O Auditorio Municipal de Escairón (O Saviñao) acolleu unha nova xornada divulgativa sobre o sector da castaña orientada a produtores, técnicos e persoas que desexan incorporarse á actividade. O presidente da Asociación Galega das Castañas e os Soutos (AGCS), José Antonio Liñares, foi o encargado de dar a benvida os participantes, fixar os obxectivos da xornada e agradecer o apoio da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a cesión das instalacións municipais.
TÉCNICAS AGRONÓMICAS
Miguel Ángel Vázquez de la Mata, de Viveros Castanea Sativa (O Bierzo), foi o encargado de abrir a xornada cunha ponencia sobre aspectos técnicos e agronómicos no cultivo do castiñeiro de froito. E fíxoo partindo dunha descrición das características, evolución, fortalezas e debilidades da planta.
Vázquez sinalou que a elección de terreos é un paso clave antes de acometer unha plantación. O castiñeiro adáptase a todo tipo de solos (arxilosos, areosos, francos, roxos, de secano interior…) agás os pantanosos e compactos. E prende mellor en terreos cun PH entre 5 e 7. Eso si, teñen que ser permeables e con abundancia de materia orgánica.
Por outra banda, a árbore necesita como mínimo dunha capa fértil de medio metro de terra. E tamén é recomendable iniciar o cultivo en parcelas que non estean núas de vexetación, porque eso incrementa o risco de que o sol queime os castiñeiros novos.
Antes de empezar coa plantación, temos que seleccionar a variedade en función do clima, o terreo e o tipo de solo no que imos cultivar. (Miguel A. Vázquez, Viveros Castanea Sativa)
O cultivo en ladeiras abrigadas e frescas é o máis acaido. E, contrariamente ao que se cre, o castiñeiro pode ser produtivo en altitudes que van dende o nivel do mar ata os 1.600 metros, como é o caso de Sierra Nevada.
Respecto do clima preciso para que a plantación teña éxito, Vázquez sinalou que é necesaria unha pluviometría regular, abundante e sen períodos prolongados de seca. E que nos veráns haxa momentos de temperaturas non moi altas.

Os castiñeiros deben recibir unha cantidade de luz suficiente pero non excesiva. Foto: Cardeiro & Argiz
As xeadas temperás e as secas estivais nos primeiros anos de vida da planta son, xunto cos encharcamentos, factores que poden levar a que a plantación non saia adiante. Se o clima favorece a aparición de malas herbas que compiten co castiñeiro, Vázquez recomenda empregar cubertas acolchadas ou realizar laboreos pouco agresivos.
O castiñeiro precisa duns 100 litros de auga anualmente e que poida contar con ela especialmente nos momentos de máxima actividade vexetativa. O que hai que evitar son os encharcamentos e sempre tendo en conta que o sistema radicular da árbore -pouco profundo pero moi extenso- xestiona a aportación de auga moito máis que o resto da planta.
O aporte lumínico, sen ser excesivo, debe ter un mínimo que garanta que as polas teñen actividade. De non recibir a luz suficiente, o propio castiñeiro “mata” as polas interiores e concentra toda a acción produtiva na capa exterior, reducindo moito a colleita.
O especialista sinalou que o sistema radicular do castiñeiro de froito está medrando todo o ano, agás nos momentos de temperaturas moi baixas. Por eso cómpre ir a marcos de plantación grandes, de 10×8 ou mesmo maiores para evitar que as raíces das árbores se fagan competencia e mesmo se toquen. E outro tanto sucede coas copas.
Nos primeiros anos de vida do castiñeiro o exceso de auga pode ser aínda máis perigoso que unha seca prolongada
Para fortalecer o sistema radicular e que absorba mellor os nutrientes do chan, Vázquez recomenda -no momento do transplante- cortar as raíces pivotantes. Así as secundarias desenvolveranse mellor e facilitarán unha óptima fixación ao solo. Que as raíces vaian micorrizadas tamén axuda á súa integración no chan.
