O pasado día 7 o Congreso dos Deputados aprobaba definitivamente a reforma da Lei de Montes, unha norma que databa do ano 2006 e que regulará máis do 54% da superficie do Estado que está considerada como solo forestal, e que en dous terzos está en mans privadas.
Galicia é a Comunidade máis afectada pola nova norma, xa que, cun 68% da súa superficie considerada como solo forestal, concentra o 50% dos aproveitamentos forestais de toda España. Ademais, outra especificidade de Galicia é que un terzo da superficie forestal son montes veciñais, que suman máis de 600.000 hectáreas.
Falta de medidas suficientes de estímulo fiscal para investir no monte
Aínda que o foco mediático a nivel estatal se puxo na recualificación dos terreos queimados, en Galicia o punto principal no que coinciden os representantes do sector é a falta de medidas de estímulo fiscal para combater o que consideran o seu principal problema: o abandono e a falta de xestión do monte.
Así, Ana Oróns, secretaria xeral de Confemadera Galicia, lamenta que “a lei non incorporase as nosas achegas sobre incentivos fiscais que fagan atractivo o investimento en xestión forestal sostible do monte”.
“Desde a industria galega da madeira cremos que esta proposta de incentivos fiscais sería a ferramenta máis eficaz contra o abandono do monte, contribuíndo a reducir os lumes forestais e as pragas e enfermidades”, subliña.
Os propietarios forestais pedían bonificacións fiscais do 30%, que se quedaron no 10% e só para as sociedades forestais
Na mesma liña, pero do lado dos propietarios dos montes, se manifestan dende a Asociación Forestal de Galicia a través de COSE, a confederación que agrupa ás asociacións de Propietarios Forestais Privados das distintas comunidades autónomas.
En concreto, a xerente de COSE, Patricia Gómez, explica que “dende COSE reivindicábamos unha fiscalidade incentivadora da Xestión Forestal Sustentable, cunha proposta de bonificación do 30% na cota do IRPF ou Imposto de Sociedades dos investimentos en XFS, que representaría un ingreso neto para a administración e crearía un gan número de postos de traballo”.
Sen embargo, Patricia Gómez recoñece que “o resultado non foi de todo satisfactorio” xa que a nova Lei de Montes “introduce o concepto de bonificación fiscal a investimentos forestais pero limítaos de forma inxustificada só ás recén creadas sociedades forestais”, menos de 5 neste momento en todo o Estado.
Deste xeito, a nova norma establece que unicamente as sociedades forestais “terán dereito a unha redución na cota íntegra do imposto de sociedades do 10% dos gastos ou investimentos que realicen no período impositivo na conservación, mantemento, mellora, protección e acceso ao monte”.
“Os montes privados clasificados como protectores poden acceder a futuras axudas”
Un aspecto positivo da nova norma que salientan dende COSE é a nova clasificación dos montes, “pola que aqueles montes privados non produtores poden ter a categoría de monte protector, previa solicitude do propietario á administración competente, e poder ser canalizadores de sistemas de pagos por servizos ambientais, cando se establezan”.
Valoración das comunidades de montes veciñais
Máis críticos coa norma se amosan dende a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM). O seu presidente, Xosé Alfredo Pereira, considera que as modificacións que establece a nova Lei de Montes “son negativas porque son recentralizadoras, eliminan a participación sectorial, afianzan o uso forestal, en exclusiva, dos montes e despreza a singularidade dos montes veciñais”.
Respecto a isto último, Pereira critica que “a nova lei define os montes veciñais como montes de titularidade privada, cando antes eran considerados, acertadamente, como titularidades comúns”.
Comunidades de Montes: “Afiánzase o uso forestal, en exclusiva, do monte”
Ademais, advirte de que “as Comunidades Autónomas, sen contar coa autorización dos titulares dos montes, poden permitir o uso de vehículos a motor polas pistas forestais cando estas teñan a consideración de monte”.
O presidente das comunidades de montes agrupadas en ORGACCMM tamén lamenta o que considera “aposta polas especies de crecemento rápido e polos cultivos enerxéticos na nova lei”. Nesa liña sitúa “a consideración como terras forestais daquelas terras agrícolas que sexan plantadas con especies forestais para cultivos enerxéticos, a eliminación da obriga de contar cun instrumento de xestión do monte para ordenalo; a supresión da autorización administrativa para cortar eucaliptos ou cultivos forestais enerxéticos ou a eliminación da obriga das administracións para que os selos de certificación forestal conteñan criterios ambientais e sociais”.
Valoración da Xunta de Galicia
Valoración diferente ofrecen dende a Consellería do Medio Rural e do Mar, para a que a reforma “actualiza moitas situacións que era conveniente refrescar”.
Así, dende o departamento que dirixe Rosa Quintana salientan como aspectos positivos da reforma da Lei de Montes que se recolla a figura das agrupacións de propietarios forestais “seguindo a filosofía das Sociedades de Fomento Forestal (SOFOR) aplicada en Galicia”.
Igualmente, salientan a actualización dos montes de socios, semellantes aos montes de varas en Galicia, e “a posibilidade de que as pequenas parcelas se podan unir nunha liña moi semellante ao que son en Galicia as orientacións silvícolas”.
“A nova lei non invade as competencias da Xunta”
Por outra parte, dende a Consellería de Medio Rural e do Mar negan que norma sexa recentralizadora “xa que non supón ningún tipo de invasión das competencias da Xunta de Galicia”, algo no que si insiste a Organización Galega de comunidades de Montes Veciñais.
Recualificación dos terreos queimados
Por último, en canto ao que foi o aspecto máis polémico desta lei a nivel informativo, a recualificación dos terreos queimados, dende a Consellería do Medio Rural e do Mar recalcan que “non se abre a porta a procesos urbanísticos especulativos en terreos queimados recualificándoos antes de 30 anos”.
“A reforma da lei -explican- faculta ás Comunidades Autónomas a aprobar cambios de uso por razóns de interese público, como variar o trazado dunha estrada ou dunha vía férrea, que, en todo caso, debe establecerse por lei, e sempre adoptando medidas compensatorias que permitan recuperar unha superficie forestal equivalente á queimada”.
Sen embargo, para Xosé Alfredo Pereira “o termo interese público de primeira orde é confuso e pode ser interpretado de xeito distinto”. En todo, caso salienta que “o monte veciñal está máis protexido xa que, por ter un carácter singular e ser interese público, para proceder a un cambio de uso precisaría un acto de prevalencia”.
Unha vez aprobada a reforma da Lei de Montes toca adaptar á normativa estatal a Lei de Montes de Galicia, aprobada hai 3 anos e que aínda está en fase de desenvolvemento regulamentario.