O problema común de convivir co lobo: a experiencia das granxas eslovenas

O proxecto PastorEa, no que participan centros de formación agraria de Galicia (EFA Fonteaboa), Francia e Eslovenia, está a desenvolver visitas recíprocas para que técnicos e gandeiros coñezan como se enfrontan nos tres países retos como o dos depredadores ou o cambio climático

O problema común de convivir co lobo: a experiencia das granxas eslovenas

Rabaño de ovellas protexido por malla eléctrica e cans de defensa do gando.

Nos pastos altos das montañas do val de Soca, nos Alpes eslovenos, xestionan cada verán arredor de 600 ovellas, 250 cabras e preto de medio cento de vacas de leite en terreos comunais. Sobre as vacas hai un control diario, pois os gandeiros rótanse para atendelas, muxilas e procesar o leite nas queixerías da montaña, pero sobre as cabras e as ovellas, que pastan libres, o control é difuso. A consecuencia, só no verán do 2020 perderon 150 ovellas por ataques do lobo.

“Cando nos demos de conta de que as ovellas foran atacadas, xa estaban os voitres comendo os restos. Nin sequera atopamos tódolos corpos e, por tanto, non se cobrou indemnización por todas”, rememora Davorin Koren, un dos gandeiros afectados, co que falou unha delegación galega de técnicos e gandeiros que visitou Eslovenia o pasado ano, no marco do proxecto PastorEA.

Cabras de Davorin Koren na montaña.

Cabras de Davorin Koren na montaña.

O progresivo asentamento do lobo nas montañas eslovenas está a xerar incertidume entre os gandeiros, que a maiores teñen que lidiar con outros depredadores, como osos, linces e chacais. O manexo tradicional do gando na montaña é por medio dun pastoreo libre, sen que por agora houbera unha adaptación do manexo para enfrontar o problema do lobo.

Nos últimos anos, a colocación de colares GPS en parte dos animais ofrece información sobre os seus movementos e ubicación, pero iso non evita o problema dos depredadores. Tralo ataque no que perderon 150 ovellas, os produtores solicitaron aquel verán unha batida do lobo por danos. A caza do lobo foilles permitida, a pesar de que a área se enmarca no Parque Nacional Triglav, pero a burocracia retrasou a chegada do permiso a novembro, cando xa os animais baixaran ó val.

Desde o Parque Nacional dispoñen de presuposto para a contratación de pastores que controlen o gando na montaña, pero o problema é que non atopan quen queira pasar toda a primavera – verán facendo ese traballo.

O Parque Nacional distínguese tamén por prestar apoio ás granxas en proxectos de innovación. A elaboración de xeados con leite de ovella ou a creación dun salami de ovella vella, cabra e porco son exemplos dalgunhas das iniciativas apoiadas polo Parque.

Cada ano, o órgano xestor do espazo protexido financia 10 proxectos, a razón de 10.000 euros por proxecto. Ademais, hai gandeiros, como Davorin, que compatibilizan a súa actividade nas granxas con traballos en materia de conservación para o Parque Nacional.

Control con mallas electrificadas ás noites
As institucións en Eslovenia están a tratar de que nas zonas con depredadores, as granxas modifiquen o seu manexo coa introdución de medidas de prevención. Un dos sistemas que se está a implantar é o dos peches con mallas electrificadas, empregados para gardar o gando á noite.

É o sistema que empregan, por exemplo, nunha granxa de ovino en extensivo que depende da Facultade de Veterinaria de Liubliana. A explotación dispón de 450 ovellas de leite de raza autóctona e de máis de 200 hectáreas de pastos. Durante o día, unha persoa permanece de xeito continuo cos animais, que son muxidos dúas veces, unha ás 6 da mañá e outra ás 4.30 h. da tarde. Logo do muxido da tarde, os animais pasan a un curral valado con malla electrificada de 1,70 metros de alto.

Curral con malla electrificada na granxa dependente da Facultade de Veterinaria de Liubliana.

