartos, porque son 11.000 explotacións”, recoñeceu.

Para que se revalorizase a carne, estivemos loitando contra xigantes que pediron a nosa cabeza, tanto a do conselleiro como a miña

O director xeral de Gandería afirmou que “agora é un mal momento para pagar carne premium” e por iso, dixo, “non tivo efectos inmediatos o acordo de elevación de prezos co sector cárnico”, pero defendeu a súa utilidade e o papel da Xunta na súa consecución: “estivemos loitando contra xigantes que pediron a nosa cabeza, tanto a do conselleiro como a miña”, revelou aos asistentes.

Conxelación do pago asociado

Un dos motivos de debate durante boa parte da mañá foi o feito de que o pago asociado á produción de leite se incremente nun 30% na nova PAC, até os 157,96€, mentres o asociado a vaca nodriza de carne se manteña conxelado en 90,25€. “Isto obedece a que se considerou desde o Ministerio que unha vaca de leite ten un custo de produción maior”, explicou o subdirector do FOGGA.

Pero Balseiros matizou: “O incremento do pago asociado para o leite decidiuno o Ministerio ante unha avalancha de peticións, entre elas as da Xunta de Galicia. O Goberno quixo facer un guiño a cada comunidade autónoma en función do sector máis importante. Aquí foi o leite, igual que para Andalucía o guiño foi o olivar. O prioritario en Galicia é o vacún de leite, podemos estar máis de acordo ou menos, pero as cifras están aí”, advertiulles aos produtores de carne que se queixaban.

Os nosos cálculos dinnos que o sector máis beneficiado coa nova PAC vai ser o da carne

“É certo que hai cousas que benefician ao sector do leite, pero tamén hai moitas outras que benefician ao sector da carne, porque en zonas de montaña case non hai explotacións de leite que se vaian beneficiar dos fondos para as Zonas con Limitacións Naturais, non coñezo ningunha raza autóctona no sector lácteo (que están subvencionadas) e os eco-reximes e axudas agroambientais están pensadas sobre todo para as ganderías de carne, porque moitas de leite que son intensivas non se poden acoller”, xustificou Balseiros.

“Aquí ninguén quere beneficiar a un sector máis que a outro. Xa sei que estes días anda esa leria, pero non se pode analizar a PAC liña a liña de xeito independente, hai que vela no global, e no global o sector da carne sae moito máis beneficiado”, dixo.

Non coñezo ningunha raza autóctona do sector lácteo, e esas axudas tamén se incrementan

O director xeral de Gandería defendeu as novas axudas para engorde de xatos que nacen nas explotacións, de 32€ por becerro, e para convivencia co lobo, de 75 euros por hectárea. Sobre o lobo, Balseiros tamén tivo palabras fortes para a protección integral do lobo decidida por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Pero pasaban xa das 3 da tarde, tras unha prolongada reunión que comezara ás 11.30 horas, e os gandeiros, que entraron con fame de axudas, comezaban a ter tamén da outra.

A Xunta subliña que se repartiron 37,5 millóns de euros en novas axudas para as granxas de carne nos últimos dous anos

A Consellería do Medio Rural quixo saír tamén ó paso das críticas recibidas da Asociación Gandeiros Galegos de Suprema. Así, Medio Rural destaca que nos últimos dous anos, houbo 37,5 millóns de euros en novas liñas de axudas para as granxas de carne. Entre elas, as seguintes:

• As axudas directas convocadas en outubro do 2020 para o sector de vacún de carne, entre outros, para paliar os efectos da pandemia. Para este eido en particular convocáronse un total de 9 millóns de euros.

• Ademais, cómpre mencionar as axudas excepcionais do Ministerio a determinadas explotacións gandeiras para compensar as dificultades económicas derivadas da invasión rusa de Ucraína. O orzamento destas achegas foi de máis de 11,5 millóns de euros. Beneficiáronse 10.630 explotacións gandeiras de vacún de carne de Galicia.

• A Xunta puxo asimesmo a disposición das granxas unha liña adicional de 17 millóns de axudas directas para os gandeiros da carne. No 2022, anticipáronse unha parte destas achegas a través de entidades bancarias e no 2023 convocaranse e inxectaranse outros 14,9 millóns directamente ao sector.

Medio Rural lembra ademais que no último ano aumentou os fondos destinados a axudas agroambientais, que benefician principalmente a explotacións de carne, e incidiu noutras liñas de apoio, como a de crédito, o plan de implantación de pastos ou a campaña de promoción do consumo de Ternera Gallega Suprema, que conta cun presuposto de 1,4 millóns de euros para a súa difusión a nivel de toda España.

“Os cartos para agricultura ecolóxica son os que son e non hai máis”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información