En Galicia hai arredor de 70 variedades autóctonas de castiñeiros, pero non todas teñen a mesma aptitude para a produción de castaña de calidade. O sector galego da castaña avoga por centrar a produción nunha vintena de variedades, que son as que obteñen máis demanda no exterior, segundo o presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Jesús Quintá. “O produtor galego tense que profesionalizar como fixo o do viño. Que sería da Ribeira Sacra se non tivesen seleccionado variedades?” -pregúntase Quintá-. “O mercado non pide castaña, pide variedades”.
Todas as variedades autóctonas de castaña están inscritas na IXP Castaña de Galicia, pero aquelas que se consideran máis axeitadas para o mercado están a centrar as prioridades de actuación da Xunta en dous campos, na orde de axudas para plantación de castiñeiros, que ampara 9 variedades, e no rexistro de variedades comerciais. A inscripción no rexistro de variedades comerciais non é unha cuestión menor. Ó contrario. As plantas das variedades que non estean rexistradas non se poderán comercializar de aquí a uns anos.
“Que sería da Ribeira Sacra se non se tivesen seleccionado variedades de uva? O mercado non pide castañas, pide variedades” (Jesús Quintá)
Polo de agora, a Administración, a través do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, promoveu a pasada primavera o rexistro de 16 variedades comerciais e prevé rexistrar 7 máis en breve. Do mesmo xeito, tamén se rexistrarán 8 variedades híbridas, resistentes ó mal da tinta, como portaenxertos para castiñeiros de froito.
Preocupación nos viveiros
O proceso está a suscitar preocupación entre os viveiros produtores de planta forestal, como quedou de manifesto nunhas xornadas sobre o tema que se celebraron o pasado venres en Santiago. Ramiro Martínez, do viveiro O Pomariño, expuxo o seu caso concreto: “Se produzo cada ano 50 unidades dunha variedade de castiñeiro que non está rexistrada, que teño que facer?, arrincar as cepas nai?”, pregúntase.
“Se produzo cada ano 50 unidades dunha variedade non rexistrada, que fago, arrincar as cepas?” (Ramiro Martínez, viveirista)
O viveirista avogou por respetar a diversidade varietal por comarcas. “Se hai variedades que funcionan ben nunha zona, por exemplo no Eume, por que hai que promover alí outras variedades que non sabemos se se adaptan ben a esa zona”, inqueriu.
Postura da Administración
Desde a Administración, tratouse de tranquilizar ánimos no sector dos viveiros forestais. “En España, a normativa que obriga ó rexistro das variedades comerciais non quere impedir a compra venda de variedades que xa se viñan comercializando. Non queremos excluír a ninguén do mercado” -defendeu Victoria Colombo, da Oficina de Variedades Vexetais do Ministerio de Agricultura. – “Os produtores de planta poden solicitarlle á Comunidade Autonóma que tramite o rexistro dunha variedade que comercialicen. É un proceso sinxelo para eles, pois todo o traballo de rexistro corresponderalle á comunidade”.
A maiores das plantas que estean inscritas no Rexistro de Variedades Comerciais, tamén poderán comercializarse aquelas que se recoñezan como variedades DOR, é dicir cunha Descripción Oficialmente Recoñecida, un proceso máis sinxelo que a entrada no Rexistro, se ben Galicia, polo de agora, non optou por esta vía.
Plan de inspeccións
Como se van controlar as variedades que se comercializan? A Xunta iniciará este ano un plan de controis sobre os 41 viveiros de produción de castaña que hai na comunidade (16 na Coruña, 12 en Lugo, 6 en Ourense e 7 en Pontevedra).
“O agricultor ten dereito a saber que variedade merca” -defende César Iglesias, do servizo de Sanidade e Produción Vexetal da Xunta.- “O noso traballo é comprobar se coincide a variedade que se ofrece coa realidade. No plan de controis de frutais atopámonos con que nun viveiro ofrecíase unha variedade como autóctona cando en realidade era unha variedade francesa, que ademais estaba protexida con licencia” -explica.- “Conclusión, houbo que destruír esas plantas”.
“O agricultor ten dereito a saber que variedade merca” (César Iglesias, Xunta)
A Administración autonómica vén realizando desde o 2014 un plan de controis da certificación das plantas froiteiras, un comercio que move cada ano en Galicia arredor de 134.000 plantas, entre as que figuran exemplares das 97 variedades autóctonas de froiteiras que están no Rexistro de Variedades Comerciais. A Xunta xa dictou este ano instruccións para extender os controis á produción de plantas de castiñeiro, de cara a identificar as variedades á venda.
Identificación varietal
A identificación científica das variedades depara en ocasións sorpresas. “Témonos atopado con que un castiñeiro que nos dicían que era dunha variedade autóctona, por exemplo a de parede, era en realidade outra variedade, a picona”, sinala Javier Fernández, do Centro de Investigación Forestal de Lourizán.- “Tamén hai variedades que se coñecen con distintos nomes, segundo a zona, pero que son a mesma. É o caso da luguesa, tamén coñecida como abadá ou negra”.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán conta con persoal e tecnoloxía para facer unha identificación morfolóxica, a partir da análise visual da castaña, e tamén unha identificación por marcadores moleculares.
O Centro de Investigación Forestal de Lourizán efectúa a identificación de variedades por marcadores moleculares
A técnica dos marcadores moleculares consiste en comprobar a presenza de alomenos 5 secuencias de ADN características nunha variedade, polo que permite unha maior seguridade. Lourizán ten xa establecidos prezos públicos para facer esta análise por encarga (20,40 euros a análise de 5 marcadores e 27,01 a análise de 10 marcadores).
Adaptación á demanda
O presidente da IXP Castaña de Galicia, Jesús Quintá, tamén propietario da empresa Alibós, é partidario do proceso de certificación das variedades comerciais de castiñeiro. “Promovemos a certificación porque o mercado vai por aí. Isto tíñase que ter feito xa hai 30 anos. Daquela, a xente cando ía mercar dicíanlle ‘leva estes castiñeiros que son bos” -lembra-. “Nós, como IXP, tratamos de regularizar o sector e producir o que demandan os clientes”, expón.
“O sector importa cada ano 10.000 toneladas de fóra de Galicia e é unha mágoa que non se plante máis aquí” (Jesús Quintá, IXP Castaña de Galicia)
O mercado da castaña, segundo Quintá, oriéntase a venda de determinadas variedades de xeito individual. “Temos que vender separando por variedades, non todo no mesmo saco. O sector importa 10.000 toneladas ano de fóra de Galicia -o 50% da produción da comunidade- e é unha pena que non se plante máis aquí”, conclúe Quinta.
Desde a perspectiva da IXP, esta orientación a determinadas variedades é compatible con que nalgunha comarca haxa produtores que aposten por variedades minoritarias da zona, unha opción que, valoran, tamén podería acadar un bo posicionamento no mercado.
Castiñeiros preferentes
– Variedades para as que hai axudas de plantación: amarelante, famosa, garrida, longal, de parede, ventura, negral, picona e rapada.
– Variedades inscritas no Rexistro de Variedades Comerciais: amarelante, branca, de parede, de presa, famosa, garrida, inxerta, longal, loura, luguesa, negral, picona, puga de afora, raigona, rapada e ventura.
– Variedades en proceso de rexistro: amarela, calva, campilla, monfortina, puga do Bolo, rapada do Sil e serodia.
– Clons híbridos que se recomendan como portaenxertos para castiñeiros de froito: 111 -este é de brotación tardía, polo que resulta de interese para zonas elevadas do interior-, 7521, 2671, 1483, 125, 7810, 90044.