O sector agrogandeiro nota a presión do coronavirus

As explotacións traballan con normalidade. Produtores e industrias redobran os esforzos para garantir o abastecemento de alimentos á poboación, pero as limitacións á concentración de persoas provoca a suspensión xeralizada de eventos programados. A última cancelación en confirmarse é a do mercado gandeiro de Amio da próxima semana

Traballos de ordeño en la explotación.

A actividade diaria continúa nas explotacións galegas. Na imaxe, empregados muxindo en Xestoselo SC

A propagación do coroavirus, que afecta xa a 150.000 persoas en 120 países, unha cifra que aumenta exponencialmente cada día, está a motivar o establecemento de restricións nunca vistas en todo o mundo, tamén en Galicia. Analizamos como están a afectar as medidas impostas ao sector produtor e transformador.

Se hai un sector que non pode parar, por moitas restricións e limitacións que se impoñan, é o sector agrogandeiro. En primeiro lugar porque é o responsable da alimentación da poboación e en segundo lugar porque os animais non poden deixar de comer ou de dar leite todos os días.

Por iso, polo de agora, a normalidade é a tónica xeral nas explotacións, pero os efectos do coroavirus comezan xa a notarse a outros niveis. Xa se suspenderon a práctica totalidade de eventos programados para os vindeiros días e mesmo semanas e o consumo está a notar as consecuencias do nerviosismo xeralizado da poboación ante a incerteza da evolución da pandemia, cun incremento de compras nos supermercados, polo que as empresas fabricantes e subministradoras de produtos alimentarios están a ter que dar resposta incrementando a produción.

Polo momento as limitacións ao movemento afectan fundamentalmente ás persoas pero non ás mercadorías, aínda que haxa subministros que poidan acabar afectados na medida en que a actividade económica se paralice ou ralentice, polo que determinadas empresas subministradoras e industrias transformadoras están a facer acopio de materia prima polo que poida acontecer.

Traballo con normalidade nas explotacións

Nas explotacións trabállase a día de hoxe con normalidade sen que a actividade ordinaria das granxas se vise afectada. Os agricultores e gandeiros, acostumados a combater e evitar a propagación de enfermidades tanto no gando como nos cultivos, son menos susceptibles á psicose xeral colectiva que se está a apoderar da sociedade ante o avance do Covid-19.

Os animais requiren os mesmos coidados diarios e as rutinas de traballo non se viron modificadas polo momento, aínda que un dos problemas que arrastran na actualidade a maioría de explotacións é a falla de man de obra e as dificultades para atopar reemprazo aos traballadores, polo que en caso de que a enfermidade se siga a extender e se vexan contaxiados tanto titulares de explotacións como empregados (coas medidas de illamento e corentena que isto requeriría), a situación podería mudar.

Se hai un sector que non pode parar, por moitas restricións e limitacións que se impoñan, é o sector agrogandeiro: en primeiro lugar porque é o responsable da alimentación da poboación e en segundo lugar porque os animais non poden deixar de comer ou de dar leite todos os días

Con todo, estamos nun momento de menor carga de traballo nas ganderías á espera de comezar a campaña de ensilado da herba, cuxa primeira corta este ano se podería adiantar polas altas temperaturas dun inverno que foi benévolo, polo que as explotacións teñen nesta época do ano maior capacidade para afrontar posibles faltas momentáneas de persoal.

É certo que a suspensión das clases en colexios e escolas infantís trastoca os plans e rutinas laborais das familias, sobre todo no caso dos pais e nais que non teñen con quen deixar aos seus fillos e fillas, pero, aínda que esta situación afecta a todos os sectores, quizais sexa o agrogandeiro o máis acostumado á conciliación, sendo habitual ver aos cativos xogar nas explotacións ou mesmo compartir certas tarefas cos seus pais e nais en épocas de vacacións escolares. A proximidade das vivendas ás ganderías en Galicia facilita ademais esta tarefa.

Aumento do consumo

supermercado dia baleiroO medo e a psicose pola propagación do Covid-19 está trasladándose como unha pandemia tamén á sociedade e o temor ao desabastecemento nas cidades está a provocar compras masivas nos supermercados. As imaxes das ringleiras de consumidores e de liñais baleiros non fai máis que aumentar esa sensación de incertidume e incentivando o consumo de produtos alimentarios ou de primeira necesidade.