A rega é fundamental nos primeiros anos de plantación. Incluso en zonas chuviosas, a rega sempre resultará en beneficio do futuro da árbore e dos seus froitos. Pero en todo momento hai que ter en conta que un exceso de auga pode levar á asfixia radicular, polo que a rega ten que ser moi controlada. Vázquez insistiu en que demasiada auga é máis perigosa que a falta dela.

Miguel A. Vázquez explicou aspectos clave de agronomía na castañicultura
Así, a rega debe ser planificada e en certa medida preventiva, de xeito que se realice antes de que o chan estea seco de máis. En plantas xóvenes, a cantidade de auga requirida pode ser suficiente con 70 litros anuais. Se non se chega, hai que regar. Tamén porque o crecemento do castiñeiro depende da frescura que haxa no solo.
A floración, que se produce normalmente a mediados do mes de xuño, é o momento en que hai que estar máis vixilantes coa aportación hídrica á planta. Se non hai chuvias neses días, faise imprescindible regar para evitar problemas de estrés hídrico.
En todo caso, e máis cando se trata de plantacións grandes, os diferentes sistemas de rega supoñen un importante investimento polo que hai que analizar moi ben todas as variables (terreo, orientación, pluviometría…) antes de decantarse por un ou por outro ou incluso se implementalos ou non.
Vázquez destacou tamén a importancia da poda nas primeiras fases da vida dos castiñeiros (2 ou 3 anos), porque dela dependerá a produción futura. No Bierzo o habitual é traballar en formacións de vaso para potenciar o futuro crecemento da copa, que é a que nos dará rendemento. Pero para que ese modelo sexa efectivo hai que ir a marcos de plantación amplos, algo que non sempre é posible en Galicia polo minifundio.
Por outro lado, á hora de podar hai que ter presente que a madeira do castiñeiro vivo é relativamente blanda. Dese xeito, o sistema de polas que deixemos logo da poda ten que buscar un reparto equitativo do peso do froito. Tanto para evitar que fendan as polas como para que non ter que atalas cando se comecen a vencer.
Unha vez deseñada mediante poda a estrutura da árbore, teremos que arrincar manualmente todas as xemas que medren por debaixo das polas seleccionadas para produción de castaña. E haberá que retiralas cando superen un centímetro de tamaño.
O que máis se valora nas castañas de calidade é: ausencia de tabicación (a pel que se mete hacia o interior do froito), facilidade de pelado, calibre, sabor e que sirva para consumo en fresco. Conseguir xuntar todos eses parámetros debe ser o obxectivo do castañicultor e pode acadalo ben con variedades puras, ben mediante enxertos.
As árbores híbridas poden ter máis fortalezas que as sativas. Pero a calidade do froito sativa será sempre moi superior
E, no caso da árbore, o máis valorado é a precocidade na caída do froito, a simetría entre a parte radicular e a aérea, a altura da planta e o estado do pescozo. Estes parámetros danse mellor nas variedades híbridas, se ben presentan o problema de que o sabor e o pelado son de inferior calidade que os de castes autóctonas.
Vázquez indicou que o que máis se busca hoxe nos viveiros son plantas que se adapten ao terreo do que dispoñemos, que vaian garantir unha boa produción e que presenten resistencia fronte as enfermidades e pragas máis habituais (chancro, tinta, avespiña…).
Por eso, animou os produtores a adquirir exemplares que vaian acompañados de documentación acreditativa que garanta a súa identificación e características. Son documentos que elabora a Unión Europea e que poden ser de diferente nivel de acreditación.
O responsable do viveiro falou tamén das distintas fórmulas que hai para enxertar os castiñeiros e as combinacións con variedades sativa ou con clons híbridos como portaenxertos. Esas combinacións dependerán da resistencia a enfermidades e pragas, da adaptación do portaenxertos ao clima e o terreo, dos obxectivos de produción…E tamén dos criterios de selección de pugas e xemas para facer o traballo.

