O sector gandeiro reclama medidas ante a urxencia da situación do transporte

Ante a falta de abastecemento de fábricas e de transporte da produción, diversas organizacións do sector primario convocaron unha rolda de prensa para anunciar as consecuencias que se están producindo, e a inminencia de límites para a súa actividade. Varios colectivos piden medidas urxentes e marcos de traballo conxunto

O sector gandeiro reclama medidas ante a urxencia da situación do transporte

Imaxe da intervención dos diferentes representantes de organizacións do sector primario na rolda de prensa

A folga de transporte está afectando ao abastecemento de materias primas a fábricas de alimentación animal, e á mobilidade da produción primaria para a súa transformación ou comercialización. Representantes de Unións Agrarias, Fruga, SLG, Agaca ou de Asaga manifestaron hoxe, nunha rolda de prensa convocada con urxencia, a súa solidariedade cos folguistas, xunto á necesidade de medidas para desbloquear a situación. As súas peticións teñen como finalidade evitar consecuencias graves que poidan suceder nos vindeiros días.

Declaración de consecuencias e peticións

O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, comezou a súa intervención amosando a súa preocupación “pola falta de abastecemento de materias primas para a produción de alimento para animais, moitos dos cales, se a situación perdura, poderían morrer”. Tamén afirmou que “a día de hoxe hai barcos en portos galegos, como o da Coruña, pendentes de descarga que por cada día que pasa encarecen en 50.000 dólares o custo da carga”.

Así mesmo, García, co posterior apoio total do resto de representantes, reclama “o cumprimento dos servizos mínimos establecidos que garanta a alimentación dos animais, e o abastecemento de produtos frescos -polo, vacún e porcino- e de horta á poboación”.

O sector lácteo galego tamén se está vendo afectado polo paro do transporte, cuestión que “ata agora non foi un problema, pero que, a partir de mañá, segundo informan desde a industria, pode selo”, critica Roberto García. Neste aspecto, o director xeral da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), Higinio Mougán, expón que “a capacidade de intermediación da industria láctea é tan limitada como a súa capacidade de almacenamento, isto é, de 2, 3 ou 4 días nalgúns casos”.

Mougán afirma que “máis dun 40% do leite cru que se produce en Galicia vai cara outras partes de España para a súa transformación”, á vez que anuncia, respaldado polas palabras de Roberto García, que “a partir de hoxe, e dado aos límites de almacenamento de leite, hai posibilidades dun par de recollida de leite, motivado pola falta de saída ao sector industrial alimentario”.

Pola súa parte, o responsable da Federación Rural Galega (Fruga), Manuel Dacal vincula a situación “cunha suba de prezos e de costes de produción que se produciu antes da pandemia, e que se freou por mor da súa irrupción”, e que “arrastramos a día de hoxe, incentivada pola guerra de Ucrania e outros factores”. Da mesma maneira, Dacal critica as “operacións especulativas do mercado”, e manifesta que “existe un perigo para subministro e recollida de produción, e que pode derivar nunha tormenta perfecta para peches e grandes dificultades do sector agrogandeiro”.

Ademais, desde a Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, ao igual que o resto de organizacións, manifestou “a súa solidariedade e entendemento cos transportistas en folga”, establecendo que “pola súa parte, tamén levan anunciando desde fai tempo unha mobilización para o día 20 deste mes debido aos altos custes de produción”.

Demandas e peticións

O Sindicato Labrego Galego tamén interveu na rolda de prensa coas declaracións da secretaria xeral, Isabel Villalba, quen ademais de amosar “a súa coincidencia total co resto das organizacións”, expuxo que “no seu marco de actividade se traballa con seres vivos, e as necesidades vitais teñen que ser parte dos servizos mínimos”.

Villalba, ao igual que criticou “a febleza dos combustibles fósiles”, destacou que “na diagnose totalmente crítica que estaban realizando, estaban vendo a necesidade de establecer un marco de traballo co sector produtor”. A secretaria xeral aproveitou esta cita para “facer unha chamada ao goberno e reclamar o establecemento dun diálogo co eido do transporte para afrontar a situación”.

Entre o resto de demandas, como a de “regulación dos mercados e o establecemento urxente de servizos mínimos”, anunciada por Manuel Dacal, púxose enriba da mesa “a falta de intercambio de información co sector primario”, segundo abordou Higinio Mougán.

O director xeral de Agaca fixo referencia a que “o sector agrogandeiro e agroalimentario galego non pode ser unha moeda de cambio prescindible”, e que “cómpre frear este deterioro que pode derivar na substitución da produción galega por outras”. Por iso, unha vez máis, motiva a “toma de decisións”, pedindo “a organización de convois ou algún tipo de determinación para frear o desabastecemento que algunhas cooperativas -entre outras- xa estaban sufrindo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información