“Está habendo psicose e, por tanto, maior consumo”, asegura Rubén Fernández, conselleiro delegado de Casa Castelao, a empresa cárnica da Fonsagrada que ten os seus produtos nos liñais de boa parte das cadeas de supermercados galegas.

A intención da industria agroalimentaria é transmitir calma aos consumidores e incrementar a produción ao mesmo tempo que o fai o consumo para evitar a sensación de desabastecemento

Aínda que o tirón nas compras de alimentos xa se comeza a notar en Galicia, onde é máis evidente é noutros puntos do Estado onde existen focos máis importantes de coroavirus e as industrias asentadas en Galicia que subministran ás grandes cadeas de distribución españolas están a incrementar a súa produción para poder facer fronte a esa maior demanda.

“Estamos notando o tirón e mobilizándonos para responder. Vémolo como unha actitude responsable pola nosa parte, porque a maneira de frear ese medo dos consumidores é demostrar que a cadea de produción de alimentos é forte e non hai risco de desabastecemento”, indican desde unha destas industrias que fabrican para unha das principais cadeas de supermercados a nivel español. “Non temos claro o que vai vir pero estamos fabricando máis. Pensamos que se vai tensar a cadea e aumentar a demanda durante unhas semanas aínda que no conxunto do ano ese incremento vai pesar pouco”, engaden.

O aumento de vendas está a afectar sobre todo a produtos non perecedeiros e a notarse máis noutros puntos do Estado onde hai maior incidencia do virus

O incremento do consumo non afecta por igual aos diferentes produtos, xa que o consumidor fai acopio sobre todo daqueles cunha maior caducidade. “De momento estamos notando pouco, pero falta por ver que camiño vai collendo a cousa, posiblemente o incremento de vendas afecte máis ao outros produtos”, explica Rubén López, xerente de Lácteos Lorán, que distribúe os seus queixos en tendas de alimentación e supermercados por toda Galicia.

A intención da industria agroalimentaria é transmitir calma aos consumidores e á sociedade en xeral. A entidade Cooperativas Agroalimentarias de España, que engloba ás principais marcas de orixe cooperativo, entre elas as galegas Coren ou Feiraco, emitían este xoves un comunicado para trasladar “tranquilidade” á sociedade e reiterar que tanto as cooperativas como os seus socios “reforzaron a súa actividade para garantir o subministro á industria e á distribución”.

Efecto contaxio

Moexmu suspension coroavirusFronte á tranquilidade que se vive no sector produtor, as medidas decretadas no día de onte polo Consello da Xunta acabaron por implicar a desconvocatoria de todos os actos públicos en ámbitos diversos, tamén no relacionado co medio rural, onde as cancelacións de feiras agroalimentarias e outros certames xa comezaran a producirse desde hai un par de días.

A maioría das citas xa organizadas foron canceladas, como as feiras do queixo de Moeche desta fin de semana ou a de Friol da vindeira, e aqueles outros eventos previstos tanto para este mes como para os vindeiros non están a ser programados ante o temor de que as cousas vaian a peor, como é o caso do Mercado Tradicional de Privamera do Valadouro, que se tería que celebrar o sábado 28 de marzo.

A cancelación de eventos relacionados co medio rural e o sector agrogandeiro, igual que con outros sectores, extendeuse nos últimos días tan rápido coma o propio virus

As restricións impostas á celebración de reunións que xunten a máis de 50 persoas ou a limitación a un terzo do aforo para as citas con maior capacidade de público inviabilizan na práctica a celebración da maioría de actividades e aínda que non exista prohibición expresa en moitos casos, a decisión queda en mans dos organizadores, aos que a Administración traslada de facto a responsabilidade de tomar a decisión e en caso de optar pola celebración extremar as precaucións para evitar posibles contaxios.

Ante ese escenario, ningún organizador quere arriscarse a ser tachado de imprudente e as cancelacións e suspensións están a caer en fervenza, unha detrás da outra. Os eventos que aínda non foron suspendidos atópanse en situación de espera de acontecementos, agardando ver como evoluciona a situación nos vindeiros días para tomar a decisión no caso daquelas citas nas que aínda hai certa marxe de manobra.

A Moexmu de Muimenta e o seu concurso de gando frisón, que este ano tiña carácter autonómico, quedaron aprazados sen nova data

Nesta situación de incertidume atópanse citas de referencia como a Semana Verde de Galicia, que se debería celebrar do 4 ao 7 de xuño, ou Galiforest, fixada para o 25 ao 27 de xuño, tamén en Silleda, despois de que fora suspendida a feira Enerxétika 2020, programada do 26 ao 28 deste mes. A Moexmu de Muimenta, prevista para a primeira fin de semana de abril e cuxo concurso de gando ten este ano carácter autonómico, foi aprazada sen data, igual que o Concello de Curtis tamén optou pola suspensión da Poxa de Élite de Gando Frisón que tiña previsto celebrarse este domingo en Teixeiro.