A poda e a rega na fase inicial da vida do castiñeiro determinán a súa capacidade produtiva Foto: Cardeiro & Argiz
Controlar o solo, a súa composición, presenza de malas herbas e materia orgánica é algo clave. Vázquez asegurou que tanto as queimas controladas como os laboreos e o uso de herbicidas presentan inconvenientes. O laboreo porque reduce a materia orgánica presente, debilita a estrutura do chan e resta capacidade de retención de auga.
As queimas favorecen a degradación do solo, déixano nú e eliminan boa parte dos microorganismos que son necesarios para ter un chan vivo. E os herbicidas conlevan danos similares ás outras dúas técnicas, ao mesmo tempo que frean a actividade biolóxica. Por todo eso, Vázquez aposta polas cubertas vexetais para preservar a calidade dos solos -por exemplo con leguminosas- e deixar as outras técnicas para cando non haxa mellor opción.
Vázquez rematou a súa intervención falando da combinación de terra de diatomeas e caolín para combater a praga da avespiña. Son produtos minerais aptos para o uso en agricultura ecolóxica, accesibles no mercado e cun prezo moderado. Segundo dixo, a súa experiencia con ambos produtos foi altamente eficaz mesmo nos peores tempos da praga.
A IMPORTANCIA DOS SOUTOS TRADICIONAIS GALEGOS
Antonio Rigueiro, Presidente da Asociación Forestal de Galicia e Catedrático Emérito de Produción Vexetal da USC, fixo un repaso pola historia, tradición e valor dos numerosos soutos galegos. Dende a súa importancia etnográfica ata a súa capacidade para producir cogomelos e falou doutros aspectos tanto materiais como intanxibles.
Aínda que a súa orixe non é natural -porque son resultado da acción de plantación do home- os soutos constitúen un ecosistema por si mesmos. Pola biodiversidade que atesouran (concentran máis do 70% dos polinizadores), polo seu valor paisaxístico e ecolóxico e pola diversidade xenética.

Rigueiro falou dos valores intanxibles e culturais dos soutos
Nos soutos de Galicia medran máis de 200 especies de fungos que teñen un importante aproveitamento alimentario. A micorrización, espontánea ou provocada, favorece a proliferación dos cogomelos. Especialmente de castes como a chantarella e o boletus. Nun estudo desenvolvido no Courel chegáronse a obter 150 quilos de fungos por hectárea, que supoñen uns 900 euros.
Para poñer en valor os soutos non só hai que mirar as castañas que producen. Tamén a súa importancia cultural, ecolóxica e paisaxística. (Antonio Rigueiro. Presidente da Asociación Forestal de Galicia)
Rigueiro destacou que Galicia é a comunidade autónoma que máis castañas comercializa, con arredor do 50% do total. Malia que se recollen de media anualmente 20.000 toneladas de froito, é necesario importar outras 10.000 toneladas, sobre todo de Portugal, para cubrir a demanda das industrias e os consumidores.
Este desequilibrio lastra o sector, que ve como cada ano se valoran máis as castañas galegas, chegando a mercados remotos como China ou Chile, pero non sendo capaces de abranguer toda esa demanda pola falta de estruturas profesionais consolidadas na produción.
Rigueiro fixo un repaso da etnografía asociada aos soutos e destacou elementos arquitectónicos como as corripas, os sequeiros e os canizos. E aludiu tamén a toponimia e os apelidos que teñen que ver coa castaña, o castiñeiro e o souto. Sen esquecer os seus usos na medicina popular e nos remedios caseiros. Ferramentas como o tambor de asado e festas como os magostos ou as pisas son exemplos da importancia que a castaña tivo en Galicia por ser a principal fonte de hidratos de carbono ata a chegada da pataca.

