O reto das vacas que produzan unha tonelada de graxa e proteína ao ano

Gandeiros británicos procuran reses frisonas que cheguen a 1,5 quilos de sólidos por quilo de peso corporal e ano. Robert Hildreth, un produtor de York, explicou nunha xornada en Santiago como traballa para logralo

O reto das vacas que produzan unha tonelada de graxa e proteína ao ano

Roger Hildreth. / Imaxe: Arla.

Robert Hildreth é un gandeiro de York (Reino Unido) cunha explotación de 110 vacas e unhas 70 hectáreas de superficie, nas que cultiva millo e herba. Desde o inicio da súa explotación, creada no 2003, Hildreth orientouse á busca do beneficio por praza de vaca, unha liña que considera un acerto e na que segue traballando. O seu obxectivo para os próximos anos sitúase en lograr vacas que produzan máis dunha tonelada de sólidos (graxa e proteína) ao ano.

O reto das vacas ‘superprodutoras’ de graxa e proteína é un obxectivo común dun grupo de gandeiros da coopertiva Arla, como Hildreth, proveedores tamén a súa vez da cadea de supermercados británica Asda. Foi Asda precisamente a que impulsou a creación do chamado grupo de granxas 1.5, que buscan lograr vacas que produzan 1,5 quilos de sólidos por quilo de peso corporal e ano.

Esa liña de traballo enmárcase no cambio de paradigma que vive o sector lácteo europeo tras o fin das cotas. Xa non interesan só animais que produzan moitos litros, senón aqueles que entreguen máis sólidos, pois eses sólidos serán claves para os produtos lácteos industriais de exportación ou de maior valor engadido.

Evolución
A granxa de Hildreth está evolucionando nos últimos anos nunha maior produción de sólidos e se hai pouco estaba en 1,1 quilos de sólidos por quilo de peso corporal e ano, no 2018 espera chegar a 1,3 quilos. “Acadar 1,5 vai ser un reto difícil, pero hai xa unha granxa do noso grupo que chegou a 1,45 quilos de sólidos. En Europa, existen na actualidade unhas 20 ganderías que lograron acadar o 1,5”, destacou onte o produtor nunha xornada organizada por Agaca en Santiago co grupo EuroDairy, no que participan ganderías e técnicos de toda Europa.

“Chegar a 1,5 Kg. de sólidos por quilo de peso corporal e ano é complicado, pero xa hai unha granxa do noso grupo que chegou a 1,45 Kg.” (Roger Hildreth)

Durante o pasado ano, a gandería de Hildreth estaba en parámetros de graxa do 4,08% e dun 3,27 de proteína, cunha produción media por animal de 10.600 litros. Dado que na explotación o peso medio das vacas ronda os 690-700 quilos, para acadar o reto dos 1,5 Kg. de sólidos por quilo de peso corporal e ano, a gandería terá que superar a tonelada de graxa e proteína por vaca, un reto para o que aínda lle faltan arredor de 200 quilos.

Como traballa Roger para lograr avances? Os puntais do seu traballo sitúaos o gandeiro na xenética, na saúde e confort dos animais, na calidade das forraxes – cun millo cun 33% de almidón-, e nunha axeitada cría das xovencas, na que está a conseguir que o 100% dos animais entre en produción antes dos 25 meses.

A mellora xenética do rabaño enfócase en conseguir incrementos en graxa e proteína, atendendo tamén en especial a outros dous parámetros: esperanza de vida e fertilidade. Desde o 2015, Roger fai un xenotipado de todas as becerras da súa explotación e trata de eliminar do rabaño a todas as que presentan peor rendemento previsto.

Cambios na alimentación
Outra das innovacións introducida pola explotación foi na alimentación, a través dun sistema denominado ‘compact feeding’, que consiste en aportarlle auga ás forraxes a fin de lograr unha textura da ración máis compacta. Este sistema reduce as posibilidades de escolla das vacas á hora de alimentarse, co cal comen de arriba abaixo e ocupan menos tempo no corredor de alimentación.

Os ensaios realizados pola rede EuroDairy amosan que as granxas que implantaron este sistema melloran tanto a súa produción de leite como a de graxa e proteína.

Día de apertura ao público

Xornada de portas abertas na granxa de Roger.

Xornada de portas abertas na granxa de Roger.

A granxa de Roger Hildreth, en York, vén participando estes últimos anos nunha iniciativa de apertura ao público que se está a realizar en toda Gran Bretaña, o ‘Open Sunday Day’, un día no que algo máis de medio cento de granxas abren as súas portas para amosarlle á cidadanía como traballan.

No último ‘Open Sunday Day’, a gandería de Roger recibiu a visita de máis de 1.000 persoas, o que esixiu un importante esforzo para organizar e atender a todos os visitantes. “A transparencia de cara á sociedade é importante. Interésanos que coñezan como traballamos, como están as vacas e a tecnoloxía que empregamos. Hai persoas que visitan a explotación que tiñan a idea de que aínda muxiamos a man e con caldeiro”, comentou Roger na súa presentación en Santiago.

Imaxe do 'Open Sunday Day'.

Imaxe do ‘Open Sunday Day’.

A gandería está atenta ás preocupacións sociais e por iso, igual que outras granxas da cooperativa Arla, optou por eliminar a soia transxénica da súa ración e buscar alternativas en forraxes autóctonas. Igual que o resto de produtores da rede Eurodairy que participaron na xornada de Agaca, Roger está convencido de que o sector ten que traballar na liña de transparencia, xeración de confianza e atención a demandas sociais relativas á saúde e ó coidado do medioambiente.

Prezos
O grupo Arla/Asda, no que traballa a granxa de Roger, busca a complicidade dos consumidores británicos coas súas ganderías a través da marca ‘Arla Farmers Milk’, que custa 25 peniques (28 céntimos de euro) máis por botella, unha cantidade que vai parar directamente ós gandeiros.

A cooperativa e a cadea de supermercados optaron por un esquema de prezos transparente, cunha base na que figura o leite convencional e prezos progresivamente superiores para os leites con valores engadidos: a marca ‘Arla Farmers milk’, o leite multivitaminado, o leite ecolóxico e o leite sen lactosa, que se atopa na cúspide da pirámide de prezos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información