O Ribeiro dá os seus primeiros pasos para a vendima 2017

Publicidade
O Ribeiro dá os seus primeiros pasos para a vendima 2017

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro presentou este xoves ás súas adegas as normas específicas para a vendima 2017

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro presentou este xoves ás súas adegas as normas específicas para a vendima 2017, que foron aprobadas no pleno do pasado 11 de agosto. A dita reunión asistiron representantes de preto de 50 adegas.

Actualmente o C.R.D.O. Ribeiro atópase inmerso no proceso de implementación do seu sistema de calidade segundo a norma UNE-EN-ISO-17065. Este sistema ten como alicerce fundamental o autocontrol e a autorresponsabilidade de cada unha das adegas e viticultores. A finalidade deste proceso é acadar a acreditación do sistema de calidade por parte da Entidad Nacional de Acreditación (ENAC), que se espera lograr ao longo do ano 2018.

Previsións de vendima

En canto ao inicio de vendima, actualmente hai nove adegas inmersas no proceso de recolección da uva, un número que se irá incrementando ata o seu máximo na última semana de agosto e primeira de setembro, onde se producirá o groso da vendima e onde traballarán no control por parte do Consello Regulador un total de 20 inspectores.

As cepas atópanse nun bo estado sanitario e contan, en xeral, cun estado de maduración adiantado con respecto ás colleitas habituais, se ben este estado é distinto segundo as diferentes variedades e zonas.

Con respecto ás previsións da colleita deste ano, dende o Consello Regulador aseguran que “vemos complicado facer unha previsión da cifra de uva que se recollerá, xa que non se sabe como evolucionarán as plantas afectadas polos episodios de xeadas do mes de abril, despois do seu proceso de recuperación, o que dependerá en gran medida das condicións meteorolóxicas das vindeiras semanas”.

Así mesmo, segundo as informacións que manen, podería haber unha segunda vendima cara a primeira quincena do mes de outubro.

“Todos estes condicionantes que manexamos fan que calquera cifra concreta de estimación que se facilite poida resultar aventurada. En todo caso, semella que a cifra final será inferior á obtida na colleita do ano anterior”, conclúen.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información