A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

O sector forestal galego en cifras

O sector forestal galego en cifras

A superficie de monte baixo instrumentos de ordenación ou xestión forestal acadou no ano 2019 as 262.175,96 hectáreas en Galicia, case un 8% máis ca no exercicio anterior. Así se desprende dos datos da última actualización do Anuario de Estatística Forestal de Galicia.

Outro dato salientable é que o pasado ano o volume de aproveitamento, en montes de xestión pública e de xestión privada, acadou os 9.703.422 m³ de madeira-máis do 50% de toda España-, dos que o 97% son montes ou terreos en xestión privada e o 3% baixo montes de xestión pública. En conxunto, o 84,14% pertencen ás provincias da Coruña (45,66%) e Lugo (38,48%).

Do volume de aproveitamento total, o 39,15% foron coníferas (3.798.769 m³) e o 60,85% frondosas (5.904.653 m³) . Con relación ás coníferas, as maiores porcentaxes corresponderon a Pinus pinaster (47,64%) e a Pinus radiata (44,86%). En frondosas, o 95,2% corresponde a Eucalyptus spp.

En Galicia por cada m³ de coníferas aproveitáronse 1,55 m³ de corta de frondosas. A maior porcentaxe de aproveitamento de frondosas sitúase no Distrito I Ferrol. A maior porcentaxe de solicitude de corta de coníferas rexístrase no Distrito IX Lugo – Sarria.

Os montes de xestión privada

Número e volume de aproveitamentos: O 85% da madeira cortada é nas provincias da Coruña e Lugo

No ano 2019 rexistráronse en Galicia 93.921 declaracións e solicitudes de aproveitamentos en montes ou terreos de xestión privada para un volume total de 9.442.623 m³, cunha media de 100,54 m³ por expediente. Destacan datos como os das provincias da Coruña e Lugo, que representan conxuntamente o 69,28% do número de declaracións e solicitudes e o 85,08% do total do volume de aproveitamento solicitado.

Por tipoloxía de modalidade, as solicitudes realizadas por “declaración responsable” foron as maioritarias, tanto por número (63.435) como por volume (5.530.134 m³, cun incremento do 45,23% respecto a 2018). En número de declaracións e solicitudes, a maior porcentaxe corresponde ao Distrito II Bergantiños – Mariñas Coruñesas (11,5% sobre o total). En volume, a maior porcentaxe rexístraa o Distrito I Ferrol (14,2% sobre o total).

Anuario-forestal-2019-grafico-producion-de-madeira

Superficie: Unha media de 0,5 hectáreas por aproveitamento

No ano 2019 en Galicia estas declaracións e solicitudes de aproveitamento afectaron unha superficie total de 46.740 hectáreas e un total de 88.630 referencias catastrais. O 33,37% desta superficie e o 41,68% do total das referencias catastrais corresponden á provincia da Coruña (15.595 hectáreas e 36.943 referencias).

O termo medio de Galicia de superficie por declaración ou solicitude de aproveitamento é de 0,50 hectáreas (0,44 ha no caso das declaracións responsables e 0,61 ha no das autorizacións). A provincia de Ourense ten o maior termo medio e acada as 0,70 hectáreas por expediente (0,60 ha no caso das declaracións responsables e 1,01 ha no das autorizacións). Os distritos II, III, VI, IX e XIV representan en conxunto o 41% do total da superficie de aproveitamento declarado e solicitado en montes ou terreos de xestión privada.

Especies: Arredor do 60% son cortas de eucalipto

O 37,60% dos aproveitamentos declarados e solicitados en montes ou terreos de xestión privada en 2019 (9.442.622 m³) refírense a coníferas e o 62,40% a frondosas.

