O proxecto SMARTERRAE foi o gañador dos VIII Premios Rafael Crecente

Lorena Salgado e Rubén Forján deseñaron un modelo de formación científica aplicada no territorio e o medioambiente dende etapas iniciais. O xurado tivo en conta o carácter innovador, o impacto social, ambiental e económico do proxecto e a súa aplicabilidade. En segundo lugar quedou un proxecto sobre o rol transformador das comunidades enerxéticas desenvolvido por Laura Prieto.

Lorena Salgado (dereita) e Laura Prieto (esquerda) recolleron o 1º e o 2º premio

Lorena Salgado (esquerda) e Laura Prieto (dereita) recolleron o 1º e o 2º premio

Unha metodoloxía de ensino e aprendizaxe que actúa como ponte entre as aulas e a xestión do territorio e o medio natural. Así definiu Lorena Salgado -unha das autoras xunto a Rubén Forján- o proxecto SMARTERRAE, que obtivo o primeiro posto nos VIII Premios Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial. O premio está dotado con 2.000 euros.

“A falta de relevo xeracional no mundo rural leva tamén a unha falta de técnicos que acompañen a quen xestiona todo ese territorio rural. Eso pode levar a unha mala xestión ou, polo menos, pouco informada e xustificada.”, sinalou Salgado.

Queremos levar ás aulas os problemas reais e concretos do medio rural e devolver solucións aplicables (Lorena Salgado, co-autora do proxecto SMARTERRAE)

Para tentar solucionar esa situación, SMARTERRAE quere levar ata as aulas problemas reais do territorio e o medioambiente e devolver solucións científicas útiles para a sociedade. Para eso, pensan desenvolver proxectos con entes alleos á universidade, promover masters e traballos de fin de grao e defender os proxectos en foros científicos.

Entre o público houbo abondosa representación da comunidade académica da EPS

Entre o público houbo abondosa representación da comunidade académica da EPS

Un Intituto de Ensino Secundario de Mieres (Asturias), cun plan sobre economía circular para obtención de ácido levulínico de residuos orgánicos, e unha investigación sobre as causas dos lumes forestais en Asturias -a cargo da Escola Politécnica de Mieres- foron os primeiros traballos dentro de SMARTERRAE.

Pacôme Elouna Eyenga falou da PAC e o desenvolvemento rural

Pacôme Elouna Eyenga falou da PAC e o desenvolvemento rural

O segundo premio, dotado con 1.000 euros, nesta oitava edición foi para Laura Prieto, que desenvolveu un estudo sobre o rol transformador das comunidades enerxéticas en Galicia e en España. Prieto analizou en detalle as comunidades enerxéticas da Illa de Arousa e do lugar de Buchabade (Tourón, Ponte Caldelas).

Prieto explicou que as comunidades enerxéticas buscan alternativas democráticas, xustas e de menor impacto que o modelo enerxético tradicional. Unhas alternativas en consonancia cos principios que sempre defendeu o profesor Rafael Crecente Maseda.

No acto participou Harvey M. Jacobs, profesor emérito da Universidade de Wisconsin-Madison (EEUU), cunha conferencia maxistral titulada “Propiedade privada e xestión ambiental sustentable: un desafío do século XXI ” na que falou dos retos contemporáneos na xestión ambiental desde a perspectiva da propiedade privada. Jacobs, amigo persoal de Rafael Crecente, explicou os traballos nos que colaboraron e tivo unhas verbas de lembranza hacia o falecido profesor.

Tamén houbo unha intervención a cargo de Pacôme Elouna Eyenga, líder da EIP-AGRI Support Facility da EU CAP Network, que falou sobre o papel da innovación na agricultura dentro da Política Agraria Común (PAC) e o papel da rede europea EIP-AGRI.

Dez anos despois da súa morte, seguen estando en vigor os traballos e visións do profesor Rafael Crecente (Harvey Jacobs e Pacôme Elouna Eyenga)

A edición deste 2025, que se celebrou na Escola Politécnica Superior de Lugo, tiña unha compoñente emotiva por cumprirse dez anos do pasamento do profesor Rafael Crecente Maseda. Todos as persoas que tomaron a palabra tiveron unha lembranza especial para Crecente e palabras de afecto para a súa familia.

O profesor Jacobs lembrou as súas colaboracións con Rafael Crecente

O profesor Jacobs lembrou as súas colaboracións con Rafael Crecente

Os premios Rafael Crecente son convocados polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) en colaboración co Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Universidade de Santiago de Compostela.

O eido académico estivo representado no acto polo Vicerreitor da USC, Francisco José Fraga; o Director do IBADER, Pablo Ramil e a Directora da EPS, Rosa Romero Franco. Ademais, estiveron presentes as cinco candidatas que aspiran a ser a primeira reitora muller en toda a historia da USC.

En representación das administracións públicas, no acto participaron o Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Efrén Castro; a concelleira de Cohesión Social e Territorial do Concello de Lugo, Ana G. Abelleira e a Directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Mª Paz Rodrígez Rivera.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información