“O recorte de pezuñas debe ser unha experiencia tranquila para a vaca, hai que buscar un manexo sen estrés”

Entrevista a Jamie Sullivan, consultor especializado en saúde podal e expresidente da Hoof Trimmer's Association (HTA) de 2016 a 2017, durante o II Congreso de Saúde Podal e Benestar

“O recorte de pezuñas debe ser unha experiencia tranquila para a vaca, hai que buscar un manexo sen estrés”

Jamie Sullivan, consultor especializado en saúde podal e expresidente da Hoof Trimmer's Association.

O traballo diario no ámbito da saúde podal é de vital importancia á hora de previr enfermidades e coxeiras que afectan ás pezuñas dos vacúns. Ademais, para Jamie Sullivan (Ontario, Canadá), consultor especializado en saúde podal e expresidente da Hoof Trimmer’s Association (HTA) de 2016 a 2017, o manexo do gando con baixo estrés é fundamental para non interferir na produción de leite do rabaño bovino. Abordamos con el as claves sobre saúde podal en vacún de leite durante o II Congreso de Saúde Podal e Benestar, celebrado en Cataluña.

-Cales son os puntos clave para reducir o estrés na vaca durante o manexo do gando?
-Como comentei no meu relatorio, traballamos movendo o corpo da vaca de forma que o ambiente sexa o menos estresante posible para ela. Sobre todo, concentrámonos en que non se inquiete, polo que é decisión propia do animal o ir cara a onde queremos que vaia.

-Poderiamos dicir que a primeira experiencia dunha vaca no poldro é crucial?
-Certamente. As vacas posúen unha excelente memoria, así que, se creamos un ambiente pouco desexable ou lles causamos unha mala impresión a primeira vez que están no poldro, na seguinte revisión entrará ao mesmo nun estado de estrés. Por isto, a primeira vez debe ser unha experiencia tranquila e agradable para ela e, así, na próxima sesión de recorte, comportarase mesmo mellor que na primeira ocasión, xa que lle resultará familiar ao estar anteriormente. En cambio, se o primeiro proceso foi desfavorable ou nós fixemos un mal traballo, a seguinte vez no poldro será unha situación tensa e de moitos nervios.

Poldro podoloxia vacun

Jamie Sullivan recomenda evitar o estrés da vaca no poldro cun manexo axeitado e minimizar o tempo do recorte. 

-Podemos reducir este estrés dalgún xeito?
-Tal e como comentamos estes días, interactuando con elas, tendo coidado, movéndonos amodo dentro do seu campo de visión e prestando atención a todo o que facemos para non alteralas.

“Cando apartamos a vaca da súa rutina debemos ser o máis eficientes posible porque realmente estamos a interromper o seu hábito diario”

-É posible reducir o tempo de espera á hora de recortar as pezuñas? Como poderiamos optimizar este proceso?
-Si, claro, de feito, aposto por iso. As vacas tan só queren aleitar e volver co resto do rabaño para seguir comendo. Cando as apartamos desta rutina debemos ser o máis eficientes posible porque realmente estamos a interromper o seu hábito diario. Estar un tempo fóra diso e de maneira prolongada, só lle vai a causar máis estrés e, ademais, estamos a reducir a súa produtividade.

-Acerca desta produtividade, comentaches na túa charla os aspectos negativos de realizar un recorte se a vaca non o necesita, xa que por exemplo diminúe a súa produción de leite. É unha práctica que segue ocorrendo?
-Xa sabemos que o proceso de recorte leva a saírnos da rutina e isto implica un custo, mesmo se non se trata dun grande. As vacas están afastadas da súa fonte de alimentación e dos seus cubículos onde poden descansar, polo que, efectivamente, supón un gasto. Se levo a unha vaca ao poldro para realizar un recorte funcional, debo asegurarme primeiro do que estou a facer. Sempre haberá un custo, así que, se o levo a cabo, necesito saber que haberá unha melloría por encima deste investimento. Se realizo o proceso e non é necesario, esta acción derivará en perdas. O que está claro é que non existe xustificación para perder un quilo de leite soamente por un recorte por estética. En cambio, se é necesario e o realizámos satisfactoriamente, o animal será moito máis produtivo. Esta situación obviamente implica un custo inicial, pero será beneficioso co paso do tempo, xa que a vaca estará máis saudable e cómoda. E, ademais, será máis seguro para o recortador e para o propio animal.

