Falta pouco máis dunha semana para que o Concello de Xinzo de Limia e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presenten oficialmente os resultados do estudo integral sobre o “Análise do sector da pataca e a súa importancia na comarca da Limia”.
Mentres se aproxima a data da presentación, que terá lugar este venres, día 27 de marzo, na gran gala dos Premios Semente, comezan a desvelarse os primeiros datos económicos extraídos da investigación, dirixida polo profesor Francisco Jesús Ferreiro Seoane.
Os números son rotundos e demostran que a pataca non é só un cultivo identitario, senón o auténtico motor económico desta comarca ourensá. O estudo constata que a industria e as explotacións vinculadas ao sector da pataca xeran, por si soas, o 22,7% de todos os ingresos por facturación na Limia, alcanzando un volume de 65,6 millóns de euros no último exercicio analizado.
Lonxe de estancarse, os datos revelan un sector cun dinamismo imparable. Segundo se desprende da investigación académica, a facturación das empresas deste eido experimentou un espectacular crecemento do 70,3% nos últimos cinco anos, pasando dos 38,5 millóns de euros en 2018 aos actuais 65,6 millóns. Este pulo económico consolida a Limia como a bisbarra líder no agro galego e un punto estratéxico de fixación de riqueza, cunha facturación por empresa que é 10 veces superior á media do resto de sectores produtivos locais.
Ademais do volume de negocio, a saúde financeira do sector queda patente no incremento da súa rendibilidade: os beneficios netos aumentaron un 113,7% na última década, o que supón duplicar a marxe nese período. O vindeiro venres, 27 de marzo, o equipo da USC detallará nos Premios Semente estas cifras xunto cunha análise pormenorizada sobre o emprego, o futuro do regadío, e a gran aposta do concello de Xinzo de Limia pola innovación e a transformación industrial.

Galego









Control OJD