
A presidenta do Grupo Aresa, Carlota López Pardo, xunto aos estudantes galardonados este ano
O Grupo Aresa vén de facer entrega o Premio Aresa Júnior no marco do Campus de Verán XuvenCiencia 2026, unha iniciativa promovida pola Universidade de Santiago de Compostela no Campus Terra de Lugo e dirixida a achegar a ciencia, a investigación e a vida universitaria á mocidade.
O premio, impulsado por duodécimo ano polo Grupo Aresa como entidade colaboradora do campus, recoñeceu nesta edición o proxecto presentado por Eneko Rey, Catalina Fernández, Adrián Prados, Rubén Pérez, Milkias Casas, Rodrigo de Miguel e Sarah Peón, titulado Fotosíntese Artificial, así como a súa capacidade para comunicar dun xeito creativo, rigoroso e atractivo os contidos desenvolvidos durante a actividade.
O Premio Aresa Júnior forma parte do concurso audiovisual de XuvenCiencia, no que os equipos participantes elaboran vídeos para explicar os proxectos nos que traballaron ao longo do campus. A través desta proposta, o alumnado combina aprendizaxe científica, comunicación, creatividade e traballo colaborativo.
O Campus de Verán XuvenCiencia 2026 reuniu en Lugo a 95 participantes procedentes de varias comunidades autónomas
Na edición de 2026, o Campus de Verán XuvenCiencia reuniu en Lugo a 95 participantes procedentes de Galicia e doutras comunidades, que desenvolveron 16 proxectos vinculados a diferentes áreas de coñecemento, entre elas as ciencias experimentais, as ciencias sociais, as humanidades, a tecnoloxía e o ámbito biosanitario.
Con esta colaboración, Aresa reforza un ano máis o seu compromiso coa formación da mocidade, coa divulgación científica e co impulso do talento novo. A entidade destaca a importancia de apoiar iniciativas que conectan a universidade coa sociedade e que contribúen a espertar vocacións investigadoras desde idades temperás.
“Para Aresa é unha satisfacción colaborar de novo con XuvenCiencia e recoñecer o esforzo do alumnado participante a través do Premio Aresa Júnior. Este tipo de proxectos son fundamentais para achegar a ciencia á mocidade, fomentar a curiosidade e poñer en valor o coñecemento que se xera no Campus Terra de Lugo”, sinalou Carlota López, presidenta de Aresa.
O acto de entrega puxo o peche a unha nova edición do Campus de Verán XuvenCiencia, consolidado como unha das iniciativas de referencia para a divulgación científica xuvenil no Campus Terra.
Galego









Control OJD