“O principal uso das frondosas en Europa é a construción, con madeiras como o bidueiro e a faia”

Uwe Kies é secretario xeral de InnovaWood, a rede europea para a ciencia, a investigación, a innovación e a educación da madeira. Tamén é presidente da Alianza Wood4Bauhaus, unha plataforma política para promover un maior uso da madeira no sector da construción

Publicidade
Uwe Kies, secretario xeral de InnovaWood

Uwe Kies, secretario xeral de InnovaWood

InnovaWood é unha asociación sen ánimo de lucro con sede en Bruxelas fundada no 2007, con ao redor de 60 organizacións integrantes en 28 países. A súa misión é proporcionar un foro para compartir coñecementos e información, crear sinerxías e colaboracións e dar seguimento ás tendencias en innovación, proporcionando orientación estratéxica no ecosistema europeo de I+i en resposta aos desafíos globais.

Despois do lanzamento da Nova Bauhaus Europea por parte da presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, en 2021, a Alianza Wood4Bauhaus foi fundada polas principais organizacións coordinadoras do sector madeireiro europeo: CEI-Bois, EPF, EOS, EFBWW e os socios científicos InnovaWood e InnoRenew.

O alemán Uwe Kies é o secretario xeral de InnovaWood e preside a Alianza Wood4Bauhaus e estivo en Galicia recentemente, no marco do Simposio Internacional sobre frondosas, para falar dos efectos do cambio climático sobre a produción de madeira en Europa.

Temos 78 tipos de bosques en Europa e máis de 100 especies dominantes

Na UE hai 78 tipos de bosques diferentes e máis de 100 especies dominantes, pero os sistemas forestais europeos están baixo o impacto do cambio climático e isto vai afectar á transformación dos montes do continente.

“Se miramos o ciclo forestal a 100 anos vista, os carballos van aumentar e van diminuír os piñeiros e os abetos. As zonas de cultivo de frondosas van aumentar e as de coníferas descender. As pragas e enfermidades tamén van aumentar”, prognosticou.

Só o 8% da produción de madeira sólida en Europa son frondosas e o 64% úsase para construción

O potencial para extraer valor nunha árbore é maior nas coníferas que nas frondosas. “No abeto pódese usar o 80% e esa porcentaxe é menor nos carballos, por exemplo. Son materiais distintos con resistencias mecánicas tamén diferentes. Neste momento os modelos están desenvoltos para as coníferas, precisamos traballar máis na categorización, estandarización e certificación da madeira de frondosas europeas”, defendeu.

Neste momento os modelos están desenvoltos para as coníferas, precisamos traballar máis na categorización da madeira de frondosas europeas

Con todo, asegurou, “as frondosas non deben centrarse en competir coas coníferas”. “Non podemos copiar tampouco a tecnoloxía das coníferas para as frondosas, por iso hai unha grande necesidade de innovación tecnolóxica”, dixo.

O bidueiro e a faia cobran importancia

Neste sentido, Uwe puxo distintos exemplos de novos usos e experiencias industriais que se están a levar a cabo en construción con madeiras de frondosas en Europa, como a compañía alemá Pollmeier que está a desenvolver produtos con madeira laminada de faia, que está a aparecer tamén en combinacións híbridas de madeira de coníferas e frondosas (abeto e faia).

Outra madeira que está gañando protagonismo en Europa é o bidueiro. “Está empezando a aparecer como unha madeira moi importante. Estanse a facer, por exemplo, trabes de bidueiro, con aspecto máis interesante que o CLT de abeto, son trabes máis finas e esveltas, é unha vantaxe competitiva que se logra polas propias propiedades da madeira”, explicou.

Nova Bauhaus europea

A iniciativa da nova Bauhaus europea, lanzouse no 2022 por parte da Comisión Europea, establecendo que se podería aforrar mediante a construción en madeira o 40% das emisións de carbono en relación á construción con formigón. Este cambio de paradigma está liderado pola propia presidenta da Comisión Europea, Úrsula Von der Leyen.

Está cambiando a narrativa e o relato na UE; hai un novo enfoque

“Está cambiando a narrativa e o relato na UE; hai un novo enfoque. E se se avanza nesta liña de construción en madeira, ten que desenvolverse da man das frondosas”, asegura Uwe.

“As cidades deberían converterse en sumidoiros de carbono. Este é un motivo polo que a madeira se foi facendo máis visible nos últimos anos. Hai unha vantaxe importante da madeira para contribuír á descarbonización do entorno construído”, di.

“Pero temos moito que mellorar nos produtos de longa duración e que os produtos de longa vida construídos en madeira se poidan desensamblar e volver a utilizar en novas construcións para favorecer a economía circular”, defendeu.

“Temos o desafío de adaptar a tecnoloxía da madeira branda de conífera á madeira dura de frondosas”

Klaus Richter, catedrático emérito da Universidade de Munich, intervindo nas xornadas organizadas por Xera

Klaus Richter, catedrático da Universidade de Múnich, intervindo nas xornadas organizadas por Xera

Klaus Richter é catedrático emérito da Universidade de Munich e membro do consello científico asesor sobre bioeconomía do Goberno alemán. Desde 1950 están aumentando as superficies arboradas na UE, polo que a industria da madeira “ten porvir e un futuro prometedor”, asegura.

“Todos sabemos que o cambio climático é unha realidade con impactos catastróficos. Temos que estudar os efectos do incremento das temperaturas nos bosques autóctonos, pero nese escenario as frondosas teñen máis potencial. Estámolo vendo en Alemaña e noutros países de Europa central”, afirma.

