A DO Monterrei agrupa a 380 viticultores e a 24 adegas sobre un total de 467 hectáreas amparadas. A pasada campaña cualificáronse na DO un total de 2,8 millóns de kilos de uva, que produciron 1,6 millóns de litros de viño, cun valor no mercado duns 8,5 millóns de euros. A Denominación de Orixe Monterrei, a máis pequena das cinco existentes en Galicia, exporta o 17% da súa produción, cun incremento do 5% no último ano.
Un viño da DO Monterrei, Gargalo Treixadura & Albariño, ven de ser distinguido co Premio ao Mellor Branco de Galicia 2015 na XXVII edición da Cata dos Viños.
Para coñecer a realidade desta denominación e os seus retos para o futuro entrevistamos á recen elixida presidenta do Consello Regulador, Asunción Rodríguez Zarraquiños.
Acabas de ser elixida presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei e ademais es a segunda muller presidenta dunha DO vitivinícola en Galicia ¿Que supón para ti esta elección?
Ante todo é un honor e unha gran responsabilidade. Como adegueira que son -dirixe a adega Crego e Monaguillo– considerei que o meu nomeamento podería levantar ampolas entre o resto de adegueiros, polo que previamente fixen unha sondaxe e animáronme maioritariamente a que me presentase, dándome o seu apoio
En canto a ser a segunda muller en Galicia en dirixir unha DO vitivinícola, a noticia sería que non fose noticia. Considero que é algo positivo que revela que estamos avanzando na igualdade muller-home. E no caso concreto de Monterrei, é un recoñecemento a todas as mulleres que, nesta comarca, son historicamente as que levaban as tarefas do campo, de xeito que hoxe temos un importante número de viticultoras.
¿Cales son os retos que se marca para o seu mandato?
O primeiro reto é lograr a acreditación de calidade de ENAC, unha esixencia da Unión Europea, co que seríamos a segunda DO de Galicia, despois de Rías Baixas, en conseguir este certificado de calidade. Recentemente tivemos unha visita dos inspectores da ENAC e dixéronnos que estabamos no bo camiño.
Tamén celebraremos o vindeiro 8 de agosto a Feira do Viño de Monterrei, que é un escaparate moi importante para chegar directamente ao consumidor. Ademais, os días 14, 15 e 16 de xullo organizaremos en Santiago de Compostela un túnel do viño e o día 22 estaremos na Casa de Galicia en Madrid para presentar a última anada.
“Esta campaña prevemos que a colleita se incremente nun 25%”
Monterrei é a Denominación de Orixe vitivinícola máis nova e tamén a máis pequena de Galicia, ¿Que potencial de crecemento ten?
Moi grande. Sirva como exemplo que na vendima pasada a maioría das adegas non puideron conseguir todos os kilos de uva que querían. Para esta ano, e coas cautelas que debemos ter porque aínda faltan dous meses para a vendima, as previsións de colleita son duns 3,5 millóns de kilos de uva, o que suporía un incremento do 25% respecto ao ano pasado.
¿Cales son os principais mercados da DO Monterrei e en que cales hai máis posibilidades de aumento das vendas?
Estamos presentes en 24 países. Creo que é moi importante abrir novos mercados e consolidar aqueles nos que estamos. Neste sentido, temos que aumentar o control do viño que se exporta para evitar que a falta de rotación do produto provoque que, cando o cliente merque a botella despois de varios meses na estantería, poida quedar cunha mala imaxe da DO porque o viño non está en boas condicións.
“O ideal en Galicia sería ter un único Consello Regulador con varias Denominacións de Orixe”
Vemos posibilidades de exportación a Brasil e aos países do leste de Europa, sen esquecer o mercado español e galego.
¿Como definiría os viños de Monterrei?
En Monterrei temos unhas condicións climatolóxicas para os viños inmellorables. Estamos bordeando Castela e temos un terreo e un clima que nos permiten facer viños moi equilibrados entre acidez e alcohol.
Hai castes foráneas que levan moitos anos asentadas en Galicia. Algúns viticultores piden que os Consellos Reguladores autoricen tamén estas variedades. ¿Considera que este debate debe superarse?
Recentemente houbo un debate organizado pola EVEGA na que un técnico dun consello regulador tratou este tema. No momento da reestructuración dos viñedos arrancáronse castes como o Sousón, Caiño ou a Branca de Monterrei..etc, que lle proporcionaban unhas características propias aos nosos viños.
Considero que temos que apostar polas variedades propias, que lle aportan unhas características diferenciadas aos nosos viños, aínda que o seu rendemento sexa menor. É un traballo no que é importante a labor de concienciación que pode facer a Administración. Na DO Monterrei hai variedades de vide que se perderon e que agora se está volvendo a apostar por elas.
Un problema común a todas as DO´s galegas, agás Rías Baixas, é a falta de relevo xeracional ¿Por que non se toma en serio este problema que está a provocar o abandono de viñedos?
No caso da DO Monterrei creo que é o gran problema que temos neste momento. Como exemplo, na miña adega o 50% dos axentes, dos viticultores que nos venden a uva, teñen máis de 60 anos.
“Con formación e unha superficie mínima pódese vivir do viñedo en Monterrei”
Neste sentido, considero que o único positivo que nos trouxo a crise é que houbo xente nova que volveu á agricultura. No caso da DO Monterrei podo dicir que, con formación e cunha superficie mínima de viñedo, pódese vivir dignamente da viticultura. Hai viñedos que se están abandonando e debería ser labor da Administración ou do Consello Regulador promover contratos de arrendamento ou outras figuras para a xente interesada en traballalas.
Pero insisto, fai falta formación en viticultura, e nisto a Administración tamén se debería implicar.
Unha idea que xorde periodicamente no camiñar cara un único Consello Regulador para Galicia, que desenvolvese as tarefas de supervisión, control e promoción, mantendo as cinco denominacións de orixe ¿Que opina?
Facer un Consello Regulador único sería o ideal porque a marca Galicia vende mellor, pero tendo distintos intereses nas DO vai ser difícil. No que é a labor de promoción si que deberíamos facela conxunta, porque a nosa competencia non está en Rias Baixas nin no Ribeiro.