O sector lácteo galego convoca mobilizacións para o mes de agosto

Decepción pola falta de medidas urxentes por parte do Ministerio e da Xunta para paliar a situación das explotacións. Contrastan “a ausencia do presidente da Xunta na crise do sector lácteo, co implicación que teñen os gobernantes en Francia”

O sector lácteo galego convoca mobilizacións para o mes de agosto

Reunión da Plataforma

Unanimidade nos integrantes da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego en cualificar de “decepcionantes” as medidas fronte á crise das explotacións lácteas que planteou onte o Ministerio de Agricultura na reunión que mantivo co sector en Madrid. Sentir común tamén en esixirlle ao presidente da Xunta en que se poña á fronte das reivindicacións dun sector estratéxico para a economía galega e para o medio rural.

Así o valoraron os representantes da Plataforma na reunión que mantiveron esta mañá en Santiago de Compostela. Ademáis, ante a falta de avances en medidas de urxencia para as máis de 2.500 explotacións que están a cobrar o leite por debaixo dos 26 céntimos, acordaron un calendario de mobilizacións durante todo o mes de agosto nas principais comarcas leiteiras de Galicia que culminará, de non haber solucións, cunha gran manifestación a nivel galego a comezos de setembro. A primeira mobilización será o vindeiro 1 de agosto en Santa Comba, capital da comarca do Xallas.

Unións Agrarias: “O goberno segue sen plantear medidas específicas para Galicia”

As distintas organizacións agrarias coincidiron en valorar como “decepcionante” a reunión de onte no Ministerio. Así, Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias lamenta que “non houbo ningunha proposta específica para Galicia, que é onde se concentra o problema, cun 30% de explotacións lácteas con prezos do leite por debaixo dos custos de produción”.

García advertiu de que “o problema non só se resolve, senón que se agrava”. Neste sentido, o responsable de UUAA demandoulle ao presidente da Xunta “que tome as rendas deste problema, porque vemos unha pasividade por parte da Consellería”. Lembrou que “cun problema menor dos gandeiros franceses, o presidente de Francia e o primeiro ministro sentáronse a resolver os problemas dos gandeiros franceses, que teñen excedentes e cobran a 30 céntimos”.

Por último, pediu ao Ministerio que retire do mercado mediante compra pública “entre 35 e 40 millóns de litros, algo para o que non precisa o visto bo de Bruxelas”.

ASAJA Galicia advirte de que os novos contratos son a 25 céntimos

Pola súa parte, Juan Carlos García Pose, de ASAJA Galicia, advertiu de que “a situación é grave”. Así, asegurou que “estase a piques de renovar os contratos e as ofertas son a peor, con contratos a longo prazo a 25 céntimos, o que é inasumible para os gandeiros”.

“Necesitamos un plan de choque con axudas as explotacións”

Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, tamén fixo contraste entre “a implicación do Goberno francés para resolver os problemas problemas dos seus gandeiros, e
aquí, onde en moitas comarcas o leite move miles de empregos, e temos un presidente desaparecido e unha Consellería que non da ningunha resposta”.

Ademáis, a responsable do SLG amosou o seu temor a que “os 11 millóns de euros dos que fala o Ministerio de axudas as granxas, non cheguen realmente ás explotacións, e menos a Galicia, que é onde está concentrado o problema”.

Neste sentido, Isabel Vilalba, reiterou que “necesitamos un plan de choque para retirar os excedentes do mercado e un plan de apoio ás explotacións lácteas galegas, e iso non o vemos por ningures”.

“Somos a primeira potencia leiteira do Estado e os gobernantes téñense que implicar”

Pola súa parte, Manuel Dacal, coordinador da Federación Rural Galega (FRUGA), valorou “moi positivamente” esta reunión da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego e lamentou “ a ausencia de alcaldes representando ao Partido Popular”.

Dacal reclamou tamén que “o presidente da Xunta ten que porse á fronte das reivindicacións do sector lácteo galego, porque somos a primeira potencia produtora de leite do Estado Español e a novena a nivel europeo, e polo tanto este non é un problema menor”.

Na mesma liña, Anxo Escariz, coordinador da Organización de Productores de Leche (OPL) asegurou que “nesta última reunión do Ministerio confirmouse o que prevíamos, de intentar relativizar o problema e de non plantear medidas urxentes”.

O responsable da OPL criticou tamén duramente a posición da Xunta de Galicia “cunha conselleira de Pesca, porque o medio rural non o atende, que fala de que nos queixamos por vicio, de que temos un prezo aceptable a 29 céntimos, co que demostra que non sabe o que pasa no sector lácteo”.

Na reunión da Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego tamén participaron varios alcaldes tanto do PSOE (Muxía, Silleda) ou do BNG (Boimorto) que pediron a sensibilización da opinión pública ante unha crise do sector lácteo que pode levar ao peche de explotación e a acelerar o despoboamento do rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información