O sector do castiñeiro, preocupado polo posible avance da avespiña

A Red Estatal del Castaño, na que participa a asociación galega Proagrosilga, acordou solicitar información do Ministerio sobre o estado da praga e sobre os resultados da loita biolóxica experimental, iniciada este ano

O sector do castiñeiro, preocupado polo posible avance da avespiña

Reunión da Red Estatal del Castaño.

A última reunión da Red Estatal del Castaño, celebrada esta semana, serviu para constatar a preocupación xeralizada en toda España polo avance da praga da avespiña. As distintas organizacións que integran a rede consideran que a avespiña se extende con velocidade, sen que medidas coma podas ou tala de pés afectados teñan ningún éxito. As esperanzas do sector do castiñeiro están postas na loita biolóxica contra a praga a través da solta do seu parásito, o ‘Torymus sinensis’.

En Galicia, a loita experimental co ‘Torymus’ iniciouse este ano coa liberación duns 10.000 exemplares do insecto nas provincias de Lugo e Ourense, as de maior presenza do problema. A Red Estatal del Castaño acordou solicitar do Ministerio información sobre o resultado desta loita experimental, así como tamén datos oficiais sobre a situación da avespiña do castiñeiro en España.

Desde Proagrosilga (Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Agrosilvestres de Galicia), organización integrada na Red Estatal del Castaño, lémbrase que a praga da avespiña pode ocasionar serios danos económicos na produción de castaña, pero tamén sobre o “patrimonio forestal” dos soutos centenarios que hai na zona oriental de Galicia.

A capacidade da praga para multiplicarse de ano en ano é a principal preocupación do sector, pois cada femia da avespiña do castiñeiro pode poñer entre 100 e 200 ovos por campaña.

Proxectos
As organizacións que integran a Red del Castaño están a valorar a súa posible participación en iniciativas europeas, coma o programa Life, para a posta en marcha dun proxecto de conservación e restauración do hábitat do castiñeiro. A innovación en materia fitosanitaria para facer fronte ás diversas pragas que ameazan á castaña é outro dos aspectos sobre os que se quere traballar conxuntamente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información