Desde 1950 están aumentando as superficies arboradas na UE

“Temos que ter cada vez máis eficiencia do recurso, no aproveitamento dos toros, porque pode haber escaseza. En España ou en Alemaña aínda hai bastantes recursos forestais, pero noutras partes do mundo non os hai”, alerta.

Utilización combinada de madeira, aceiro e formigón

Os edificios e construcións provocan máis do 37% do dióxido de carbono emitido á atmosfera, polo que teñen un peso moi relevante sobre o cambio climático. “Os materiais de construción que estamos empregando para facer as casas e edificios provocan o 30% desas emisións e a poboación mundial vai aumentar nas vindeiras décadas, polo que o impacto que terán as operacións de construción e os propios materiais de construción serán maiores”, alerta Klaus. 

“Debemos usar a madeira o máis posible. A madeira é forte e ao mesmo tempo é un bo illante, polo que é un bo substituto e tamén un bo complemento ao formigón, ao aceiro e ao plástico na construción. Hai que utilizar materiais e tecnoloxías híbridas, hai que combinalos intelixentemente pero tratando de empregar menos cemento. Hoxe en día utilizamos só o 10% de madeira e o 90% de formigón e queremos darlle a volta a esas porcentaxes. É un cambio moi drástico”, recoñece.

Modernizar a tecnoloxía actual

A tecnoloxía dos aserradoiros é moi anticuada, afirma este experto, posto que “é pouco eficiente sacar produtos cadrados dunha materia prima que é redonda en orixe”. “Podemos perder até o 40% do material, que se destina a pélets ou partículas, pero non é para o que queremos a madeira. Estamos aínda nos inicios dunha nova tecnoloxía, pero esperamos poder superar a tecnoloxía actual”, di.

Pasar do abeto a faia nos materiais laminados de construción permitiu ir a seccións máis estreitas, que é o que queren agora os arquitectos

“Temos por diante o desafío de adaptar a tecnoloxía da madeira branda de conífera á madeira dura de frondosas”, advirte Klaus. “As frondosas como material de construción son desafiantes. A faia, por exemplo, ten moita dilatación, mentres que o bidueiro necesita mellorar a durabilidade”, conta. 

“Pasar do abeto a faia nos materiais laminados de construción foi un desafío importante, pero usando faia as seccións son cada vez máis estreitas, que é o que queren agora os arquitectos.  Pola súa densidade hai máis resistencia vertical nas frondosas”, explica.

A taxa actual de reutilización de materiais de construción en madeira é inferior ao 10%

“Debemos facer un esforzo tamén en desensamblaxe e reutilización de materiais e para isto as frondosas tamén son moito mellores”, destaca. A taxa actual de reutilización de materiais de construción en madeira é inferior ao 10%.

Outra posibilidade para acadar un maior aproveitamento da madeira é usar materiais de construción redondos, que é o que se utilizaba antigamente, antes de cortar a madeira en cadrado. O aproveitamento de recurso é moito maior, asegura.

As biorefinerías: un novo uso para os refugallos da madeira

Construción da biorefineria da empresa UPM en Leuna (Alemaña)

Construción da biorrefinería da empresa UPM en Leuna (Alemaña)

O rendemento actual obtido desde a materia prima orixinal até o produto final de madeira é moi baixo. Os refugallos son utilizados hoxe en día en contrachapado, en madeira estratificada ou como combustibles, pero “hai un enorme potencial para as biorefinerías para aproveitar os refugallos das frondosas, que son máis interesantes para esta industria que as coníferas”, afirma.

Neste momento hai 25 biorefinerías que utilizan madeira en Europa

A planta de Leuna (Alemaña) que está a poñer en marcha a multinacional finlandesa UPM, empregará celulosas, hemi-celulosas e ligninas, que somete a un proceso de refinamento secundario. Esta biorefinería, que entrará en funcionamento a finais deste ano, producirá 220.000 toneladas por ano de produtos de base biolóxica de longa duración a partir de frondosas, fundamentalmente faia.

O biomonoetilenglicol (BioMEG) que sairá da planta servirá como material base para botellas PET, textís de poliéster e refrixerantes para motores e baterías; mentres que o biomonopropilenglicol (BioMPG) usarase en produtos de limpeza, líquidos anticonxelantes e produtos da industria cosmética. Pola súa banda, os recheos funcionais baseados en lignina reemprazarán ao carbón e a sílice precipitada en materiais como caucho, neumáticos ou mangueiras.

A planta bioquímica de UPM en Leuna (Alemaña) está a entrar en funcionamento e será unha das máis avanzadas do mundo

A de UPM non é a única experiencia industrial no ámbito da lignina. A compañía Mercer puxo en funcionamento en agosto de 2023 en Rosenthal (Alemaña) a súa planta piloto LignoBoost XS, única do seu tipo en Europa e cunha capacidade de produción de una tonelada de lignina kraft por día.

A lignina é un biopolímero moi prometedor que se produce en grandes cantidades nas plantas de celulosa. Até agora queimábase principalmente para producir enerxía pero coa posta en marcha desta instalación pioneira dáse o primeiro paso para utilizar este biopolímero como material en procesos industriais. A lignina pode reemprazar materiais de orixe fósil en produtos como resinas, adhesivos, baterías, fibras de carbono e termoplásticos.

“Podemos substituír moitos produtos fósiles por biomasa pero precísase moito investimento para logralo”, recoñeceu este asesor do Goberno alemán en bioeconomía. “Houbo moito apoio financeiro do Goberno alemán para poder atraer a UPM a este proxecto e refacer deste xeito a industria bioquímica que había nesta zona do país”, explica. A instalación supuxo un investimento de 550 millóns de euros e utiliza 500.000 metros cúbicos de madeira ao ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información