O intrusismo que se vén detectando nos soutos nos últimos anos, acompañado de episodios como o roubo de castañas xa recolectadas, está a aumentar a preocupación no sector da castaña. Ante esta situación, a IXP Castaña de Galicia e Proagrosilga (Asociación de Produtores e Exportadores de Produtos Silvestres de Galicia) veñen de manter estes días unha reunión en Barbadás (Ourense) con representantes da Guardia Civil, Seprona e Medio Rural para abordar o problema.
Os produtores e comercializadores solicitaron un maior control da Guardia Civil durante as semanas que dura a campaña. As forzas de seguridade, pola súa banda, reclaman maior colaboración cidadá para que cando se detecten persoas ou vehículos sospeitosos se chame con inmediatez. Este ano, a Guardia Civil sinalou que fará un esforzo para establecer unha maior presenza de axentes nas zonas máis conflictivas, especialmente cando se estea en plena campaña.
Desde Proagrosilga, inciden tamén en que as empresas asociadas están comprometidas na compra de castañas só a persoas que se identifiquen co seu documento de identidade, a fin de poder detectar posibles ilegalidades.