O sector apícola reclama axudas directas e maior control sobre a importación de meles

O Sindicato Labrego traslada ás Consellerías e ó Ministerio unha batería de demandas urxentes dos apicultores. Activarán unha campaña multisectorial por unha estratexia real de loita contra a vespa velutina

O sector apícola reclama axudas directas e maior control sobre a importación de meles

Brais Álvarez e Diego Sánchez durante a rolda de prensa celebrada este venres no local do Sindicato Labrego, en Santiago.

O apicultor e membro da executiva do Sindicato Labrego, Brais Álvarez, e o coordinador da Área de Apicultura da entidade, Diego Sánchez Agra, presentaron esta mañá en rolda de prensa unha batería de demandas urxentes que o sector apícola galego trasladou ás Consellarías do Medio Rural e Medioambiente, así como á Delegación do Goberno.

En primeiro lugar Agra e Álvarez salientaron a necesidade de que, ao igual que se outorgaron a outros sectores para paliar os efectos da guerra de Ucraína, as administracións públicas activen axudas directas por colmea ó sector apícola profesional. “Estas axudas directas contriburían a compensar parcialmente o sobrecoste de mantemento das colonias de abellas e a perda de produción, nun contexto de grave crise de mercado”, explicou o coordinador da área de apicultura no SLG. Demanda un importe de axuda de 10 €/colmea para o total de colmeas censadas no REGA a data 1 de xaneiro del 2022 e xestionadas por ATP, cun límite de axuda por explotación de 1.000 colmeas.

Tendo en conta que nas granxas apícolas, tanto nos apiarios fixos como nos transhumantes, o combustible é un dos custes de produción que condicionan en gran medida a viabilidade dos proxectos, demandan a inclusión dos apicultores profesionais entre os sectores aos que se prorroga en 2023 a axuda de 20 céntimos por litro de combustible.

Tamén reclamaron reducir a carga burocrática das ganderías, que condiciona a actividade profesional. “O MAPA debe atender con flexibilidade ás particularidades do sector na futura aplicación dos reais decretos de trazabilidade, identificación e rexistro de determinadas especies animais, así como de veterinario de explotación e plan sanitario integral. Estas esixencias, que pretenden unicamente facilitar o traballo da Administración, non aportarán ningunha mellora ás granxas apícolas e ás persoas consumidoras, mentres que prexudicarán enormemente ás granxas apícolas familiares e profesionais”, advertiu Agra.

O apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG, Brais Álvarez, abordou as preocupacións que no sector está a suscitar a entrada de meles de distintas calidades, e en ocasións de procedencia non transparente: “No momento de maior nivel de importacións de baixa calidade da serie histórica é imprescindible que os gobernos mostren a súa determinación de cara a facilitar información transparente ós consumidores sobre a orixe dos produtos apícolas que consumen”, reivindica. Dende o SLG apuntan que debe aproveitarse a próxima Presidencia española do Consello da Unión Europea para liderar a nivel europeo a modificación da Directiva do Mel e do Código Aduaneiro da Unión, co obxectivo de que a verdadeira orixe dos meles comercializados no Estado español se reflicta correctamente na súa etiquetaxe: “Esiximos un maior control da calidade dos meles importados, así como das posibles adulteracións e do mel envasado no mercado”, insistiu Álvarez.

As demandas do sector apícola pasan tamén por esixir unha Política Agraria Común (PAC) na que poidan ter cabida os apicultores, por exemplo habilitando pagos asociados por número de colmeas, igual que se fai con outras especies gandeiras, así como establecer ecoesquemas para esta actividade agraria e non restrinxir as axudas do primeiro piar só á declaración de superficies, que non ten sentido na actividade das abellas.

Ademais, dadas as circunstancias de afectación da Vespa velutina nos apiarios e os efectos do cambio climático, mesmo os abelleiros que non practican transhumancia vense na obriga de mover colmeas entre os distintos apiarios estantes, polo que dende o SLG reclaman que os compromisos de mantemento do número de colmeas declaradas para as axudas de agroambientais do segundo piar, poidan cumprirse no cómputo xeral dos apiarios dunha mesma persoa apicultora e non en cada un deles.

Campaña contra a vespa velutina

Ante o grave problema que está supoñer o avance e expansión da Vespa velutina en Galicia, non só para as colmeas, se non tamén para as producións de froita e viño, o apicultor Brais Álvarez criticou a deixadez por parte da Administración. Apuntan que o control do tártago asiático pasa pola elaboración dun Plan de Loita como Especie Exótica Invasora, coa implicación e coordinación de distintas áreas dos gobernos de Galicia e do estado español. De feito, con este obxectivo e na procura dunha maior implicación política nesta problemática, o coordinador do sector apícola, Sánchez Agra, anunciou o inicio dunha campaña conxunta dos distintos sectores afectados para reclamar unha loita real por parte das administracións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información