O proxecto Welaser logra a integración preliminar do seu prototipo para eliminar malas herbas sen químicos

O obxectivo principal é desenvolver unha solución tecnolóxica para acabar cos tratamentos químicos no manexo de malas herbas. Encaran a fase de integración final unha vez desenvolvan as melloras nos distintos sistemas operativos

O proxecto Welaser logra a integración preliminar do seu prototipo para eliminar malas herbas sen químicos

O proxecto de innovación Welaser, que busca alternativas ao uso de herbicidas no agro, logrou con éxito a integración preliminar do sistema para a eliminación de malas herbas no campo sen a utilización de produtos químicos. Nesta fase montáronse todos os sistemas a bordo da plataforma móbil e comprobáronse os compoñentes mecánicos, eléctricos e interfaces de comunicacións.

Os impulsores do proxecto destacan importantes avances nas diferentes partes do prototipo como a integración das redes de sensores IoT e aplicacións de computación na nube, a fonte láser de alta potencia, o sistema de percepción de Intelixencia Artificial e o sistema de escaneo e o segundo prototipo do robot autónomo. “Todo o sistema está a funcionar de acordo co plan de traballo”, indican.

Agora, de acordo coas probas que se están realizando e a lista de problemas detectados, están a elaborar un plan de acción e levarán a cabo as melloras adecuadas nos diferentes compoñentes para desenvolver a integración final do proxecto.

Esta fase de integración preliminar levárona a cabo durante a última semana do pasado mes de abril, xa que sufriron atrasos na entrega de pezas e compoñentes derivados pola actual pandemia e as crises xeopolíticas. Así, a aprobación definitiva desta integración acordouse nunha reunión presencial de proxecto celebrada en Madrid o pasado 27 de abril.

Na última fase do proxecto realizarán demostracións do funcionamento do prototipo en diferentes países europeos

Durante os últimos 6 meses do proxecto está previsto que realicen demostracións do uso do prototipo en escenarios reais en diferentes localizacións europeas. Estas demostracións estarán dirixidas a audiencias profesionais e xerais, incluídas autoridades, expertos e investigadores e medios de comunicación.

Os socios do proxecto

WeLASER é un proxecto de innovación europeo que comezou en setembro de 2020 e finalizará en 2023, tras 36 meses de traballo. Está financiado dentro do programa Horizonte 2020. Está coordinado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (España) e conta coa participación de Futonics Laser GmbH (Alemaña), Laser Centrum Hannover (Alemaña), Departamento de Plantas e Ciencias Ambientais da Universidade de Copenhague (Dinamarca), AGREENCULTURE SaS (Francia), Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (España), Departamento de Ciencias Agrícolas da Universidade de Bolonia (Italia), Instituto para a Ecoloxía de Áreas Industriais (Polonia), Departamento de Agricultura Economía da Universidade de Gante (Bélxica) e Van dean Borne Projecten BV (Países Baixos).

-Consulta aquí máis información sobre o proxecto.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información