O queixo azul de Airas Moniz, recoñecido como o mellor de España na súa categoría

SAVEL AIRAS MONIZ

O queixo madurado con mofos -queixo azul-Savel, da queixería Airas Moniz, de Chantada, foi galardoado nos Premios Alimentos de España 2026 que convoca o Ministerio de Agricultura. Concretamente, foi considerado o mellor de todo o estado na súa categoría.

Nesta edición participaron 133 mostras de queixos procedentes de toda España, distribuidas en cinco modalidades: madurado de vaca (26 mostras), madurado de ovella (49), madurado de cabra (23) madurado de mestura (18) e queixo madurado con mofos ou queixo azul (17).

Ana Vázquez Marquez, unha das fundadoras da queixería chantadina, sinalou que “recibir iste premio é un orgullo e un recoñecento ó traballo diario de cada unha das persoas que formamos Airas Moniz.”

E quixo destacar que é a terceira vez que conseguen o galardón. “Recibilo ata en tres ocasións ten un significado moi especial para nós, xa que o entendemos como unha confirmación de que o camiño que eleximos hai anos segue a ser o motor que nos guía e nos anima a continuar traballando coa mesma ilusión, compromiso e respecto polo noso traballo, pola terra e polo rural.”

O proceso de selección do Premio incluíu unha rigorosa análise físico-química, microbiolóxica e das especies, así como unha valoración sensorial realizada por paneis de expertos catadores. Durante a valoración garantiuse en todo momento a trazabilidade e o anonimato das mostras.

Os produtores premiados vanse beneficiar das distintas accións de promoción deseñadas polo Ministerio. A gala de entrega de premios vaise celebrar, como vén sendo tradicional, durante o outono. Os premios Alimentos de España, creados en 1987, recoñecen a empresas e produtos que destacan poloa súa calidade, innovación e contribución á gastronomía española.

Dende o Ministerio afirman que o obxectivo dos premios é “promocionar e dar visibilidade aos queixos de maior calidade e propiedades organolépticas, incentivar aos produtores a mellorar os seus procesos e posicionamento no mercado. E, ao mesmo tempo, fomentar entre os consumidores o coñecemento e a valoración destes produtos.”

Tamén apuntan a que os galardóns poñen en valor o esforzo e dedicación dos queixeiros españois e reafirma o compromiso do Ministerio coaa calidade agroalimentaria e a promoción dos produtos
nacionais.

Os premiados no resto de categorías son os seguintes:

– Queixo madurado de vaca: Alcaidús, da Denominación de Origen Protegida
(DOP) Mahón-Menorca, da sociedade Alcaidús, de Alaior (Illes Balears).

– Queixo madurado de ovella: Cremositos del Zújar, de Arteserena, de
Campanario (Badajoz). Este queixo obtivo ademais a maior puntuación global entre os galardoados nas cinco modalidades, polo que se fixo tamén co premio especial Alimentos de España ó mellor queixo 2026.

– Queixo madurado de cabra: Tío Resti, da DOP Queso de Murcia al Vino, de
Especialidades Lácteas, de Caravaca de la Cruz (Murcia).

– Queixo madurado de mestura: Pajarete con manteca y romero, de Lopicomo, de
Villamartín (Cádiz).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información