En Galicia hai 11.600 hectáreas de castiñeiros protexidas pola Rede Natura
O catedrático sinalou que, aínda que é habitual catalogar a castaña como un froito seco, o certo é que o seu contido en graxa é máis baixo que o da noz, a abelá ou a améndoa e que, en fresco, ten unha humidade que pode chegar ao 60%. E as graxas que contén son insaturadas, é decir, cardiosaudable. Ademais, a castaña contén numerosas vitaminas e minerais bos para a saúde.
Volvendo a vista á historia, Rigueiro destacou que na Idade Media os soutos non se medían polo seu tamaño senón pola cantidade de castiñeiros que albergaban. E aínda hoxe en día se da en zonas do Courel a figura legal na que unha persoa pode ser dona dun terreo e outra persoa diferente ser dona dos castiñeiros que hai neses terreo.
A pegada da cultura dos soutos no mundo rural galego reflíctese na arquitectura, a medicina, a toponimia ou ata nos apelidos
E lembrou que na actualidade seguen vixentes prácticas agronómicas como o demoucado -facer unha poda integral deixando so o comezo das polas que se van seguir dedicando a froito- ou a caracocha, que consiste en queimar a árbore por dentro de xeito controlado para eliminar os fungos e outros patóxenos.
O patrimonio xenético da castaña galega abrangue ata 80 castes que se dan no noso territorio, aínda que só de arredor de 20 se está a facer un aproveitamento efectivo e se están a facer perdurar mediante enxertos e novas plantacións.
Rigueiro puxo en valor o papel dos castiñeiros como sumidoiros de carbono, xa que poden chegar a ser milenarios e están facendo captura durante toda a súa existencia. Ademais de destacar que os soutos ben situados e coidados fan de barreira fronte o lume.
En Galicia hai 11.600 hectáreas de soutos protexidos dentro da Rede Natura, o que supón o 35% da superficie total de soutos galegos. Uns terreos que serven de alimento para osos e xabarís, que dan acubillo a morcegos e donicelas ou que as aves ou os roedores usan como almacén de froitos.
E, se ben é certo que nos soutos hai moi poucas flores, as que están presentes son moi curiosas tanto polo seu aspecto como polo seu interese científico, destacando a anémona, o único lirio autóctono galego ou a arandeira.
INVESTIGACIÓNS CIENTÍFICAS E TRABALLO XENÉTICO
Beatriz Míguez, doutora en Bioloxía e investigadora do Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, fixo unha exposición sobre avances en investigación xenética e con especial atención aos portaenxertos. Previamente, repasou o traballo en materia xenética que se leva desenvolvido en Lourizán dende o ano 1982 para identificar e catalogar os diferentes castiñeiros galegos. Basicamente, comprobar as mellores características de cada variedade e combinalas para obter árbores máis produtivas e resistentes. Todo ese traballo reflíctese no banco de xermoplasma de Lourizán.
No CIF contan a día de hoxe cun núcleo de propagación no que están presentes todas as castes rexistradas e outras coas que se está a investigar para ver a posibilidade de integralas nese rexistro. Teñen tamén unha colección de árbores superiores, resultado de tres anos de prospeccións en rodais galegos para localizar os mellores exemplares de castiñeiro.
O traballo xenético cos castiñeiros ten que buscar variedades máis perfectas sen esquecer manter vivas as tradicionais. (Beatriz Míguez, CIF-Lourizán)
Míguez insistiu en que tan importante como a mellora xenética é a conservación de castes. Porque, afirmou, na variedade xenética está o futuro da árbore. “A mellora reduce o uso de castes empregadas para obter máis rendemento e resistencia. Pero, máis adiante, poden ser as castes menos empregadas as que aporten solucións.”, dixo.
