O sector forestal recupérase trala baixada da facturación pola crise da Covid

A pandemia reduciu un 17% os ingresos na industria forestal no 2020. Pese á paralización da actividade, nos últimos meses algunhas empresas mesmo incrementaron a súa facturación

O sector forestal recupérase trala baixada da facturación pola crise da Covid

O impacto da crise do coronavirus na industria forestal resultou ser menor do agardado polas empresas do sector. As previsións que se manexaban nos primeiros meses da pandemia facían agardar que a facturación se reducise un 26%. Porén, finalmente 2020 pechouse cunha baixada dos ingresos do 17%.

Os datos recóllense da segunda enquisa realizada no pasado mes de febreiro pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, entre 171 empresas do sector galego, nas que se inclúen tres firmas asentadas en Cuenca, Madrid e Valladolid.

En maio do 2020, en pleno confinamento, as empresas agardaban unha redución da facturación do 26%. Nos últimos meses conseguiuse recortar

“A industria forestal galega amosouse ata o momento coma un sector moderadamente resiliente, que malia ó parón do segundo trimestre conseguiu recuperar o ritmo no terceiro e cuarto”, valorou Juan Picos, director da Escola durante a presentación dos resultados, realizada de xeito telemático este venres. Os datos recollidos nas empresas evidencian como algunhas delas mesmo conseguiron incrementar a facturación nos últimos meses do 2020 e tamén se amosan mellores perspectivas para este 2021.

Facturacion-2020

Facturación do 2020 con respecto do 2019.

Neste contexto de crise sanitaria, un 12% das empresas galegas do estudo, sobre todo serradoiros e rematantes, mesmo incrementaron as inversións. Unha cifra que quixo destacar o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Francisco Conde que participou no acto de presentación dos resultados, xunto co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa. “Estamos a ver unha evolución positiva no sector. Cómpre ser prudentes, pero tanto a previsión dun incremento de facturación para este 2021, como os investimentos realizados, xa dan boa conta desa evolución”, valora Conde.

En maio de 2020, data na que a Escola de Enxeñaría fixo a primeira enquisa entre os seus asociados para coñecer a situación do sector, a maior parte das empresas crían que a crise lle afectaría moito ou alomenos algo. Case un ano despois, un 15% delas aseguran que non lles afectou e un 3% ata valoran positivamente estes últimos meses. Rematantes, serradoiros, carpintería e moble están a ter tamén resultados favorables nestes tempos.

O contract, un dos máis prexudicados

Con todo, a crise sanitaria está a deixar unha fonda pegada para un importante número de empresas. Así, un 60% das entidades afirma que a Covid-19 lle afectou negativamente e un 22% delas recoñece un gran impacto negativo na súa actividade. O sector do contract, moi vinculado á restauración e á hostalería, dúas das actividades que máis se viron afectadas nestes meses; está a ser un dos máis damnificados no sector forestal.

Arredor do 25% das empresas de contract que participaron na enquisa pecharon este último ano cunha redución de entre o 50 e o 60% na facturación. O resto das empresas experimentaron unha baixada dos ingresos que se sitúa entre o 50 e o 30% con respecto de 2019.

Outros subsectores coma o da pasta e papel valoran de xeito semellante a situación dos últimos meses. Do mesmo xeito, na construción con madeira ou a biomasa, tódalas empresas que responderon á enquisa están a ter dificultades pola pandemia.

Tamén houbo casos, nos que a crise afectou de xeito diferente a empresas do mesmo subsector. Así, no taboleiro houbo firmas que viron reducida a súa facturación máis dun 60%, mentres que outras tiveron un incremento do 10%.

 Facturación de 2020 con respecto de 2019 nos principais subsectores da industria forestal.

Facturación de 2020 con respecto de 2019 nos principais subsectores da industria forestal.

Nestes subsectores, o principal problema está a resultar a caída da demanda, o que deriva en dificultades en ámbitos como tesourería ou nos cobros. As propias características da crise sanitaria, cos repetidos encerros e restricións da actividade e mobilidade, provocaron atrancos tanto para conseguir abastecementos necesarios como nos transportes e a loxísticas do produto.

O sector mira con certo optimismo ó 2021, onde máis do 35% das empresas agarda pechar o ano cun incremento do 10% na facturación. Tamén aumentan as firmas que prevén entre un 10 e un 20% máis de ingresos neste exercicio con respecto do 2020. No lado contrario, non hai ningunha empresa que agarde un descenso da facturación maior ó 60%, como acontecía en maio do ano pasado e vaise reducindo o número de entidades onde a previsión pase por unha redución da facturación de máis do 20%. Con todo, un 25% aínda conta que os seus ingresos sexan un 10% inferiores.

Salvagardar ós traballadores

A maioría das empresas forestais afrontaron a crise sen ter que facer axustes no seu cadro de persoal nin nos salarios. Aínda que houbo firmas que tiveron que realizar despedimentos ou baixadas na remuneración dos seus empregados, contabilizáronse empresas que contrataron máis persoal e que incrementaron as partidas para salarios. Mentres, os axustes producíronse en aspectos como stock de insumos ou materia prima, así como nas existencias de produto, onde arredor dun 35% das empresas tiveron un descenso en ámbolos dous.

As empresas apenas fixeron axustes no cadro de persoal nin nos salarios e destinaron esforzos para mellorar a protección dos traballadores

As enquisas tamén revelan que a protección dos traballadores, dotándoos con máscaras protectoras ou establecendo sistemas para evitar os contaxios foi un dos ámbitos ó que máis atención prestaron. O impacto da Covid-19 na saúde do persoal da empresa é unha das principais preocupacións no sector xunto coa incerteza e a posible caída da demanda. Porén, nestes meses tampouco se detectaron importantes gromos de Covid-19 que afectaran á actividade das empresas do sector.

“En xeral, non se recorreu á diminución da masa salarial e houbo un esforzo na aplicación xeneralizada de medidas preventivas e maniféstase entre as principais preocupacións as que atinxen á saúde dos traballadores”, detalla Picos.

Neste último ano, só un 2% das empresas se viu inmersa nun concurso de acredores, ben fose necesario ou voluntario. Na mentres, un 43% das firmas solicitou financiamento a través de préstamos ICO (37%) e do Igape (6%) e un 14% tiveron que acollerse a un ERTE.

Novas tendencias

Esta radiografía do sector permitiu coñecer a valoración que fan as empresas sobre novas megatendencias que están a repercutir de xeito directo na industria forestal. Neste senso, unha das maiores preocupacións céntrase no rexurdimento das fronteiras nacionais, derivadas tanto da crise sanitaria como de cambios políticos como o Brexit en Inglaterra.

Outras tendencias son consideradas como positivas no sector polas oportunidades que poden brindar. Así, destacan aquelas que teñen que ver coa mellora do hábitat e o confort, a volta a áreas rurais ou a preferencia do consumidor por produtos locais.

O rexurdimento das fronteiras e a consolidación do comercio online atópanse entre as preocupacións da industria forestal

A consolidación do comercio online é outra das preocupacións do sector, que o observa tanto como unha oportunidade para os seus produtos como unha forte competencia. Polo momento, ó contrario que aconteceu con outros sectores, que deron un importante salto na comercialización dixital dos seus produtos durante esta pandemia, motivados pola falta de mobilidade, a industria forestal aínda non avanzou nesta dirección. Porén, como apuntaba Juan Picos durante a presentación dos resultados, cómpre indagar se existen barreiras como a falta de cobertura das áreas rurais que estean a limitar a implantación da comercialización online do sector forestal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información