O relevo nas ganderías de vacún de leite: A visión da mocidade que se incorpora

Tres mozos relatan as súas experiencias de incorporación aos proxectos agrogandeiros familiares e describen cales son as principais trabas que se atoparon para dar o paso

O relevo nas ganderías de vacún de leite: A visión da mocidade que se incorpora

De esquerda a dereita, Alba González, Imasel Lois e José Gómez

Dende o ano 2015, o número de ganderías de vacún de leite que pechou en Galicia superou a cifra das 9.500 granxas, unha situación preocupante, pois se ben é certo que a produción de leite aumentou, sen embargo acarrea outras problemáticas, como a concentración da produción de leite en cada vez menos territorio, co reto que supón a nivel mendioambiental, ou o incremento do despoboamento do rural e da perda de superficie agraria útil, pois parte do terreo das explotacións que pecha pasa a ser forestado .

Para coñecer máis en profundidade a situación do relevo xeneracional, Unións Agrarias-UPA organizou recentemente en Santiago, no marco dunha xornada sobre vacún de leite,  unha mesa redonda entorno a este tema na que participaron os mozos gandeiros: Alba González, de Gandería Saturno; José Gómez Pardellas, de Gandería O Campo SC, e Ismael Lois Boga, de Os Agros de Frieiro SC.

Para moderala, contaron co responsable do sector lácteo de Unións Agrarias, Óscar Pose, quen se lamentou de que “cada vez, as Administracións están máis distanciadas dos problemas reais da xente porque non a escoitan”. Para contextualizar, detallou que, segundo o dato oficial do FOGGA, tan só o 10 % dos perceptores da PAC no 2023 eran menores de 40 anos, mentres que máis do 27 % tiñan máis de 65 anos. “Este dato mostra o nivel de necesidade do relevo xeracional, que é importante en calquera sector, pero nun moi envellecido coma o noso, moito máis”, subliñou.

En canto a situación do peche das ganderías, Pose resaltou que actualmente hai menos de 6.000 ganderías, porén o 35 % das explotacións producen case o 80 % do leite en Galicia. “A produción está concentrada nun núcleo pequeno de ganderías e débese ter en conta para definir as axudas. Falar de que sector queremos, cara onde vamos, sector intensivo ou non… Son temas a debater canto antes para remar todos na mesma liña.

Outro dos datos nos que fixo fincapé foi na evolución dos plans de mellora dende o 2015. “Por desgracia, nas vindeiras semanas vai haber incorporacións que non teñan un apoio dun Plan de mellora. Se eu fose un mozo que me quero incorporar e me conceden a axuda de incorporación, pero me denegan a do Plan de Mellora, que me expliquen como fago o proxecto de futuro”, reclamou. Afirma que lle trasladaron a súa preocupación á Consellería e urxen que se modifique isto para os vindeiros anos. Cabe puntualizar que o número de solicitudes en 2024 de incorporacións foron de 413, mentres que os plans de mellora quedaranse nunhas 200 aprobadas, segundo os datos de Unións.

Os tres mozos gandeiros consideran que a incorporación é unha decisión complexa e para “pensala moito”

Casos de mozos gandeiros

José Gómez formouse no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa e cando decidiu dar o paso de incorporarse tramitou o Plan de Mellora. Herdou unha parte do cebadeiro de porcos, o cal xestiona, e tamén traballa na granxa das vacas de leite de seus pais. “Xa contabamos coas instalacións suficientes, co cal foi fácil dar o paso”, relatou o gandeiro. Aínda así, no proceso atopouse coa principal traba que teñen: a burocracia. “Pérdese moito tempo facendo este tipo de xestións. Cando pensas que xa está todo listo, falta algo”, lamenta.

Ismael, pola súa banda, incorporouse a unha gandería con máis de dúas décadas de historia. Puxérona en marcha seus pais no ano 2000 e actualmente teñen 290 vacas, das que muxen unhas 170. A parte da súa paixón polas vacas, “decidín incorporarme para poder distribuír mellor o traballo”. Nesta gandería non será o único relevo xeracional que teñan, xa que nos vindeiros anos contarán coa incorporación da irmá de Ismael.

Lembra, ao igual que José, que durante o proceso se atopou con atrancos administrativos: “Tiñamos que pasar dunha sociedade civil a unha cooperativa, co cal denegáronnos nun primeiro momento o Plan de Mellora, posteriormente Facenda tamén colleu a súa parte das axudas e demais; todo son complicacións”.