A investigadora falou dos híbridos (mal chamados F-1) que se crearon partindo das castes mollisima e cremata -de orixe asiática- e as súas mesturas con castiñeiro europeo. Daquela actuárase así para tratar de frear as pragas de tinta que afectaron os soutos litorais. Os híbridos descendentes daqueles traballos seguiron evolucionando e hoxe forman parte de diferentes estudos e proxectos.O problema foi que eses híbridos con parental asiático estaban pensados para zonas de clima suave, pouca seca no verán e altitudes de non máis de 600 metros.

Beatriz Míguez deu conta dos traballos en xenética que se realizan no CIF-Lourizán
Á espera de poder presentar os resultados definitivos, Míguez sinalou que os retrocruzamentos están a ofrecer unha mellor resposta que os híbridos que se viñan empregando habitualmente. Sobre todo no tocante a brotación. Proximamente determinarán cales son os clons máis aptos para plantar e enxertar. Antes é precisa a validación do Ministerio de Agricultura e do centro de referencia do castiñeiro, con sede en Hungría.
Os últimos avances e resultados nas investigacións foran presentados nun curso de verán organizado pola USC no que se falou sobre os castiñeiros e o cambio climático. Pódense consultar na nova elaborada por Campo Galego no seguinte enlace: https://www.campogalego.gal/debido-ao-cambio-climatico-necesitamos-portainxertos-resistentes-tinta-castineiro-que-se-adapten-ao-interior-de-galicia/
A SITUACIÓN ACTUAL DO SECTOR
Manuel López “Vilariño”, Secretario da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, falou sobre a situación actual do sector. A súa primeira reflexión foi para sinalar que o castiñeiro é unha árbore social e que depende do ser humano para sobrevivir. Por eso sinalou o despoboamento rural como un grande problema a futuro.
A planificación das plantacións ten que ser moi rigorosa e axeitada aos obxectivos comerciais do produtor. Así, Vilariño explicou que hai castes que non resisten demasiado tempo en boas condicións, outras que non aguantan ben os transportes, outras que son mellores para facer fariñas que para consumo en fresco…tendo claro que variedades queremos e podemos producir, acometeremos o plantío.
O secretario lembrou que as castes híbridas están prohibidas dentro da IXP e só se poden usar como portaenxertos. Nesa liña, sinalou que sería preciso que as castañas que se venden nos lineais estiveran identificadas. “Se o consumidor só mira o prezo, pódese encher o mercado de castañas asiáticas de pouco valor culinario e nutricional. É importante que estea informado do que merca e das enormes diferencias entre castañas híbridas e castañas sativa.”, dixo.
Sería moi útil que as castañas estiveran identificadas por castes nos lineais. O consumidor debe ter toda a información posible e que esta sexa clara. (Manuel López “Vilariño”, Secretario da IXP Castaña de Galicia)
Partindo de que o consumidor é plenamente autónomo e non se lle poden impoñer gustos, Vilariño sinalou que produtores, industrias, investigadores e todos os axentes do sector deben aportar todo o coñecemento existente para que se diferencie a castaña de calidade.

As posibilidades e os condicionantes do mercado da castaña galega foron analizados por Manuel López “Vilariño”
Hoxe os mercados están a demandar preferentemente castañas de tamaño grande. Eso non significa que non haxa sitio para as pequenas, que soen ser máis saborosas. Por eso, o secretario animou a poñer en valor parámetros como o tabicado inferior ao 12%, a formación de lotes homoxéneos (plantando de xeito que se poidan recoller por castes) e a facilidade de pelado.
Vilariño reivindicou o papel dos soutos tradicionais, que ben xestionados poden aportar ata 4.000 quilos por hectárea, pero remarcou a necesidade de completar a produción deses soutos con plantacións novas, rendibles e sustentables.
A profesionalización pode levar a que os castiñeiros sexan un medio de vida moi rendible e con pouco tempo de traballo. Porque, dixo, precisan de máis observación que de traballo físico. E, dende decembro de 2024, toda Galicia está dentro da IXP, de xeito que se pode producir baixo o selo de calidade en calquera terreo apto. Un aliciente máis para atraer novos produtores.
