“O propietario forestal non é de xuntarse, o que máis funciona é a venda en couto redondo”

Falamos sobre o asociacionismo forestal con Ramón Reimunde, que foi presidente de Promagal, a Federación de Produtores de Madeira de Galicia, disolta en abril deste ano

“O propietario forestal non é de xuntarse, o que máis funciona é a venda en couto redondo”

Fotografía de Ramón Reimunde. / Fonte: Imaxe de arquivo

Promagal, a Federación de Produtores de Madeira de Galicia, disolveuse o pasado mes de abril tras case dúas décadas de funcionamento. En paralelo á desaparición de Promagal, nos últimos anos foron esmorecendo boa parte das Promas locais que a integraban, con excepcións como Viveiro, Cedeira e outras asociacións que se manteñen activas.

Pasados uns meses desde o peche de Promagal, facemos balance con Ramón Reimunde e abordamos as dificultades ás que se enfrontan as iniciativas colectivas no ámbito forestal.

– Pode facernos unha cronoloxía do asociacionismo forestal no norte galego?

– Promagal ten uns arquivos desde o primeiro ano que se formou, no 2005-06, e temos o arquivo de 45 asambleas en toda a historia, é dicir, ata 2023. Comezamos naquel entón facendo reunións locais en cada unha das vilas e concellos do norte galego, primeiro, independentemente, e logo fomos creando unha especie de grupo.

É necesario engadir que había unha asociación que se chamaba Promafe -Produtores de Madeira de Ferrol- que foi a primeira matriz, por dicilo así, porque foi a que comezou a empurrar cando estaba Teresa Rañal e outros membros. 

Cando nos xuntamos, comezamos a ter contratos de corta con prezos preferentes, primeiro cun exportador e logo cun concerto de madeireiros do norte

Despois fixemos asambleas en Foz, en Ribadeo, en Cariño, en Cedeira, en Viveiro… e a partir de aí, cando xa tiñamos unhas 12 ou 15 asociacións, parte delas xa legalizadas, isto é, co seu Consello de Dirección, cos seus Estatutos, e en regra, entón xuntámonos en Ortigueira para crear Promagal -Federación de Produtores de Madeira de Galicia, e decidimos entre todos os alí presentes -que xa eramos 20 asociacións naquel momento- comezar a reunirnos periódicamente. 

Así foi como comezamos a ter contratos de corta onde nos daban uns prezos preferentes. Primeiramente fora cun exportador e logo cun concerto de madeireiros do norte.

A partir dese momento a actividade foi desenvolvéndose. No periodo 2012 -14 tivemos contratos preferentes con Ence, que mesmo nos patrocinaba unha oficina e un administrativo. Os anos 2014-15 foron moi ben, vendemos moita madeira. Estamos falando que entre todos vendíamos máis 400.000 toneladas de madeira. Había moitas asociacións, dispares entre si en volume de socios, pero que foron funcionando desa maneira.

Despois chegou aquela época do Covid, no que era ata complicado acceder aos montes e circular, polo que se cortou moita menos madeira. A partir de aí, especialmente despois do 2021 comezou a calar un desinterese. A xente viu que isto perdía a forza e que perdía folgos, e entón deixou de interesar tanto, pero deixámoslle seguir, a ver como avanzaba.

Cumprimos a nosa función durante un tempo, que non foi pequeno, máis de 15 anos, pero isto perdeu folgos e acordouse disolver Promagal

Foi entón cando a partir do ano 2022 vimos a necesidade de buscarlle unha solución e unha directiva que se fixera cargo, ou que isto non podíamos seguir. Tempo despois, fixemos unha asamblea á que asistiron poucos participantes e foi cando se acordou disolver.

Nós cumprimos a función durante un tempo, que por certo non foi pequeno, porque coas bromas foron máis de 15 anos, pero despois, no futuro hai que esperar que iniciativas como esta se organicen mellor, que se formen cooperativas poderosas e que non sexamos 500.000 propietarios en Galicia divididos e desorientados.

– Que cuestións impulsaron o asociacionismo nas Promas locais e que logros destacaría?

