“O rural só existirá se hai xente en idade activa que quere e pode traballar nel”

Entrevista a Manuel Requeijo Arnejo, alcalde de Muras, un concello lucense que nos últimos anos ten posto en marcha iniciativas pioneiras para fomentar o asentamento de poboación. Falamos con el sobre o futuro do rural e sobre as medidas que debería poñer en marcha a administración para frear o despoboamento.

“O rural só existirá se hai xente en idade activa que quere e pode traballar nel”

Manuel Requeijo Arnejo, alcalde de Muras

Manuel Requeijo Arnejo é dende o ano 2015 alcalde de Muras, un concello lucense que como prácticamente a totalidade dos 315 municipios de Galicia padece o problema do despoboamento do rural. No caso de Muras, hoxe contan con algo máis de 700 persoas censadas, case 5 veces menos que as 3200 que chegaron a ter censadas nos anos 50 do século pasado.

Falamos con el sobre como ve o futuro do rural galego e sobre as medidas que se poden poñer en marcha por parte das administracións para frear o despoboamento das aldeas.

-¿Por qué cres que a xente moza deixa de vivir no rural?
Á Unión europea leva décadas deseñando unha política que marca as tendencias para que a xente merque o que queren vender as grandes multinacionais e empresas agroindustriais. Na medida en que o rural non entra nos plans da elite económica neoliberal, pois non está á venda, e por tanto ninguén o merca, e menos a xente moza.

As políticas do Partido Popular na Galicia dende os anos oitenta, no canto de combatir e amortecer esas tendencias, fomentaron e apuntalaron na Galicia esas políticas que desembocaron no abandono do rural, encontrándonos hoxe nunha espiral imparábel moi difícil de reverter.

Levan anos convencendo á xente de que actividade económica no rural non é rendíbel se non se ten un número elevado de animais, e subvencionando con cartos públicos o peche de todo tipo de explotacións. Acabaron con todas as microeconomías que había no rural, limitaron as producións, como no caso das coaccións aos gandeiros coas multas polas cotas lácteas, abandonaron o fomento do cooperativismo, non actuaron no seu momento ante o abandono das terras agrarias. E co rural abandonado, xorden novos problemas, que son máis que os incendios. Espiron un santo para vestir outro. Con este panorama, que cres que fai a mocidade de 20 a 25 anos…. saben ben o que non queren facer.

-¿Que medidas puxestes en marcha dende o concello para favorecer que a xente quede a vivir nel?
Aos concellos o único que nos queda é poñer en valor toda a parte positiva de vivir no rural, e evitar na medida das nosas posibilidades que a xente marche, dotándonos de servizos que xa deberían estar implantados hai moitos anos, e que se ofertan nas grandes vilas e cidades, e dotándonos de espazos de solo industrial, para que aqueles que queiran ampliar a empresa ou emprender un negocio, o poidan facer con plenas garantías no seu pobo.

-¿Que importancia cres que ten a actividade gandeira para fixar poboación no rural?
No noso concello moita, dado o número de explotacións gandeiras que existen en comparación ca poboación que temos. Hai máis vacas que persoas censadas. Pero vemos que a mocidade non acaba de engancharse ao agro, si colabora no tempo libre, pero a gandería non é a súa actividade principal, é secundaria e estase a reducir a unha actividade complementaria na maioría dos casos.

 “Intentamos facer atractivo o concello dotándonos dos servizos que podes atopar nunha vila”

Antes era o sustento económico dunha casa, hoxe é unha actividade complementaria que se mantén ben por inercias vitais, ben para non ter os prados á monte, ben por un certo romanticismo.

A actividade gandeira xa non é o único reclamo para que a xente quede a vivir no rural, hoxe queres que calquera veña a vivir a Muras, sexa funcionario, teña unha profesión liberal, ou sexa un retornado da emigración. As políticas municipais que facemos para asentar poboación, non podemos enfocalas só ao agro, temos que diversificar.

¿Que medidas estades a poñer en práctica para que apoiar a que a xente quede a vivir no rural?
Temos diferentes liñas de actuación, e a máis coñecida, é a axuda que lles damos ás unidades familiares censadas no pobo para pagar a factura da luz que serve para paliar o aumento abusivo e inxusto dos prezos da mesma, para eliminar a pobreza enerxética no concello e pretende tamén que a riqueza que xeran os 381 muiños instalados no Concello revirta dun xeito directo sobre as persoas que viven no territorio, todo elo cos cartos que reportan os muíños de vento no concello. Este é un incentivo importante para as familias que queren asentarse no entorno da comarca.

Pero aínda temos máis, por un lado axudas dirixidas ao apoio dos gastos escolares dos nenos e nenas e estudantes de Muras tanto na ensinanza infantil, primaria, secundaria e FP. e universidade, e por outro lado, medidas como a implantación dun punto de atención á infancia, para que os pais e nais poidan conciliar a vida laboral coa familiar. E tamén temos investimentos de promoción económica, con vistas ao futuro a curto prazo, pois este ano, despois de aprobar a modificación do planeamento urbanístico, esperamos comezar as obras de acondicionamento dunha parcela de solo industrial, para fomentar novas instalacións industriais, e por tanto o emprego.

-Máis alá do voso ámbito de competencias municipais, ¿Que medidas botades en falta por parte doutras administracións para frear o despoboamento do rural?
Pois moitas, por non dicir todas. O problema é estrutural, e afecta a practicamente a todos os concellos de Galicia, por tanto a dinámica está xeralizada, aínda que con máis énfase na zona do interior. E os concellos nin temos competencias, nin temos financiamento, e seguimos cargando con todos os problemas da veciñanza, e Feijoo segue noutro mundo paralelo, sen apostar polos sectores produtivos agrogandeiros, sen axudar a solucionar problemas como o das indemnizacións polas mortes provocadas polo lobo no gando…….pasou máis dun ano e seguen sen facer nada, nin estudo sobre o Lobo no Xistral nin nada….está tomándonos o pelo…agora nas eleccións non valen excusas de que non tiveron tempo…Feijoo como presidente leva 11 anos, sen aportar medidas que freen este despoboamento, máis ben parecen facer todo o contrario. A xente segue emigrando ao estranxeiro, e o PP dinos que van aprender idiomas. Será logo que as vacas xa nacen falando alemán e francés, e non as entendemos.

“No rural galego segue habendo moitos sitios sen cobertura de internet e de teléfono”

Un exemplo sintomático e reflexo do que acontece é a sinatura que a Fegamp acaba de asinar coa Amtega un Convenio Marco de colaboración para a posta en marcha de actuacións encamiñadas a mellorar a cobertura de comunicacións móviles no rural de Galicia, que benvido o convenio pero destacar que no meu Concello no Século XXI non existía tal comunicación nunha ampla extensión do territorio e que nos poñamos na “lexislatura do rural” con esto é tomarnos o pelo e tratarnos de tontos, cando hoxendía as novas tecnoloxías son básicas para estar no mundo e existir.

-Algo máis  que queiras engadir?
Os concellos temos a capacidade que temos, e o Partido Popular dende a Xunta, segue potenciando ás grandes empresas, pero esquecese dos autónomos e dos gandeiros. E as grandes empresas non están no rural, instálanse onde teñen boas redes de comunicación e de transporte. Aquí hai sitios onde hai que subir a un alto para poder falar polo móbil, e hoxe non podemos vender o rural só para vivir na xubilación. O rural so existirá, se hai xente en idade activa, que quere e pode traballar aquí. A nosa existencia pasa porque se cumpra esa premisa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información