Vilariño amosouse confiado en que pronto haberá subvencións para colocar peches perimetrais nas plantacións e evitar así a acción do corzo e do xabaril. E sinalou que a ubicación deses peches debe ter en conta que as polas da árbore poden pasar por riba deles.

Produtores e técnicos participaron na xornada organizada pola AGCS
A recollida e entrega da castaña á industria son momentos claves. O froito debe ser recollido antes de que bote 48 horas no chan e non debe presentar humidade que o poida deteriorar. “Se vendemos 100 castañas húmidas, o comprador só vai aproveitar 60. Así que non comprou 100, comprou 60. E é probable que non nos volva mercar.”, dixo Vilariño.
A forma de presentación non é só unha cuestión de sanidade do froito. Tamén de imaxe. Por eso o secretario pediu que todos os envases que se usen para recoller e entregar a castaña sexan de uso alimentario. Ben sexan caixas ou sacos. E que a indumentaria para recoller sexa a axeitada.
O manexo que se faga na recollida ou a presentación coa que se entreguen as castañas tamén son parámetros de calidade que debe coidar o produtor
Nese sentido, volveu citar a presentación de lotes homoxéneos para facilitar o traballo da industria e que se recompense por eso o produtor. “Hai que buscar que nas máquinas entren grupos do mesmo calibre -a cantidade de castañas que suman un quilo- para axilizar o traballo tanto de pelado como de conxelación. Non só se trata de que a castaña saia ben do souto, senón de que chegue perfecta ao consumidor. Hai que ter unha visión global de sector.”
O secretario fixo un chamamento para que consellerías como a de Medio Ambiente e a de Cultura aporten axudas ao sector. Porque os castiñeiros aportan auga pura e capturas de carbono e pola tradición cultural e etnográfica dos soutos.
Un dos labores que desenvolve a IXP son as catas. Nelas reúnen a operadores dos países aos que se exporta a castaña galega para que seleccionen que castes prefiren e por que motivos. Sen esquecer que hoxe hai no mercado preto de 50 elaboracións distintas con castañas galegas que tamén teñen diferente aceptación en cada país.
As industrias e distribuidoras galegas exportan froito e produtos elaborados a máis de 30 países. Nun ano de boa colleita, saen de Galicia entre 15 e 20 millóns de quilos de produto. E eso en canto a cifras oficiais de transaccións. Porque hai un alto autoconsumo e, lamentou Vilariño, un mercado negro aínda demasiado forte que non permiten facer unha radiografía completa do movemento de castañas. Por non falar dos roubos que se producen de froito, tanto recollido como sen recoller, e que se acaban vendendo malia non estar identificada a procedencia.
Vilariño calcula que arredor do 60% das castaña en fresco vai para o mercado nacional. E que entre o 40% e o 45% vai para as pequenas industrias de transformación, que manexan principalmente froito conxelado ou seco. Nas segundas transformacións as industrias actúan a demanda, é dicir, van
elaborando produtos (fariñas, marrón glacé, cremas…) segundo lles xorden os pedidos.
Outro dato importante, apuntou o secretario da IXP, é que as empresas galegas poderían absorber o dobre da produción actual de Galicia sen necesidade de ampliar as instalacións. Así, reduciríase a importación de froito, manteríanse abastecidos os mercados e habería unha maior profesionalización.
Os mercados, sobre todo europeos, están dispostos a pagar prezos moi altos polas castañas galegas e sobre todo polos produtos elaborados. Pero esixen unha alta calidade e sanidade e unhas castes determinadas en función de cada país.
Vilariño puxo fin á súa intervención explicando os asistentes os requisitos que hai que cumprir e os pasos administrativos e auditorías que deben seguir as persoas que desexen incorporarse á produción de castaña baixo o selo IXP Castaña de Galicia.
