O programa XERA-Savia busca mellorar as habilidades profesionais do persoal do sector forestal

A Xunta de Galicia apoia este programa a través do que persoal traballador da industria da madeira terá a oportunidade de participar en actividades de formación non regradas

Publicidade
O programa XERA-Savia busca mellorar as habilidades profesionais do persoal do sector forestal

A Axencia Galega da Industria Forestal XERA, dependente da Consellería de Economía e Industria, impulsa o programa de axudas Xera-Savia a través do que se busca mellorar e reforzar as habilidades profesionais do persoal traballador do sector para incrementar a competitividade e o coñecemento en todas as fases da cadea de valor. A través da nova convocatoria, 9 asociacións, centros universitarios e colexios profesionais representativos a industria forestal-madeira galega organizarán 56 actividades formativas e de divulgación. Para elo, disporán dun orzamento de preto de 420.000 euros.

Admitíronse 9 das 12 solicitudes para a organización de 41 actividades formativas e 15 actividades de divulgación. Nomeadamente, resultaron beneficiadas tres das principais asociacións sectoriais (Fearmaga, Lugomadera e Asefoga), os dous clústeres sectoriais (Clúster da Madeira de Galicia e o Clúster da Biomasa de Galicia), as tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e o Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia) e o Colexio Oficial da Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia.

As actividades de formación non regrada representan o groso do importe das axudas concedidas, cun total de 381.006,44 euros, destacando o incremento de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías e a aplicación da intelixencia artificial no sector, con 19 actividades formativas programadas. Así mesmo, as accións para mellorar as competencias profesionais en materia de construción en madeira acadan case o 30 % da contía das achegas, con 8 actividades formativas programadas por importe de 123.472,83 euros. Mentres, os apoios para a organización de actividades de divulgación representan un importe de 37.852,06 euros.

A maiores, o incremento da axuda máxima concedida por beneficiario pasa dos 60.000 euros da convocatoria anterior, aos 70.000 euros da actual. Así mesmo, establécense contías máximas para os custos das actividades de entre 300 e 500 euros/hora en función da tipoloxía da actuación e simplifícase a tramitación das solicitudes, reducíndose a carga administrativa na fase de solicitude e simplificando os criterios de avaliación, ao automatizar gran parte deles.

Cabe destacar que dende que se botou a andar o programa Xera-Savia no ano 2018, concedéronse preto dun cento de axudas (82) para a organización de accións formativas non regradas e de divulgación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información