O queixo Tetilla Dona Cobiña triunfa nos Premius Arniu cun dobre ouro: mellor queixo “xoven” de vaca e mellor queixo ecolóxico

O produto elaborado por Cobideza impónse nun certame con máis de 60 queixos de Galicia, Asturias, León, Cantabria e País Vasco, recoñecendo a súa calidade, sabor e compromiso coa produción sostible

dona cobinha cobideza queixo 2O queixo ecolóxico con Denominación de Orixe Protexida Tetilla, elaborado pola cooperativa Cobideza baixo a marca Dona Cobiña, vén de acadar dous primeiros premios na primeira edición dos Premius Arniu, un certame organizado polo Concello asturiano de Ribera de Arriba e o Instituto Gastronómicu Asturianu, que recoñece os mellores queixos “tradicionais e singulares” do Cantábrico e do noroeste peninsular.

Nesta cita, que nace co obxectivo de poñer en valor a calidade e diversidade queixeira destas rexións, participaron máis de 60 queixos procedentes de Galicia, Asturias, León, Cantabria e o País Vasco, avaliados por un xurado profesional de 16 expertos nunha rigorosa cata a cegas.

Tras a deliberación, o Tetilla Dona Cobiña colleitou dous prestixiosos galardóns:
• Arniu de Ouro ao mellor queixo “xoven” de vaca, categoría reservada a queixos con menos de 30 días de maduración.
• Premio especial ao mellor queixo ecolóxico, distinción que recoñece non só o sabor e textura, senón tamén o compromiso coa produción sostible e respectuosa co medio.

dona cobinha cobideza queixo 3

A entrega de premios celebrouse onte en Ribera de Arriba e contou coa presenza do presidente de Cobideza, Jesús Manteiga, e do mestre queixeiro, Juan Justicia.

“Este recoñecemento premia o traballo, o agarimo e o coidado que poñemos en cada paso da elaboración dos nosos queixos. É un orgullo levar dous ouros nun certame con produtos da máis alta calidade de todo o norte peninsular”, destacou Manteiga. “Tamén é un orgullo para a comarca de Deza e para Galicia, e un premio que dedico aos máis de 200 socios e socias da cooperativa”, engadiu.

Pola súa parte, Juan Justicia salientou que estes premios son “unha proba do excelente sabor do Tetilla Dona Cobiña, da calidade do leite ecolóxico das explotacións coas que traballamos e da paixón e empeño por mellorar cada día”.

Con este novo recoñecemento, Dona Cobiña avanza na súa posición como referente na queixería galega, unindo tradición, innovación e sustentabilidade para ofrecer un produto único que leva o nome de Deza e de Galicia a novos mercados e consumidores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información