Con relación ás coníferas (3.550.617,67 m³), o 45,8% e o 47,1% refírense a aproveitamentos de Pinus radiata e Pinus pinaster, respectivamente. Nas frondosas (5.892.005 m³) o 95,20% correspóndese con Eucalyptus spp.
A nivel galego, do volume de aproveitamento total en montes de xestión privada, o 59,4% é corta de Eucalyptus spp. As maiores porcentaxes de corta de Eucalyptus spp. sobre o total rexístranse nos distritos I, VI, II, XIX e III (entre o 89% e o 67%).

Anuario-forestal-2019-grafico-producion-de-madeira-montes-publicos

O maior volume de declaracións e solicitudes de aproveitamento privado de frondosas corresponde ao Distrito I Ferrol (20,09% do total de frondosas) e de coníferas ao Distrito IX Lugo – Sarria (19,41% do total de coníferas).

Estado da madeira:

En 2019, dos 9.442.622,64 m³ de aproveitamentos en montes ou terreos en xestión privada de Galicia, 9.305.149,33 m³ corresponde a madeira verde (98,54%), 34.417,54 m³ a madeira seca (0,36%) e 103.055,77 m³ a madeira queimada (1,09%).

En madeira verde, os maiores volumes de aproveitamento fanse na provincia da Coruña (46,95%) e Lugo (38,78%). Mentres, o maior volume de aproveitamento de madeira queimada e seca en montes ou terreos privados corresponde a Pontevedra (46,95% e 51,43%, respectivamente).

En 2019 descenderon con respecto ao ano anterior un 51,53% os aproveitamentos procedentes de madeira queimada, ao terse retirado en 2018 a meirande parte do calcinado en 2017.

Afectacións: Sobre todo a zona de policía de augas e estradas

Durante 2019 en Galicia as solicitudes con algunha ou varias afectacións foron o 27,65% do conxunto de solicitudes de aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada (93.921). A Coruña e Lugo son as provincias onde maior número de solicitudes teñen algunha afección (unha ou varias), cun 28,6% e un 30,02%, respectivamente.

A maior incidencia de afectacións, cun 50,82% sobre o total, correspóndese á afección de zona de policía de augas, seguida de estradas cun 22,78%.

No conxunto de Galicia, por cada solicitude con algunha afectación (unha o varias), rexístranse 2,61 solicitudes sen ningunha afectación (en 2018 eran 3,91). Os distritos onde se concentra maior número de solicitudes con afección sobre o total son I Ferrol (15%), II Bergantiños – As Mariñas Coruñesas (12,2%) e VI A Mariña Lucense (13,9%).
Respecto a 2018, as solicitudes con afectación que máis se incrementaron foron: patrimonio cun 46,97%, estradas cun 31,70% e costas cun 31,70%.

Forma de presentación:

Das 93.921 declaracións e solicitudes de aproveitamento en montes ou terreos de xestión privada realizadas en Galicia, un 39,44% tramitáronse en formato papel (32.742), e as tramitadas por sede electrónica acadaron un 60,56% do total (61.179). As declaracións e solicitudes presentadas por sede electrónica superan as realizadas por medio de papel en todas as provincias (arredor do 70%), excepto no caso da provincia de Ourense, onde un 76,15% se presentou en formato papel. En 2018 as presentadas en formato papel superaban ás de sede electrónica (52,25% fronte a 47,75%, respectivamente).

No conxunto de Galicia, por cada declaración ou solicitude tramitada en papel, tramítanse 1,87 por sede electrónica. O distrito que destaca por solicitudes presentadas por sede electrónica fronte ás realizadas por papel é o Distrito VI A Mariña Lucense.

Montes de xestión pública: Descenden notablemente os aproveitamentos de madeira queimada e seca

O volume de aproveitamento en montes de xestión pública acadou no ano 2019 os 260.800,29 m³. Destacan datos como que o 42,64% corresponde a Lugo e o 36,29% se localiza en Ourense.

Especies:

Destes 260.800,29 m³, o 95,15% corresponde a coníferas e só o 4,85% a frondosas. Respecto ás coníferas, o 55,32% do total é Pinus pinaster e o 30,77% é Pinus radiata. Do volume de frondosas, o 95% é de Eucalyptus spp.