Curral con malla electrificada na granxa dependente da Facultade de Veterinaria de Liubliana.

É un manexo que ten a súa dificultade, pois a instalación das mallas supón un problema de peso e de xestión para os gandeiros de maior idade, ata o punto de que se pode convertir nun factor que desincentive a gandería profesional e fomente o abandono, segundo se temen en Eslovenia.

O das mallas electrificada non é o único sistema que probaron na granxa, pois nun comezo introduciron burros, pero o método demostrouse errado, pois nun ano o lobo matoulles 43 burros.

A introdución de burros como sistema de prevención non funcionou, pois nun ano os lobos matáronlles 43

Tamén probaron con cans protectores do gando, pero atopáronse con problemas por estar nunha zona de media montaña onde son habituais as saídas á natureza de paseo ou con motos e quads. En Eslovenia, a lexislación permite os desprazamentos libres sobre o territorio e iso xerou algúns encontronazos entre cidadáns e cans protectores do gando. Unha persoa foi trabada por un can e a granxa tivo que facer fronte por iso a unha indemnización de 4.000 euros.

Agora, coas mallas electrificadas, a gandería deu cun sistema que se está a demostrar eficaz. Atrás quedan as arredor de 500 ovellas mortas por ataques que acumularon no periodo 2005-2014, a maioría en ataques nocturnos.

O rabaño da granxa da  Facultade durante o día, nunha zona acoutada por mallas electrificadas baixas.

O rabaño da granxa da Facultade durante o día, nunha zona acoutada por mallas electrificadas baixas.

Evolución
A dimensión dos ataques que padeceron moitas granxas de Eslovenia débese a que o lobo iniciou a súa expansión no país hai arredor de dúas décadas, o que colleu ás ganderías desprovistas de métodos de prevención. Outra granxa de ovellas de carne, cabras, cabalos e vacas que visitou a delegación galega lembra que os ataques iniciáronse hai arredor de 20 anos. Daquela, ó pouco tempo, nun só ano perderan máis de 100 ovellas.

O problema obrigounos a introducir cans protectores do gando -pastores dos Cárpatos e pastores rumanos-, pois ata daquela tiñan cans de pastoreo, pero non cans de protección. Agora combinan o uso de cans con pastores eléctricos e mallas eléctricas baixas, coas que tamén evitan as incursións dos chacales sobre as ovellas. Así e todo, os cordeiros pequenos adoitan mantelos no establo, para evitar os danos dos corvos.

Visita do proxecto PastorEA en Galicia

Un momento da visita dos centros participantes no proxecto á Finca Marco da Curra, en Monfero.

Un momento da visita dos centros participantes no proxecto á Finca Marco da Curra, en Monfero.

A viaxe a Eslovenia foi a primeira viaxe técnica do proxecto PastorEA, no que participa a EFA Fonteboa conxuntamente con centros de formación de Francia e de Eslovenia. O obxectivo do proxecto é coñecer como se traballa o pastoreo extensivo en distintas rexións de Europa e que técnicos e gandeiros poidan coñecer outras formas de abordar problemas comúns, como é o lobo ou outros, caso do cambio climático, coas conseguintes secas estivais e aumento do risco de lumes.

Tras aquela viaxe a Eslovenia, a pasada primavera Galicia recibiu a súa vez unha visita das delegacións francesa e eslovena, que coñeceron o funcionamento da finca Marco da Curra, en Monfero, dependente do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, e visitaron granxas locais. As actividades completáronse con sesións teóricas nas que se abordaron cuestións como a prevención dos danos por lobo.

Para este mes de setembro, está prevista a terceira e última viaxe do proxecto, que consistirá nun desprazamento a Occitania, unha rexión francesa próxima ó Mediterráneo, na que se visitarán proxectos de pastoreo con cabras, ovellas e vacas.

Cabalos hispano bretóns na Finca Marco da Curra, durante a visita.

Cabalos hispano bretóns na Finca Marco da Curra, durante a visita.

“Ser gandeiro é boa vida”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información