O sector avícola entra en perdas pola suba da luz e a baixada de prezos da carne

A organización Unións Agrarias advirte de que o sector avícola galego está a soportar picos de crecemento do gasto eléctrico de ata un 36%

O sector avícola entra en perdas pola suba da luz e a baixada de prezos da carne

A organización Unións Agrarias advirte das perdas do sector avícola galego polo forte incremento dos custes da electricidade nas granxas. “Neste momento as explotacións están a soportar picos de crecemento do gasto eléctrico de ata un 36%, o que supón unha cantidade insoportable, tendo en conta que a enerxía representa, en condicións normais, máis do 33% dos custes de produción”, explican dende a organización.

Fronte a esta realidade, os avicultores están a ver como os prezos da carne de polo non se dan recuperado do impacto da caída do consumo en hostalería e turismo, derivada da pandemia. Neste momento, os criadores perciben 0.18 €/Kg no tipo Broiler, cando para cubrir gastos non deberían de baixar de 0.23€/Kg, segundo Unións, que incide en que esta situación implica que a Lei de Cadea non está a funcionar, ao non poder trasladarse os custes ao prezo en orixe.

As granxas deben facer fronte a unha serie de gastos fixos de insumos, enerxía ou seguros que non se reduciron a pesar do coronavirus.

Porén, a crise sanitaria si obrigou a mermar o seu habitual número de crianzas anuais, alongando as estancias dos polos de 14 días a 1 mes, do que deriva maior gasto. E como colofón, estase a reducir, por parte das empresas integradoras, a entrada de crías, pasando de 35.000 a 30.000 por camada.

A organización lembra que moita xente nova que apostou por este sector para iniciar a súa actividade está a ver como os resultados condicionan a súa viabilidade por causas alleas o seu traballo. Neste sentido, anima ao goberno galego a buscar apoios e a liderar a procura dun consenso a nivel nacional que evite que o sector avícola se converta nunha nova vítima da Covid-19.

Dende Unións Agrarias tamén consideran necesario lembrar a situación de dependencia dos produtores respecto das industrias integradoras para as que traballan, xa que condicionan o ritmo de produción e a saída dos animais.

Este feito supón que a caída do consumo a nivel nacional derivada dun menor número de turistas está implicando o abaratamento da produción por parte desas empresas, polo que é necesario poñer sobre a mesa medidas que sirvan para compensar as subas constantes na enerxía, da viruta ou da alimentación.

Segundo UU.AA. as máis de 900 explotacións de polo de Galicia poderían deixar de ingresar no marco da pandemia uns 13,5 millóns de euros.

Unións calcula unhas perdas no sector de 13,5 millóns de euros. Son as estimacións que o propio sector xa ten sobre a mesa, en vista dos hábitos de consumo que, nun ano normal, se traducirían nun aumento do consumo de carne de polo durante os meses do verán. Así as cousas, Unións Agrarias insta á Xunta de Galicia a buscar fórmulas que permitan compensar o baixón da actividade e prezos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información