
Fotografía: Julián Rus
O pasado mes de maio, a cooperativa de segundo grao Delagro celebrou a súa Asemblea Xeral cunha mensaxe clara: o exercicio pechouse cuns resultados históricos, a base social sae reforzada e o proxecto entra nunha nova fase.
Pero o seu presidente, Jesús López Díaz, prefire non deterse demasiado no balance. “Os resultados son importantes, claro, e estamos moi satisfeitos. Pero o verdadeiramente relevante non é o que fixemos, senón para que nos prepara: Delagro está hoxe máis forte ca nunca para afrontar o que vén”, afirma.
Unha nova etapa para un proxecto de máis de dúas décadas
O que vén, segundo o presidente, non é pouca cousa. O sector agrogandoeiro atópase ante un punto de inflexión: novas normativas e esixencias ambientais, a transición cara a insumos máis sustentables, a dixitalización das explotacións, a concentración da oferta e unha volatilidade dos mercados que deixou de ser a excepción para converterse na norma. “Os vindeiros anos van traer cambios de calado. Quen non se prepare para eles, sufriraos; quen se anticipe, lideraraos. E en Delagro fixemos os deberes”, sinala López.
Quen non se prepare para os cambios sufriraos. Quen se anticipe lideraraos
Esa preparación ten nome propio: a nova estrutura de Delagro. A organización culminou unha etapa de reordenación interna que reforzou a súa gobernanza, cun Consello Reitor unido e centrado nas cuestións estratéxicas, e un equipo directivo consolidado.

Delagro conta xa cunha fábrica propia e un centro loxístico e de distribución de primeiro nivel
“Hoxe temos unha estrutura pensada para o futuro, un Consello cohesionado, un equipo directivo comprometido e unha folla de ruta clara. Esa é a mellor garantía de que Delagro estará á altura do que o sector lle vai esixir”, subliña o presidente.
Non é un matiz menor nunha organización que naceu hai máis de dúas décadas e que sufriu unha gran transformación nos últimos anos. “Delagro xa non se pode explicar só como unha central de compras. Somos un proxecto cooperativo común: un distribuidor integral cuns servizos técnicos de primeiro nivel e en constante evolución, que achega solucións reais e prácticas ao gandeiro e agricultor así como un gran posicionamento no mercado ás cooperativas socias”, explica López.
Un actor de referencia no sector
As cifras avalan esa definición. O volume de negocio alcanza os 270 millóns de euros, emprega máis de 60 persoas e opera nunha área que se estende desde Navarra ata a metade de Portugal, cunha fábrica propia e un centro loxístico e de distribución de primeiro nivel.

As instalacións de Delagro son das máis punteiras no sector
Pero para o seu presidente, a verdadeira dimensión de Delagro non está nos números, senón no que representa. “Detrás de cada cooperativa socia hai gandoeiros e agricultores que precisan ter a tranquilidade de que o produto que necesitan vai chegar e no momento xusto e nas mellores condicións de mercado. Ese é o noso papel no sector: ser a estrutura que fai posible que os nosos socios e clientes poidan competir independentemente do seu tamaño.”
O noso papel é ser a estrutura que fai que socios e clientes poidan competir independentemente do seu tamaño
Un papel, insiste, que transcende o comercial. “O cooperativismo é a resposta estratéxica do noso medio rural a un mercado cada vez máis concentrado. Delagro existe para que ningunha cooperativa, por pequena que sexa, quede soa ante ese escenario. A unión foi sempre a nosa maior fortaleza, e seguirá séndoo.”
A proba: un ano complexo resolto en tempo e forma
Se algo pon a proba ese discurso é a pasada campaña. As tensións xeopolíticas volveron tensionar a cadea de valor dos fertilizantes, como xa ocorrera en 2022, e unha climatoloxía especialmente adversa comprimiu a campaña nuna ventá de tempo mínima: máis do 80 % da produción anual da fábrica das Pontes concentrouse en apenas dous meses.
Nese contexto, Delagro non só garantiu a subministración aos seus socios e clientes: fíxoo en tempo e forma, e batendo os seus propios rexistros. A planta alcanzou en abril o seu récord histórico de produción mensual e chegou a cargar máis de 1000 camións en pouco máis de dous meses.
A planta das Pontes foi capaz de concentrar en apenas dous meses o 80% da produción anual
“Cando o mercado se tensiona é cando se ve o verdadeiro valor de Delagro. Este ano, cando máis difícil era conseguir produto e máis comprimida viña a campaña, Delagro estivo aí. E iso non é casualidade: é o resultado dunha excelente labor dun equipo humano extraordinario”, destaca López.
Mirando ao futuro: Novas inversións na fábrica das Pontes
No Consello celebrado o pasado 22 de xuño de 2026 aprobouse unha nova inversión destinada a meirande reforzo da capacidade produtiva, tecnolóxica e de innovación da fábrica de fertilizantes de DELAGRO.

A fábrica de As Pontes converteuse nun referente en canto a produción
A actuación contempla a creación dunha liña específica para a fabricación de produtos aditivados, así como a modernización do sistema de control das fabricacións mediante a incorporación dun novo software, que permitirá mellorar a eficiencia dos procesos, meirande garantía de trazabilidade e asegurar unha maior repetibilidade e homoxeneidade na produción.
“Temos os mimbres: un proxecto sólido, unha estrutura preparada e máis de dúas décadas de confianza construída entre todos. Esa confianza é o noso activo máis valioso”, conclúe Jesús López.
Traballamos para perfeccionar a capacidade produtiva, tecnolóxica e de innovación
Así mesmo, o Consello aprobou dotar dunha estrutura e financiamento específico ás actividades de I+D vinculadas á gama BLUE e ao desenvolvemento de novos produtos. Esta inversión permitirá avanzar de forma ordenada na realización de ensaios, a validación agronómica, os procesos de homologación e a xeración de evidencias técnicas que acrediten a eficacia e o valor destas solucións.
Galego









Control OJD