Amio e Silleda suspenden os seus mercados gandeiros

Mercado semanal dos mercores en Amio, en Santiago de Compostela

Mercado semanal dos mercores en Amio, en Santiago de Compostela

O mercado gandeiro de Amio, que se celebra cada mércores en Compostela, queda suspendido á próxima semana, trala decisión tomada esta mañá polo Concello de Santiago. Trátase dunha decisión irrevocable que xa está trascendendo no sector, aínda que todavía non foi comunicada oficialmente.

Tamén se suspendeu a primeira hora da tarde deste venres o mercado gandeiro de Silleda. Será durante os próximos 15 días e ata novo aviso das autoridades.

O virus acaba coas protestas do agro

A crise do coroavirus está a coincidir cunha ondada de protestas no campo español, que leva semanas mobilizándose para reclamar prezos xustos para os produtores e unha reforma en profundidade da Lei da Cadea Alimentaria que garanta os custos de produción nos distintos eslabóns do proceso.

Pero as protestas históricas que non puido apaciguar o Goberno de Pedro Sánchez cun paquete de medidas urxentes anunciadas aos poucos días de comezar as tractoradas e manifestacións logrouno o Covid-19. O aumento da incidencia e a propagación do virus polo territorio español levou aos organizadores a “suspender temporalmente” as protestas.

Nunha situación tan inesperada coma esta, volve demostrarse o papel estratéxico dos agricultores e gandeiros para alimentar á sociedade

Nun comunicado, este xoves as organizacións agrarias convocantes (ASAJA, COAG e UPA) decidiron pospoñer todos os actos, protestas e mobilizacións que se estaban celebrando en distintas partes do Estado. “Agora é momento de ser prudentes e responsables, polo que hai que poñer fin, de momento, á revolta dos agricultores ao límite”, sinalaron.

Tamén aproveitaron para lembrar que “nunha situación tan crítica e inesperada como esta, volve demostrarse o papel estratéxico dos agricultores e gandeiros para alimentar á sociedade fornecéndoa de alimentos de calidade, sans e seguros”, á vez que reivindicaron o “carácter estratéxico dun sector agrario forte para garantir a seguridade alimentaria da poboación ante crises globais”.

O SLG suspendeu o acto de protesta previsto para o martes diante da Xunta en Santiago e Agromuralla a manifestación convocada para ese mesmo día en Lugo

En Galicia, o SLG tamén suspendeu o acto de protesta previsto para o vindeiro martes en Santiago no que tiña pensado rodear a Xunta de Galicia como colofón á súa campaña O rural galego sobre a mesa e Agromuralla adiou igualmente a manifestación convocada tamén para o día 17 en Lugo en demanda de prezos xustos para o agro.

Igual que facían Asaja, COAG e UPA, tamén Agromuralla destaca o papel dos produtores como “garantes da seguridade alimentaria”. “Os agricultores e gandeiros somos os primeiros que nos responsabilizamos todos os días da saúde da poboación a través da produción de alimentos saudables”, asegura a asociación de gandeiros a través dun comunicado no que anuncia o “aprazamento” da manifestación convocada para o martes en Lugo, difundido unha vez se coñeceron as medidas establecidas polo Consello da Xunta deste xoves, que limitan a concentración de persoas tanto en espazos pechados como abertos.

“A situación actual deixa patente a importancia fundamental que ten o sector agrogandeiro na produción de alimentos para a sociedade evitando deste xeito o desabastecemento da poboación, polo que igual que a saúde pública é tarefa de todos, toda a sociedade debe tamén defender o futuro dos que producimos os alimentos para a poboación a través duns prezos xustos que nos permitan aos agricultores e gandeiros vivir dignamente do noso traballo”, reclama Agromuralla.

Desculpa perfecta para as medidas de Donald Trump

Donand TrumpA crise do coroavirus está a servir tamén para que países como EEUU incidan nas medidas proteccionistas que o Goberno de Donald Trump vén implementando desde o comezo do seu mandato. Cunhas novas eleccións á vista, nas que se xoga a súa reelección, o presidente norteamericano é consciente de que a súa popularidade entre os granxeiros e habitantes das zonas rurais do país é moi alta e pretende manter este caladeiro de votos con medidas fiscais e de apoio económico aos produtores e con limitacións e incremento de aranceis para a entrada de produtos doutros países.

