O Goberno galego proxecta introducir unha nova modificación na Lei de montes de Galicia 7/2012 para prorrogar o proceso de extinción dos actuais convenios e consorcios de xestión que mantén con comunidadades de montes veciñais en man común. Ese proceso, que estaba previsto que rematase a finais do 2025, ampliarase ata decembro do 2027, unha vez que se aprobe a lei de acompañamento dos presupostos 2026, que está en trámite parlamentario.
Durante este periodo, ata decembro do 2027, a Xunta poderá seguir cancelando de oficio os convenios e consorcios coas comunidades de montes veciñais que non teñan débedas coa Administración. Tamén aqueles convenios nos que se observe que se incumpren os fins para os que se asinou. Un exemplo é o daqueles montes conveniados que teñan menos dun 30% de superficie arbórea.
No caso dos montes que opten por manter o actual convenio ata o 31 de decembro do 2027, terán que asinar entón un contrato de xestión pública coa Xunta ou, de querer asumir a xestión da superficie conveniada, aboarlle á Xunta o saldo debedor do convenio ou consorcio.
O proceso de extinción de convenios coas comunidades de montes veciñais iniciouse no 2018, un momento no que a Xunta xestionaba arredor de 300.000 hectáreas de montes a través de convenios, arredor dun 15% do monte galego. Desde aquela ata inicios do 2025, Medio Rural cancelou 427 convenios, o que supuxo ceder a xestión dunhas 72.000 hectáreas.
De cara ó futuro, o obxectivo da Administración é manter a xestión de arredor de 150.000 – 200.000 hectáreas, sobre todo ubicadas en montes con carácter protector e de escasa orientación produtiva. Tamén en casos nos que non existan comunidades veciñais capaces de asumir a xestión, ben polo despoboamento, ben por carencias económicas que dificulten os axeitados investimentos para evitar o abandono da superficie.
Galego










Control OJD