“O problema para expandirnos na DO Monterrei é o prezo do chan. A 8€/m² é imposible invertir”

Entrevistamos a Marcial Atanes, viticultor da comarca de Verín, para falar do manexo da viña, dos prezos do solo e do relevo xeracional

Publicidade

Marcial Atanes naceu, coma quen di, cos pés enriba das uvas. Seu pai sementou nel un amor polo viño ao que lle leva sacando froito arredor de 15 anos. Aínda que a viticultura non é o seu principal traballo, por veces, Marcial bota máis tempo entre as súas viñas de Oímbra (Ourense) que sentado na cadeira do seu despacho.

Fomos á comarca de Verín a coñecer as súas viñas e preguntarlle sobre as claves do manexo do cultivo; o futuro demográfico da zona; as complicacións derivadas do cambio climático; e tamén sobre o control de enfermidades da viña ao longo do ano.

“O ano pasado fixemos a vendima máis temperá dos últimos 40 anos”

Control de enfermidades no manexo da viña

A suba das temperaturas en verán e as xeadas durante o inverno favorecen a aparición de pestes. No caso deste viticultor oimbrao, as máis acusadas son o oídio, o mildiu, e máis o black-rot.

“As pestes que máis nos atacan nesta comarca son o oídio, o mildiu e o black-rot”

Hai moitos factores que inflúen á hora de escoller o tratamento adecuado e, dende logo, non hai norma xeral. Depende da caste da uva, do terreo, do clima… Así e todo, Marcial explícanos o seu xeito de enfrontar estas enfermidades nas súas viñas de verdello, mencía e treixadura.

Prezos do solo e viabilidade

A súa viña de verdello é a máis grande das tres que ten e na que coida, a día de hoxe, case 5.000 cepas. Produce arredor de dous quilos e medio por planta, “para manter a calidade da uva”, explica.

“A maioría das leiras non teñen prezos viables para unha explotación vitícola”

A súa idea sempre foi seguir medrando aos poucos, pero un dos escollos máis difíciles de sortear son os prezos do solo. Admite que, ata o de agora, tivo sorte na negociación cos veciños, pero a maioría das leiras “non teñen prezos viables para unha explotación vitícola”, pois ó prezo do metro cadrado, ata 6-7 euros, hai que sumarlle o custo da plantación, o que eleva o investimento preciso por riba dos 8 euros / metro cadrado.

O relevo xeracional

O concello de Oímbra non é unha excepción dentro do fenómeno do éxodo rural. A pirámide demográfica está invertida, non hai moitas ofertas de emprego e o prezo do solo é un factor determinante á hora de arriscar por un negocio agrícola.

“O prezo do solo é un factor determinante á hora de arriscar por un negocio agrícola”

Marcial está completamente seguro de que “se salvásemos ese problema, sumariamos polo futuro da comarca”. Aínda así, recoñece que o problema da Galicia baleirada é moito máis complexo e “correspóndelles aos políticos tomar esas decisións estratéxicas para escoller o camiño certo”.

O prezo da uva

“Na DO Monterrei levamos uns anos bos, están a pagar arredor de 80 céntimos o kilo“, explica Marcial Atanes, aínda que admite que os viticultores deberían cobrar algo máis. “Creo firmemente que os adegueiros poderían pagarnos a uva a 1 euro e gañariamos o suficiente para compensar os anos de perdas graves, como o da xeada”, engade.

“A maquinaria que lle hai que meter ao cultivo é cara e con estes prezos é complexo avanzar”

Ademais, Marcial explica que esa marxe a maiores daríalles o suficiente como para seguir investindo e mellorar a viña. “A maquinaria que lle hai que meter ao cultivo é cara e con estes prezos é complexo avanzar. Penso que temos que sentar adegueiros e viticultores e buscar un ben conxunto”

Marcial Atanes na súa viña de verdello

Marcial Atanes na súa viña de verdello

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información