A guerra comercial que Trump mantén con China desde o conflito de Huawei, ou coa Unión Europea, desde o enfrontamento polas axudas a Airbus fronte a Boeing, e que motivaron o incremento de aranceis para unha ampla listaxe de produtos agroalimentarios españois, como viño, queixos ou cítricos, atopa nova munición agora coa expansión do Covid-19, que Trump vén de tachar de “virus estranxeiro”.

O presidente norteamericano acusa á UE de non ser quen de conter a propagación do coroavirus e prohibe desde este venres e durante un mes a entrada ao país de cidadáns comunitarios, a excepción dos naturais do Reino Unido. Aproveitando que o Pisuerga pasa por Valladolid (ou neste caso o Mississipi por Memphis), Trump mete o dedo na chaga do divorcio entre a Unión Europea e o Reino Unido, co que o presidente estadounidense aspira a chegar a un acordo comercial vantaxoso.

O presidente norteamericano anunciou o mes pasado o terceiro paquete de axudas para os agricultores e gandeiros estadounidenses coa intención de manter ese voto de cara á súa reelección

Pero esa acusación velada (ou non tanto) de que todo estranxeiro é un perigo potencial incide no lema de América primeiro, unido ao fomento do consumo de produtos americanos fronte aos chegados doutros puntos do planeta, co que Trump chegou á Casa Branca e co que agora aspira a manterse no cargo.

O pasado 21 de febreiro, cando aínda o coroavirus non era unha pandemia planetaria e semellaba circunscrito fundamentalmente a China, o presidente norteamericano anunciaba mediante a súa fórmula favorita (a través do Twitter) o terceiro paquete de axudas para compensar aos agricultores e gandeiros estadounidenses polas consecuencias da guerra comercial con China e o retraso nos tratados de comercio con México e Canadá, algúns dos principais destinos dos produtos agroalimentarios norteamericanos.

Os dous primeiros programas de axudas supuxeran unha inxección de fondos de 30.000 millóns de dólares para o sector produtor, dirixido a agricultores e gandeiros do medio oeste americano, como os produtores de soia de Illinois, que viron como a súa produción era substituída en China pola procedente de países como Arxentina.

Oportunidade

Pero a crise actual do coroavirus non só supón o peche de mercados para os produtos españois. Nalgúns casos concretos mesmo supón unha oportunidade. Por exemplo, ante o peche xeral decretado en Italia, as exportacións de froitas e hortalizas procedentes do sur de España están a incrementarse nos últimos días cara aos países da Unión Europea para abastecer o mercado comunitario reemprazando o sitio que ocupaban as mercadorías italianas. Menor incidencia terá este feito en produtos non perecedeiros de orixe italiana, como serían o viño ou o aceite de oliva.

A cancelación de viaxes en Semana Santa podería facer descender o consumo de carne de vacún maior ou viño, afectados pola menor actividade de bares e restaurantes, a cambio de incrementarse o consumo doutros produtos nos fogares

Está tamén por ver o efecto que a cancelación de moitas das viaxes previstas para Semana Santa puidera ter sobre o turismo e o consumo de produtos agroalimentarios. É probable que o consumo de carne de vacún maior, por exemplo, ou doutros produtos como o viño, se vexan afectados pola menor actividade de bares e restaurantes, aínda que o descenso da vida social da poboación podería incrementar pola contra o consumo doutros produtos nos fogares.

Tamén soubo ver unha oportunidade de negocio e facer o seu particular agosto co coroavirus unha pequena empresa do concello lugués de Taboada, que xa no mes de xaneiro, cando o brote se fixo público en China, vendeu con destino ao país asiático máis de 200.000 máscaras das que se usan para a aplicación de produtos fitosanitarios. Comercial Mida, unha pequena agrotenda familiar, soubo aproveitar o importante tirón na demanda deste produto para comercializalo a gran escala a través da súa páxina web. Enviou milleiros de unidades nun primeiro momento para China e despois para a maioría de países europeos até ter a día de hoxe esgotadas a totalidade das súas existencias para as 12 referencias diferentes de máscaras que vendía.


NOTA: Información actualizada o venres 13 de marzo ás 15.10 horas ao trascender a suspensión da feira de Amio da próxima semana.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información