O proxecto de selección do carballo culmina coa plantación de 1.000 exemplares

A iniciativa, promovida pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Consellería do Medio Rural, estableceu tres parcelas en Santa Comba, Chantada e Trasmiras con exemplares de alta xenética

O proxecto de selección do carballo culmina coa plantación de 1.000 exemplares

Plantación da parcela de carballos seleccionados en Trasmiras, Ourense.

A plantación de 1.000 carballos nunha parcela de ensaio de Trasmiras (Ourense) culmina esta semana a primeira fase do proxecto de selección do carballo galego. A iniciativa, promovida pola Fundación Juana de Vega en colaboración coa Xunta, implantou un total de tres parcelas en Santa Comba (9.500 metros cadrados), Chantada (6.900 metros cadrados) e Trasmiras (1 hectárea) con exemplares seleccionados de carballos.

O proxecto iniciouse hai un par de anos coa recollida de landras dalgúns dos mellores exemplares de carballo de Galicia, ubicados nas 11 carballeiras selectas que hai catalogadas na comunidade. Eses landras sementáronse en dous viveiros colaboradores de Pontevedra e Lugo e as plantas que presentaron un mellor desenvolvemento inicial escolléronse para trasladar a campo.

A parcela de Trasmiras, que se está a implantar esta semana, súmase ás xa establecidas en Santa Comba e Chantada, todas elas propiedade do Banco de Terras. O marco de plantación fíxose cunha alta densidade inicial, a fin de facilitar o crecemento en vertical das árbores. Posteriormente practicaranse claras e deixanse os exemplares con mellor comportamento en campo.

Visita institucional á plantación de Trasmiras.

Visita institucional á plantación de Trasmiras.

Á plantación que se está desenvolvendo en Trasmiras (Ourense) acudiron onte representantes das institucións que colaboran conxuntamente no impulso do proxecto (Consellería do Medio Rural, Fundación Juana de Vega, Centro de Investigación Forestal de Lourizán e Instituto Galego de Calidade Alimentaria). A Fundación Juana de Vega financia a iniciativa cun total de 120.000 euros.

O proxecto considérase un primeiro paso para garantir a conservación dunha boa e variada xenética no carballo galego. As tres parcelas agora implantadas poderán funcionar ademais nun futuro como hortosementeiros para a produción de plantas de carballo de boa xenética. A idea final sitúase en fomentar un maior uso do carballo galego, actualmente case nulo, tanto en fincas privadas como en parques e xardíns públicos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información