A maior porcentaxe de aproveitamento en montes de xestión pública de coníferas sitúase no VIII Terra de Lemos (14,3%) e XIV Verín – Viana (12,3%), e a maior porcentaxe de frondosas no Distrito IV Barbanza (31%).

Estado da madeira:

Dos 260.800,29 m³ totais de aproveitamentos en montes ou terreos en xestión pública, 223.304,02 m³ corresponden a madeira verde (85,62%), 4.166,06 m³ a madeira seca (1,60%) e 33.330,22 m³ a madeira queimada (12,78%). En madeira verde e seca os maiores volumes de aproveitamento fanse na provincia de Lugo (46,69% e 64,71% respectivamente).

O aproveitamento procedente de madeira verde increméntase un 3,54% con respecto a 2018, ao tempo que descenden un 72,97 e un 74,17% os aproveitamentos procedentes de madeira queimada e seca, respectivamente.

Aproveitamentos de pastos en monte 2019

No ano 2019, o número de montes que regulan os seus aproveitamentos de pasto segundo o Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo acadaron un total de 38, dos cales 8 corresponden ao Plan silvopastoril (6 de Montes Veciñais en Man Común -MVMC- e 2 de particulares), que representan o 21,05% do total. Os outros 30 corresponden a Instrumentos de Ordenación ou Xestión Forestal (IOXF), dos cales 29 son MVMC e 1 pertence ao catálogo de Montes de Utilidade Pública (UP), que representan o 78,95% do total.

Por provincias, as maiores porcentaxes en número corresponden a Ourense (39,47%) e Pontevedra (28,95%). Segundo o tipo de propiedade, é maioritario o MVMC cun 92,11%. Os distritos con maior número de montes con aproveitamentos de pasto regulados son o IV Barbanza (7), XIV Verín – Viana (6) e XII Miño – Arnoia (5).

Algo máis de 6.000 hectáreas de superficie

No ano 2019 a superficie dos 38 montes que regulan os seus aproveitamentos de pasto segundo o Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo acadaron un total de 6.038,85 hectáreas, das cales 5.410,83 corresponden aos IOXF e 628,02 ao Plan silvopastoril.

A práctica totalidade, 5.808,67 hectáreas (96,19%), fai referencia aos MVMC, dos cales 5.232,64 ha corresponden a IOXF.

As maiores porcentaxes en superficie corresponden ás provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense (34,72%, 33,94% e 39,25%). A provincia de Lugo só representa o 2,09% do total. Os distritos con maior superficie son o IV Barbanza (1.888,4 ha) e o XIV Verín – Viana (1.347,5 ha).

Prohibicións de aproveitamento de pastos

31 montes cunha superficie total de 6.097,75 hectáreas tiñan prohibidos os aproveitamentos de pastos no monte en 2019 e debían inscribir dita prohibición no Rexistro Público de Terreos Forestais de Pastoreo.

ÇCase a totalidade destes montes corresponden a MVMC (30 e 6.024,44 ha). A provincia coa maior porcentaxe en número e superficie é a de Pontevedra con 28 montes e 5.947,36 ha (90,32% e 97,53%, respectivamente). Os distritos con maior número e superficie con prohibición de pastos rexistrada en montes son o XVIII Vigo – Baixo Miño (12 e 3.309,70 ha) e o XIX Caldas – O Salnés (14 e 2.346,38).

Aproveitamentos micolóxicos:

Ata o ano 2019, 24 montes ou terreos forestais de xestión privada fixeran unha comunicación de acoutamento para aproveitamento micolóxico, cunha superficie total de 8.013,38 hectáreas.

Por provincias, Lugo, cun 46,88% e 3.756,79 ha, é a que maior superficie ten acoutada para aproveitamento micolóxico, seguida de Ourense e A Coruña, cunha superficie arredor das 2.000 ha cada unha.

O distrito con maior superficie é o IX Terra Chá, con 5 montes e 3.018,75 ha.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *