O proxecto dunha panificadora para celíacos, premio da Cátedra do Pan

A proposta do enxeñeiro agrícola Roberto López sobre alternativas para as persoas con intolerancia ó glute acada o primeiro premio da segunda convocatoria dos premios. Tamén foron premiados un estudo sobre o consumo de pan na poboación sénior e sobre o cultivo do cereal en zonas de sombra

O proxecto dunha panificadora para celíacos, premio da Cátedra do Pan

Entrega dos premios da Cátedra do Pan e do Cereal da USC.

O proxecto dunha panificadora acaba de acadar o primeiro posto da segunda edición dos Premios da Cátedra do Pan e do Cereal da Universidade de Santiago de Compostela (USC), promovida en colaboración co Grupo Dacunha. O proxecto foi presentado por Roberto López Toja, graduado en Enxeñería Agrícola e Agroalimentaria na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría.

A proposta empresarial levou un premio en metálico de 1.000 euros e a posibilidade de asinar un contrato laboral no Grupo Dacunha. O proxecto foi presentado baixo o título ‘Panificadora de pan precocido conxelado para celíacos, produción de 4.000 quilos día, situada no polígono de Alvedro’. Nesta proposta aportábanse alternativas para sortear as limitacións propias das persoas que sofren intolerancia ó glute, que en Europa supón xa o 1% da poboación.

A iniciativa premiada ten en conta rigorosos mecanismos de control durante todo o proceso de elaboración do pan, dende a moenda do cereal, a fase de amasado do pan, cocido e distribución. O proxecto integra asemade unha serie de técnicas innovadoras aplicadas ó método tradicional de panificación, como é o emprego de masa nai, ó tempo que documenta polo miúdo pautas de máximo respecto a parámetros relacionados coa seguridade e a saúde, residuos de construción ou planos nos procesos de construción e edificación da industria.

O consumo de pan na poboación sénior

O segundo dos premios do certame, dotado de 500 euros, recaeu nun traballo sobre a inxesta de pan entre a poboación sénior. O graduado en Nutrición e Dietética Javier Cancela Rodríguez realizou unha radiografía desta franxa da poboación a través de 150 enquisas persoais sobre os hábitos de consumo de pan, así como os cambios na alimentación ou sobre o coñecemento que teñen da composición deste alimento e do seu valor nutricional.

O traballo de campo permite constatar o descoñecemento entre a poboación de máis idade da relación entre hidratos de carbono e saúde. Aínda así, máis do 80% dos consultados estima que non é preciso eliminar o pan da dieta para adelgazar. A continuidade do pan na mesa está garantida para máis do 90% das persoas enquisadas, que tamén recoñece un empeoramento do sabor e da textura deste produto alimenticio. A poboación sénior decántase polo pan tradicional fronte aos precocidos, conclúe este estudo, que cifra en 82,33 gramos diarios o consumo medio de pan.

Cultivo do cereal á sombra

O terceiro premio outorgado nesta convocatoria pola Cátedra do Pan e do Cereal Dacunha da USC, un galardón dotado con 250 euros en metálico, recaeu no tamén graduado en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria Rafael Abad Trasancos. O traballo presentado avaliou o desenvolvemento de distintas especies e variedades de cereal baixo diferentes condicións de sombra.

Avalían cereais como o millo, o trigo ou o centeo para empregalos en sistemas agroforestais para obter forraxes

Abad Trasancos avalía neste estudo o efecto que produce a sombra proxectada do extracto arbóreo sobre o desenvolvemento de cultivos de cereal, implantados nas rúas que separan as liñas de arborado. No traballo avaliáronse diferentes variedades de especies coma o millo, o trigo ou o centeo, para seleccionar as máis acaídas para a implantación dun sistema agroforestal con elas.

Nas conclusións, o enxeñeiro indica que o centeo ten unha menor capacidade para espigar en condicións de sombra que o trigo e que o millo, o que se debe á súa notable capacidade para medrar en menos tempo, o que o fai máis interesante para o seu emprego como forraxe nos sistemas agroforestais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información