As cooperativas galegas de vacún de carne xuntáronse nunha xornada organizada por Agaca para valorar ferramentas de intervención no mercado. A recentemente creada Interprofesional do vacún de carne, Provacuno, e a posible constitución de organizacións de produtores foron dous dos principais asuntos abordados no encontro, celebrado en Lugo.
Sobre a Interprofesional houbo unanimidade na súa valoración positiva. A Interprofesional do vacún de carne, Provacuno, é un instrumento que pode aportarlle ó sector unha serie de beneficios claros, segundo conclúe o xerente de Agaca, Higinio Mougán, tras a xornada do pasado venres. “Resulta moi interesante de cara a defender o consumo de carne –destaca-. As campañas promocionais que pode facer Provacuno son precisas para atenuar posibles percepcións negativas en torno á carne de vacún ou a súa seguridade alimentaria”.
As previsións apuntan a que Provacuno, que integra a produtores e industrias, financiarase a través do mecanismo coñecido como extensión de norma, que lle permitirá recaudar fondos de toda a carne que se procese nas industrias e matadoiros, detraendo unha pequena cantidade por quilo procesado tanto a produtores como a industrias. “É importante que haxa coñecemento no sector da importancia da Interprofesional e consenso sobre a necesidade de financiala”, incide Mougán. “As interprofesionais hai que telas, no mellor dos casos para non usalas”, conclúe.
“É importante que haxa consenso sobre a utilidade da Interprofesional e sobre a necesidade de financiala”
Organizacións de produtores e contratos
Maior debate será preciso sobre a posible creación de organizacións de produtores (OPs) no sector do vacún de carne, unha opción que se abriu a través do reglamento da UE 1308/2013. No ámbito do vacún de carne, a constitución das OPs é voluntaria. Os obxectivos das OPs, segundo a normativa, poden ser múltiples, polo que cómpre afinar por que e para que resultaría de interese a creación das organizacións de produtores.
“En porcino, por exemplo, vanse crear OPs co obxectivo fundamental de xestionar os puríns das explotacións, que son un dos grandes problemas do sector”, explica Fernando de Antonio, técnico de Cooperativas Agroalimentarias de España, que participou na xornada de Agaca para desgranar a situación de mercado e as posibilidades que ofrecen as OPs.
No vacún de carne, as OPs poden ter funcións múltiples, aínda que unha condición imprescindible é que atendan ós seguintes obxectivos: a concentración da oferta, a planificación da produción e a optimización de custos. Para crear unha OP, precísanse un mínimo de 10 gandeiros e 2.000 vacas nodrizas para explotacións en Identificacións Xeográficas Protexidas (IXP); e 50 gandeiros e 20.000 vacas nodrizas no resto.
En Galicia, a experiencia previa coas organizacións de produtores dáse no vacún de leite, onde as OPs, creadas co cometido principal de negociar contratos coas industrias, están polo de agora a fracasar. A contratación entre gandeiros e industrias no vacún de carne foi precisamente outro dos asuntos abordados na xornada de Agaca, se ben neste punto non houbo consenso sobre a súa utilidade. “Polo tipo de operativa do sector, non é fácil implementar un modelo de contrato que teña éxito e que sexa beneficioso para todas as partes”, explica Higinio Mougán. “O contrato é un tema que deixamos en stand-by”, conclúe Higinio.
“As OPs de carne poderían ter unha función distinta das de leite, xa que non se usarían para negociar contratos”
En canto ás OPs de carne, o xerente de Agaca sinala que de constituirse, terían uns cometidos ben distintos que as de leite. “Cremos que non seguirían o enfoque de negociar, senón que se poderían crear con outro tipo de obxectivos, por exemplo, de cara a conseguir unha diferenciación no mercado que xere algún valor engadido”, apunta Mougán. “En calquera caso, hai que partir da base de que aquí temos unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP), Ternera Gallega, que todos apoiamos e sobre iso non vai haber discusión, pero as OPs poden funcionar de xeito complementario”.
Cifras de mercado
Ternera Gallega, que comercializa no Estado máis da metade da carne de vacún certificada baixo selos de IXPs, é a principal referencia galega no vacún de carne. Galicia ocupa un posto punteiro no mercado estatal (15% do total) en boa medida gracias á IXP. Tres comunidades, Castela e León (21%), Galicia e Extremadura (13%) representan o 50% do vacún de carne criado en España.
A carne española de vacún ten unha alta presencia no mercado europeo, cun 21% do total exportada á UE. As cifras de produción sitúan a España como o sexto produtor de Europa en carne de vacún.