“O Rei do Godello”, a nova campaña da DO Monterrei para reivindicar a calidade deste viño

A Denominación Monterrei busca coa iniciativa afianzar o posicionamento do Godello desta rexión coma un viño de máxima calidade e aliñado coas preferencias dos novos consumidores

Publicidade
“O Rei do Godello”, a nova campaña da DO Monterrei para reivindicar a calidade deste viño

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei acaba de poñer en marcha unha campaña publicitaria para reivindicar a calidade do Godello elaborado nesta zona vitivinícola. Con esta iniciativa buscan seguir fomentando o coñecemento e o consumo do Godello de Monterrei. “Estes viños son cada vez máis demandados porque encaixan á perfección cos gustos do consumidor actual: son frescos, delicados e elegantes”, indican dende a DO Monterrei.

Ademais, apuntan que nesta campaña se recollen todos os valores que simboliza a DO Monterrei, como son a historia vitícola de máis de 2.000 anos na rexión, o respecto pola terra e a priorización da calidade dos viños; pero cun enfoque creativo diferenciado e moderno, como corresponde cunha das denominacións máis novas de Galicia.

A idea

Creada polo estudo creativo Manu Cidre, a campaña arrincou o pasado 14 de xuño cunha acción de intriga que consistiu nunha pegada de carteis nas catro provincias galegas. O cartel estaba composto unicamente por unha coroa e o slogan “Viva o rei!”, algo que sen dúbida espertou a curiosidade de máis dun, dado que a peza non tiña nin logo nin firma de marca algunha. O misterio podía resolverse rápidamente escaneando o QR impreso nos carteis e accedendo a unha páxina web (oreidogodello.com), onde se atopaba a peza audiovisual principal da campaña.

No spot, un mozo de Monterrei enumera todas as bondades que podería relatar sobre os viños da súa terra pero que finalmente decide non facer porque, según afirma, non está aquí para contarnos historias. Nun ton áxil e divertido, acaba concluíndo que non fai falla dicir nada do Godello de Monterrei, porque “é un viño que fala por sí só, un ‘viñazo’, e só fai falla probalo para darse de conta de que é o Rei do Godello”.

A campaña en medios

Ao longo das próximas semanas desenvolverán diferentes accións publicitarias tanto offline coma online, coordinadas polo estudo creativo Manu Cidre e a axencia de medios galega Ingenio Media. Ademáis, na web oreidogodello.com pode accederse a todo o contido xerado para a ocasión.

Nesta primeira fase, desenvolverán a campaña en televisión, prensa, cine, vallas e outros formatos de exterior ubicados estratexicamente por toda a xeografía galega e tamén nos aeroportos e estacións de trens da comunidade.

A campaña ademais conta cunha importante inversión en medios dixitais, especialmente en Meta e en Youtube. E nas vindeiras fases contará con outras accións especiais e coa colaboración de diferentes influencers e xeradores de contido cos que buscan dar visibilidade ao Godello de Monterrei.

campana_DOMonterrei_Cartel

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información