– Como en calquera movemento asociativo sempre hai un estímulo, e ese estímulo tende a ser unha inxustiza. Aquí, neste caso, é que naquel tempo, polo 2005, estaba tirado o prezo. Entón empezamos a poñer letreiros por todas as partes con mensaxes como ‘non vendas madeira que te están roubando, asóciate’.

O gran impulso foi o prezo baixísimo da madeira e ver que os propietarios estabamos en mans dos compradores de madeira. Ante ese impulso, unímonos e efectivamente ao principio conseguimos o que se buscaba, que era subir os prezos, asegurar que tiveramos unha boa planta con boa xenética e un pouco máis barata, e mesmo nalgún sitio conseguiron bos prezos para abonos, traballos conxuntos en pistas e cortalumes, etc. 

É dicir, ao principio todo iso deu resultado.

Pódese dicir que estivemos unidos só por unha cuestión económica de venda de madeira. A min paréceme que había moitas máis cousas que traballar aquí. Había que pensar na biodiversidade, en que especies plantabamos e como, no aproveitamento e xestión conxunta, que está sen explorar, etc.

O monte non é só diñeiro e producir madeira. Había que pensar na biodiversidade, en que especies plantar, no aproveitamento e xestión conxunta… Os que veñan detrás terán que ter un enfoque máis amplo e científico do monte

Eu era unha das cousas nas que incidía e dicía que o monte non só é diñeiro, non só é producir madeira, pero como nos chamabamos ‘asociacións de produtores de madeira’, a maioría tan só quería abordar iso. 

Polo tanto, os que veñan teñen que coller un campo moito máis amplo e moito máis científico, e moito mellor preparado do que nós estabamos, porque nós eramos silvicultores normais e correntes. 

Desde un principio decidimos vender por tonelada, nunca a bulto, e nos últimos anos, o que descubrimos foi o couto redondo

– Como contribuíu Promagal a mellorar a venda de madeira?

O primeiro que hai que ter en conta  é que o gran propietario non é o que máis necesita de convenios, senón que son aqueles pequenos propietarios para os que están pensadas estas asociacións, de cara a conseguir o mesmo prezo que o resto.

Desde un principio decidimos vender por tonelada, nunca a bulto, e nos últimos anos, o que descubrimos foi o couto redondo. É dicir, ti non vendas un monte pequeno só, o mellor é que vendan todos os que están ao redor, ata formar 3 ou 4 hectáreas, entón dese xeito conséguese un prezo magnífico para todos os socios, vendendo conxuntamente e sacando cadansúa parte de madeira por separado, e plantando colectivamente tamén. Iso foi un avance.

– A que cre que se debe que a implicación dos propietarios nas Promas fora a menos?

Por que un propietario se facía socio e por que vendía a madeira a través das ofertas que lle facían á asociación?. Por interese económico. Cando o prezo estaba a 36 euros, na asociación vendíase a 39 euros. Pagaban unha cota de 15-20-25 euros anuais por pertencer, estaban informados, axudábase ademais a medir camións, a controlar os montes, etc. 

Cando os propietarios vendían a través da asociación, ademáis de ter un bo prezo, a entidade quedaba cunha pequena parte, que eran 50 céntimos ou 1 euro por tonelada vendida, para pagar á xente, e para pagar certificacións e outros gastos. Entón os propietarios dicían ‘para que lle vou pagar á asociación, que me desconta 1 euro, se mo poden pagar a min?’.

É dicir, estamos nun mundo económico no que nós fomos un pouco inocentes, e eu creo que deberíamos ter actuado dunha maneira máis inflexible.

– Como ve a situación actual do asociacionismo forestal?

Creo que non podemos enganar a xente con falsas promesas e esperanzas. Agora o asociacionismo está mal. Non é que estea mal, é que non está, e todo o que está facendo a Xunta en Medio Rural non é moi útil. Podes deseñar instrumentos de asociacionismo, pero a xente non se xunta.

No caso concreto que coñezo, que é toda a Mariña de Lugo, non se xunta a xente. Son malos tempos para o asociacionismo na música forestal.

Agora, non lle vexo posibilidades ás agrupacións de xestión conxunta, xa veremos como van ser moi poucas as agrupacións que se cren así.O que si continuarán son os coutos redondos

– Velle entón poucas posibilidades ás agrupacións forestais de xestión conxunta?

