O proxecto de bioplanta de fibra reciclada que Ence impulsa nas Pontes (A Coruña) foi seleccionado provisionalmente para recibir 24,7 millóns de euros dentro da liña 4 do PERTE de Descarbonización Industrial do Ministerio de Industria.
En concreto, a iniciativa obtivo unha subvención de 24.691.726 euros no marco da convocatoria de “Axudas para Instalacións Manufactureiras Altamente Eficientes e Descarbonizadas”, incluída no PERTE de Descarbonización Industrial correspondente a 2025, segundo a listaxe provisional de solicitudes estimadas publicado polo Ministerio.
Aposta pola economía circular
O pasado mes de agosto, a Xunta outorgou á planta a Autorización Ambiental Integrada (AAI), un fito moi relevante tanto para o proxecto como para a compañía. Ence destaca que a das Pontes é unha instalación pioneira a nivel mundial para producir fibra reciclada branqueada a partir de papel e cartón recuperados. A compañía subliña que será a primeira instalación do sector en Europa en aplicar tecnoloxía de branqueo TCF (totalmente libre de cloro) sobre fibras recicladas.
A planta, ademais, autoabastecerase de enerxía renovable, xerada a partir de subproductos da industria forestal local e non empregará combustibles fósiles.
O proxecto sitúase nos terreos industriais da antiga central térmica de carbón das Pontes, polo que Ence sinala que será un exemplo tanxible dunha transición enerxética.
Planta piloto de reciclaxe téxtil
De forma complementaria, Ence avanza tamén en Regatex, unha planta piloto de reciclaxe téxtil
destinada a desenvolver un innovador sistema de valorización de residuos téxtiles. En colaboración coa startup sueca Sharetex, a compañía logrou obter celulosa reciclada a partir de polialgodón, un material de difícil reciclaxe, abrindo novas vías para a xestión circular de pezas e tecidos.
Galego










Control OJD