“No sistema Budbox trátase de traballar co instinto natural do animal”

-Durante o congreso realizaches unha demostración de como utilizar un ‘Budbox’. Poderías explicar como traballas con este sistema e como se manexa?
-Chámase ‘BudBox’ polo seu creador, Bud Williams, que deseñou todo o funcionamento e manexo. As vacas queren regresar, naturalmente, á súa zona de confort, xa que están familiarizadas con iso porque saben o que é e séntense cómodas alí. A partir desta premisa sabemos que estes bovinos basicamente queren volver ao lugar de onde veñen, así que preparamos o corredor, traémolos desde o seu lugar de orixe e logo pechamos a porta para que cheguen ao final da zona acoutada e estean obrigados a darse a volta. Aínda que a saída non sexa polo mesmo lugar, as vacas veñen, ven a porta e buscan esa apertura para volver ao principio. Basicamente, trátase de traballar co instinto natural do animal.

manexo gando podoloxia

O sistema Budbox para entrar ó poldro busca reducir o estrés do animal ó ter presente o seu instinto.

-Unha soa persoa é suficiente para utilizar este Budbox de forma eficiente ou precísanse máis?
-Normalmente, se está ben montado, é mellor que haxa unha persoa soamente interactuando con elas, porque como ben sabemos, as vacas son animais de presa naturais e nós somos, tecnicamente falando, depredadores. Por exemplo, se es un animal de presa e hai un lobo que vén a por ti, vaste a excitar. Pero se no canto dun son dous os que hai no recinto, estarás aínda máis alerta para tentar vixiar aos dous. Así que o ideal é que sexa unha persoa a que manexe este sistema ou calquera que se utilice.

-Ademais do Budbox, hai algunha diferenza máis entre o teu continente de orixe e Europa no tema do recorte funcional?
-Probablemente o Budbox é máis coñecido en América agora mesmo, porque é unha iniciativa que comezou Bud Williams e non necesariamente se ten que traballar con este instrumento de corredores. Simplemente, as vacas queren volver ao seu lugar de orixe polo mesmo sitio polo que viñeron. Traballar con este instinto é clave para o manexo do gando vacún, xa sexa cun Budbox ou con outro sistema.

-É isto o futuro?
-Para case para todo o mundo diría que si, sobre todo por temas de produtividade, eficiencia e tamén polo escrutinio ao que nos someten os nosos consumidores, os cales queren asegurarse de que tratamos aos animais da mellor maneira posible.

-Que protocolo seguides para aumentar o retorno do investimento no día do recorte?
-Antes seguiamos unha formulación bastante similar para todos os nosos clientes, agora tentamos personalizar e diferenciar que protocolo é mellor para cada granxa dunha maneira máis individualizada. Necesitan todos os especímenes dous recortes ao ano?, As vacas que se atopan no período de transición necesitan todas a mesma atención?, E as que se atopan na lactación? Todas estas preguntas son lóxicas e deben ser aplicadas para cada granxa en particular. Con toda esta información que posuímos elaboramos informes e, en base ao historial de cada explotación, poderemos tomar unha decisión personalizada para cada situación. Aínda así, de forma xeneralizada realizamos un recorte en seco e outro a metade de lactación, aínda que hai vacas que necesitan outro entremedias para mantelas sas e previr enfermidades nas pezuñas.

-E coas vacas que xa presentan problemas de coxeira?
-Se hai unha vaca que estivo coxa, teño que asegurarme de levala a unha nova revisión para comprobar que está curada. Agora xa sei que este animal en concreto ten un historial de lesións, así que, probablemente, non debería esperar até o día do recorte en seco e realizarlle unha inspección aos noventa ou cen días para verificar que segue sa e, de paso, previr a aparición dunha nova coxeira.

-É a Big Data o futuro do recorte de pezuñas?
-Si, creo que para as granxas en xeral é o próximo gran paso. Os clientes reciben unha considerable cantidade de datos sobre a súa explotación e o noso traballo é recollelos, centralizalos e presentalos de forma personalizada a cada gandeiro. Esta información é vital á hora de tomar decisións importantes dentro dunha granxa. A Big Data é xa unha realidade dentro do mundo bovino, polo que o próximo serán os programas que nos axuden a plasmar os devanditos datos e convertelos en informes que nos axuden a tomar decisións prácticas para mellorar o funcionamento das granxas. Xusto isto é o que comentei na miña última presentación realizada no congreso. Se vou recortar máis, ten que haber valor engadido para iso, verdade?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información