– A idea é boa, e no fondo, a idea é copiada dos estatutos de Promagal e das súas asociacións, que estaban repartidas polo norte de Galicia. Agora, non lle vexo posibilidades de realización, e xa veremos como van ser moi poucas as agrupacións que se cren así.

O que si continuarán son os coutos redondos. En lugares que nós cortamos no 2014, por exemplo, que ao mellor cortamos nalgúns sitios 40 hectáreas xuntas, pois esas 40 hectáreas, que dentro de 2 ou 3 anos xa están en época de corta, poderanse volver a cortar outra vez todas xuntos, pero facendo o couto redondo interno, eles mesmos, sen necesidade da interlocución da administración.

Serán eles os que contacten con un comprador, e así mesmo, os que vaian conseguir 3- 4 euros a maiores por tonelada, en comparación con se vendera cada un por separado. 

Cómpre buscar a diversidade e non ter unha monoespecie cunha abundancia enorme desa oferta, porque ao que leva é que as fábricas de pasta e os compradores desa madeira páganche o que queren.

– Como ve os montes de eucaliptos de cara ós próximos anos?

– Eu teño 75 anos, desde os 25 ou un pouco antes, levo xestionando monte e vendendo madeira todos os anos. Nós co eucalipto equivocámonos porque seguimos os incentivos de ENCE, e todo o mundo plantou eucalipto. Hai que ter diversidade, hai que ter máis especies. Agora está fallando o ‘Pinus radiata’ e estamos plantando secuoyas, piñeiro do país e outras cousas. 

Hai que ir evolucionando e tratando de transformar estes montes de eucalipto en que nos pasamos moitísimo de freada, e a medida que se vaian cubrindo quendas de corta, replantexalos en sitios que resulten máis axeitados, nos que non se daría outro cultivo.

“Na Mariña pasámonos de freada cos montes de eucalipto, teremos que replantexalos e buscar maior diversidade”

Cómpre buscar a diversidade e non ter unha monoespecie cunha abundancia enorme desa oferta porque ao que leva é que as fábricas de pasta e os compradores desa madeira páganche o que queren.

En cada un dos concellos que hai desde Ribadeo ata Ferrol, que son 30 concellos, hai un stock de 1 millón de toneladas. Polo tanto, con esa inmensa oferta, a onde imos ir?. A ningún sitio, porque como non queiran comprarnos outros clientes estamos perdidos.

– Que pensa da moratoria do eucalipto, á espera de que se decida unha regulación posterior?

– Esa moratoria, que onde non había eucalipto, por exemplo onde había piñeiro, bidueira o outras especies, non plantar eucalipto, en principio é positiva, eu sempre a vin con simpatía porque non se pode aumentar a superficie, na Mariña xa non hai máis onde plantar como non plantemos as praias e as airas das casas. Entón a moratoria do eucalipto ata o fin do 2025 a min paréceme positiva. 

– Sobre a prevención de incendios, que medidas cre que habería que tomar na Mariña de Lugo?

Esta masa forestal tan continua do eucalipto é un perigo para o medioambiente e para os incendios tamén, claro. Aínda que ben é certo que ao igual que o eucalipto absorbe moita auga, tamén contribúe a retela -cando hai néboa por exemplo, baixa polo talo abaixo-.

Efectivamente hai unha superficie continua, non hai zonas de campo, nin zonas agrarias, pero polo menos non hai abandono. Temos eucalipto, que está capturando CO2 da atmósfera e aportando.

De cara a prevención de incendios, é unha cuestión que me deixa dubidoso. Hoxe en día, aquí na Mariña seguramente caian unhas gotas, hai humidade, e rara vez sobe a temperatura de 25ºC. Nese sentido, o que nos protexe é o clima. Agora, como veña un día co vento cálido de suroeste, aquí arde onde lle prendan. A proba témola o ano pasado: a xoia da coroa, que son os montes de Trabada, con zonas en SAT ou concentradas, ardeu. Con excepción de días puntuais, o clima é o que nos salva dos incendios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información