
Os aportes de residuos leñosos ou biomasa forestal serven para evitar os lixiviados e malos cheiros
O Revitaliza, o programa de compostaxe da Deputación de Pontevedra, é un potencial aliado contra os lumes forestais na provincia pola necesidade de biomasa no proceso de elaboración do compost. Así o asegura o deputado Uxío Benítez, quen destaca a importancia de entroncar o traballo do Revitaliza coa prevención dos incendios e cunha liña de traballo e de relación cos axentes forestais na que se debe afondar de cara ao futuro.
Benítez anunciou este xoves que o asesor de residuos da Deputación de Pontevedra, Carlos Pérez, participará a finais deste mes nunha xornada de Presentación de ferramentas de avaliación do recurso forestal e plans municipais de defensa contra incendios organizada ao abeiro do proxecto GEFRECON de Xestión Forestal conxunta para prevención de icendios forestais en territorio POCTEP, cofinanciado con fondos europeos a través do programa Interreg V-A España-Portugal.
Proponse o uso e derivación dunha parte dos residuos forestais para a compostaxe da fracción orgánica de residuos municipais
Pérez participará no terceiro relatorio das xornadas, o 30 de novembro, e falará sobre o plan de Xestión circular de residuos municipais pola Deputación de Pontevedra. Dará a súa visión sobre a situación actual da prevención de incendios forestais mediante a xestión forestal integrada e sobre a potencial achega dunha xestión eficiente e sustentable dos residuos forestais, en concreto, da proposta de uso e derivación dunha parte dos residuos forestais para a compostaxe da fracción orgánica de residuos municipais (FORM) e de como encaixa o Revitaliza ao respecto.
Residuos forestais como estruturante no composteiro
Hai que lembrar que no proceso de compostaxe dos biorresiduos cada vez que unha persoa realiza unha achega de lixo a un composteiro debe achegar tamén a parte correspondente de estruturante, isto é, materiais vexetais secos, preferentemente leñosos, triturados ou partidos (biomasa). Estes materiais secos, moi ricos en carbono, teñen como función principal a de dar estrutura ao material a compostar, permitindo que se airee e compensando a humidade, evitando tamén coa súa utilización a aparición problemas como os lixiviados ou malos cheiros. De feito, achegar estruturante é unha das reglas básicas para compostar correctamente.
Tendo en conta o número de centros de compostaxe comunitaria e de composteiros individuais repartidos polo Plan Revitaliza na provincia a cantidade de biomasa necesaria en toda a provincia sería moi elevada. Por este motivo o produto resultante da limpeza dos montes existentes podería ter saída de maneira automática dentro do plan provincial de compostaxe.