MESA REDONDA…E DEGUSTACIÓN
A xornada rematou cunha mesa redonda na que se fixo unha análise das diferentes problemáticas que afectan e levan anos afectando o sector. Na mesma interviñeron os ponentes Miguel Á. Vázquez, Antonio Rigueiro e Manuel “Vilariño” ademais de Miguel Areán, de Castañas Naiciña, Saul Sánchez, castañicultor de Samos e José Queijas, en representación da AGCS.

Os ponentes coincidiron na necesidade de desenvolver canto antes a profesionalización do sector
Areán advertiu que a situación actual é moi preocupante e que o sector galego podería non sobrevivir máis alá de 10 ou 15 anos se non se cambia o rumbo e se modifican as actuais circunstancias. Baseou a súa afirmación no escaso nivel de profesionalización que segue habendo e que pon en risco o abastecemento das industrias.
Nesa liña, Saul Sánchez fixo unha comparativa co sector leiteiro. “O leite das vacas só chega ao consumidor se hai quen as moxa; coa castaña pasa igual: se non hai quen as apañe e se apañalas non é rendible, acabaremos por perder toda esa riqueza.
No debate insistiuse en que cada ano de boa colleita quedan sen recoller nos soutos e plantacións galegos arredor de 70 millóns de quilos de castañas, que apodrecen ou son comidas pola fauna salvaxe. E o que é máis grave: esas 70.000 toneladas supoñen que o medio rural galego deixa de ingresar preto de 100 millóns de euros. Algo inasumible, coincidiron os poñentes.
Á falta de man de obra para recoller a castaña e ao feito de que a dispoñible estea envellecida, súmase o minifundio. Citouse o exemplo da parroquia Soutochao, en Vilardevós, onde logo de executar unha concentración parcelaria, o tamaño medio das fincas sitúase en 3.000 m².
Púxose sobre a mesa a necesidade de desestacionalizar o consumo de castaña en mercados como precisamente o galego, para o cal son necesarias campañas de promoción pero tamén unha aposta pola calidade. E a calidade empeza nos soutos, por exemplo, coas garantías que ofrece o froito adscrito a IXP.
O mercado negro segue a ser un problema. Sobre todo para a industria. Dese xeito, advertiuse do dano que causan as furgonetas que percorren vilas e parroquias mercando e vendendo castañas sen factura ou os puntos de recollida nos que non hai ningunha garantía de trazabilidade nin se documentan as transaccións.

Unha das elaboracións con castaña preparadas polo chef Domingo González
Os participantes na xornada puideron degustar un menú de diferentes pratos elaborados con castañas polo chef Domingo González, do Hotel Balneario Caldaria de Lobios. O menú consistiu nunha mestura de tradicións galegas e novas elaboracións e estivo composto polos seguintes pratos:
Empanada de polo e castañas
Caldo de castañas I.X.P., ao estilo do Xurés, chourizo de Puxedo, e grelos I.X.P. de Galicia.
Espinacas salteadas con queixo de Cebreiro I.X.P., mousse de castañas I.X.P. con sombreiro de
lactanosa de pementos de Arnoia I.X.P. e cordón de redución de vinagre de Xerez.
Xabaril á bordelesa con viño D.O. Ribeira Sacra e fabas de Lourenza I.X.P., cogomelos e castañas.
Bica de castañas con manto de iogur vexetal e froitos vermellos.
Filloa rechea de mousselina de castañas e crocanti de queimada galega.
Mousse de castañas e amorodos perfumadas con aroma de laranxa e coulis de redución de viño tostado D.O. Ribeiro.
As persoas interesadas en afondar nos contidos da xornada pódense dirixir á Asociación Galega das Castañas e dos Soutos na páxina web https://asociaciongalegadacastana.com/ Dende a AGCS fan un chamamento a todos os produtores a contactar coa asociación para poder seguir avanzando na profesionalización e fortalecemento do sector.
Galego








Control OJD