Finalmente, Alba incorporouse xunto a seu irmán a explotación hai catro anos, cando súa nai se xubilou. Contan con 200 vacas, das que muxen 80, e unhas 30 hectáreas de terreo. A súa principal problemática está na falta de terreo, que leva a gastar máis en comida para os animais. Ante este problema, “igual tiñamos que ter pensado máis o proxecto ao principio, e máis, se non contásemos co Plan de Mellora sería xa case imposible”. A nivel administrativo, Alba destaca a falta de información sobre todo o proceso.

A burocracia e as normativas son dúas das queixas que máis resoaron durante a mesa redonda

As previsións de futuro

Na gandería de Alba xa teñen pedido outro Plan de Mellora porque precisan ampliar un pouco máis para mellorar o benestar dos animais “e cumprir co que nos esixen neste sentido”. Por iso, recalca a importancia que ten pensar os proxectos antes de “botarse á piscina” e facelos “pensando sempre a onde se quere chegar coa gandería”.

No caso de Ismael a súa previsión é aumentar o número de animais. “Coa inversión que fixemos na sala e tanque, coa que podemos traballar de maneira máis rápida e temos maior capacidade de leite, necesitamos compensar o invertido”. Tamén coa incorporación da súa irmá, a distribución do traballo será distinta e contarán cunha maior organización para poder aumentar o número de cabezas.

Finalmente, Xosé non busca aumentar senón continuar co volume de animais e de traballo. “En porcino temos unhas 1.300 cabezas, cremos que xa nos dan o traballo suficiente e compaxinado coas vacas estamos ben así”, asegura.

Normativa e relación coa industria

A burocracia e as normativas son dúas das queixas que máis resoaron durante a mesa redonda. Alba indica que case todas as normativas lles afectan “de xeito negativo, porque case non podemos facer nada”. Considera que se deberían axustar máis á realidade dos gandeiros. Pon de exemplo o tema dos xurros: “No noso caso hai moitas parcelas que o inxector é inviable, entón hai que buscar outra solución porque o xurro debemos sacalo. Por iso necesitamos que estuden mellor como está o sector e que se poñan no noso lugar”.

Durante a mesa redonda, dende o público reclamaron unha regulación maior para os traballadores do sector agrogandeiro

No caso de Ismael, indica que as normativas máis esixentes son as de benestar animal: “Non podemos facer nada”. O mesmo coincide José, quen destaca que cada vez hai máis restricións e menos facilidades.

Aínda que a relación coa normativa non é óptima, coa industria non mellora. Os tres coinciden en que teñen o contacto mínimo. “Vémolos cando firmamos os contratos e nada máis”, describe José.

¿É posible montar unha gandería de 0?

Os tres gandeiros animan á mocidade a poñerse á fronte das explotacións, pero recalcan a importancia de ter claro o proxecto que van levar a cabo. Na mesma liña, un asistente fixo referencia a outra situación: “Eu son un rapaz novo que está estudando na EFA Fonteboa, non teño vinculación familiar coa gandería, pero encántame e por iso din o paso a formarme. Agora mesmo estou coas prácticas nunha gandería e gustaríame seguir traballando, pero a futuro o meu obxectivo e montar unha gandería propia dende cero. Credes que é posible?”.

Tras un longo silencio, Alba aventurouse a dicir que é complexo: “Se o tes claro, adiante, pero eu se tivese que empezar de 0 non o faría”. Recalca que ela xa contaba coas instalacións e co impulso de seu irmán, por iso decidiu deixar o outro traballo e incorporarse a gandería. “A día de hoxe, pensaríao máis. Gústame moito, non teño presión, dirixo o meu tempo e estou cómoda, pero é unha decisión para pensar”.

O mesmo rapaz tamén pediu que os gandeiros “apostasen máis por incorporar traballadores e que os coidasen”. Neste caso, a resposta tamén proveu do público e un gandeiro pediu que houbese unha regulación maior para os traballadores do agro. “Temos que coidar aos traballadores porque agora non hai, cando había desprezámolos”. Neste sentido, recalcou a importancia que teñen e a necesidade de que alcancen “os mesmos dereitos que calquera traballador. Non podemos pretender que traballen as mesmas horas ca nós, que somos os donos da explotación, que vivimos alí e temos outro condicionante. Necesitan estabilidade de horarios e condicións dignas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información