A feira Semana Verde, que se celebrará ata o domingo no recinto feiral de Silleda, inagurouse este xoves con ampla presenza institucional. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou na súa intervención que a feira acada este ano a súa maior participación de expositores nos últimos 19 anos, cun total de 793. Rueda reivindicou tamén a feira como escaparate de Galicia, pois inclúe salóns especializados en turismo e alimentación.
Pola súa banda, o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reivindicou o potencial do medio rural e o valor das persoas, empresas e institucións que apostan polo seu desenvolvemento durante a inauguración da 48ª edición da Semana Verde de Galicia, celebrada en Silleda.
López destacou que esta feira, considerada un dos principais escaparates do sector agrogandeiro galego, converte durante varios días á comarca do Deza nun punto de encontro para profesionais, empresas e visitantes de diferentes países.
No seu discurso, o presidente provincial definiu a Semana Verde como unha mostra da capacidade de innovación do sector primario, da riqueza e diversidade do tecido agrogandeiro e das oportunidades de crecemento e emprendemento que ofrece o rural. Ademais, subliñou que o evento serve para poñer en valor o orgullo, a profesionalidade e o esforzo diario das persoas que traballan no campo galego.
López incidiu en que o sector agrogandeiro continúa a ser un dos motores máis importantes da economía galega e un dos sinais de identidade da comunidade, ademais dun exemplo de compromiso coa sustentabilidade e co coidado do medio natural. Neste contexto, asegurou que o futuro do rural pasa por seguir apostando pola innovación, a modernización e o apoio institucional.
O presidente reafirmou tamén o compromiso da Deputación co sector primario mediante iniciativas como a colaboración anual coa Semana Verde, o apoio a centros de referencia como a Finca Mouriscade e a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, e a concesión de 350.000 euros anuais en subvencións ás cooperativas agrogandeiras para facilitar a súa actividade e mellorar os seus equipamentos.
“Se o medio rural desta provincia e de Galicia é un sector con tanto pasado coma futuro, tan tradicional como innovador e tan global como noso é grazas ao empuxe de todos os que estamos aquí”, concluíu o presidente Luis López.
Galego









Control OJD