
Fran, cun dos lotes de becerros cebados da explotación
A baixada de prezo de máis dun euro en quilo das últimas semanas está a repercutir de cheo na rendibilidade das ganderías de vacún de carne. “Tiñamos uns prezos acordes cos gastos que temos e coa calidade do que vendemos. Pasar de 8 euros a 7 euros kg/canal significa perder por completo a marxe de beneficio que tiñamos as granxas”, denuncia Francisco Rivas, membro da directiva da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema e vogal no Consello Regulador da IXP Ternera Gallega.
Gandería Rivas, situada en Sebrín, pertencente á parroquia de Toirán, en Láncara, que atende xunto á súa muller, Mari Luz Gómez, está a perder uns 200 euros de media por becerro. É a diferenza entre gañar algo ou traballar todo o ano simplemente para cubrir custos. “A palla subiu 30 euros a tonelada, pasou de 70 a máis de 100 euros, e o gasóleo e os plásticos custan case o dobre”, di.
Ante a baixada xeralizada de prezos, apela, como sempre fixo a Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, á unión e solidariedade dos produtores, que chegaron a facer unha folga de entregas durante semanas aos matadoiros. “Eu prefiro vender os becerros polo prezo que hai que vendelos e despois regalar o mellor xato que teña ao colexio ao que vai a miña filla para que coman boa carne todo o ano, pero o que non se pode é tirar o prezo”, razoa.
Eu prefiro vender os becerros polo prezo que hai que vendelos e despois regalar un xato ao colexio ao que fai a miña filla para que coman boa carne todo o ano, pero o que non se pode é tirar o prezo
Ese panorama incerto actual non anima á continuidade e ao relevo xeracional, asegura. “Nós temos unha nena de 10 anos á que lle gusta isto e a min gustaríame que seguira pero que importa que factures por un lado se o gastas polo outro; ao final acabas unicamente cambiando diñeiro e é un traballo de 365 días no ano. Cos polos, por exemplo, entre lote e lote podes ter unha semana de vacacións, pero aquí non”, compara.
Por iso, se os prezos non axudan, a medio prazo augura a desaparición de boa parte das ganderías de carne que quedan en Galicia. “Eu levo toda a vida nisto, ía do colexio para as vacas e das vacas para o colexio”, lembra Fran. Os seus pais tiñan vacas de leite e de carne, pero antes de que cambiaran a luz a 220 voltios os problemas á hora de muxir e para arrefriar o leite no tanque eran constantes, polo que foron deixando as vacas de leite e quedándose coas de carne. Hoxe teñen 150 nais, 5 touros, máis os becerros e a recría. A maiores, tamén montaron fai 10 anos unha granxa de polos.
Entre 11 e 12 lotes

As vacas están en ecolóxico, pero os becerros cébanse despois en convencional
O manexo que realizan é totalmente en extensivo, coas vacas sempre fóra. “De inverno recóllense algunhas pero normalmente paren sempre fóra e cando facemos o destete, arredor dos 7 meses de vida, traemos os becerros para a corte para cebalos”, explica.
De todos xeitos, Fran considera que, tendo instalacións axeitadas, en zonas coma esta sería bo estabular o gando no inverno en naves de cama quente para non machacar as fincas. “Así é como fan en moitas zonas de Francia”, di. Tamén opina que “no verán, cando vai moita calor, os xatos deberían terse dentro, porque lles fai máis dano o sol que a auga”.
O sector cárnico en Galicia está capado pola falta de ordenación do territorio
O gando está repartido en 11 ou 12 lotes. “Aquí un dos problemas que temos é o da superficie, con fincas moi pequenas e ciscadas por un lado e por outro. Nós arredor da casa temos 20 hectáreas e despois temos algunha finca máis de 10 e 12 hectáreas pero tamén moita parcela pequena. O problema do sector cárnico aquí en Galicia é ese; o sector está capado por iso. Non hai condicións para traballar cómodo en pleno século XXI”, afirma.
“Non pedimos axudas, pedimos que nos poñan as condicións para poder traballar. Aquí nesta parroquia no monte comunal hai un pastizal de 30 hectáreas que está a toxos, pero non o pode utilizar ninguén”, quéixase. “O monte está a monte e as plantacións que se fixeron cómenas catro empresas, igual que nos becerros”, engade.
Falta de ordenación do territorio
“A ordenación do territorio é algo que non existe e as Administracións non traballan por iso, porque se se quixese sería moi doado facelo, como fixeron noutros países. Non é necesario facer concentracións parcelarias, que custan unha pila de cartos, de burocracia e de anos, que acaban enemistando á xente e que moitas veces cando chegan chegan tarde, porque eu coa idade que teño xa de pouco me vale a concentración parcelaria”, di.
Eu cos anos que teño a concentración parcelaria xa non me vale absolutamente para nada
“Eu vou facer 44 anos, así que a parcelaria, aínda que se aprobara agora, bótalle que se tarden 15 anos en rematala, poste en 60 anos. Hai cousas moito máis rápidas. Eu viaxei bastante a Francia e explicáronme como concentraron alí a superficie, a base de regular a transmisión da terra e de poñer unha carga impositiva maior ás fincas pequenas que ás grandes e os propios veciños entre si chegaron á conclusión de que tiñan que poñerse de acordo e facer cambios entre eles porque valía máis o imposto que pagaban que a finca. Hoxe teñen todo concentrado; así podes producir e traballar cómodo”, razoa Fran.
A gandería de carne se non hai fincas grandes é un reventadeiro
“Para a gandería de carne se non hai fincas grandes é un reventadeiro. Pasas o día pola carretera vendo lotes e gastando rodas. Nós chegamos a Gomeán, que está a 7 km, e para o outro lado a Maceda, que está a 12 km. Temos esparcido porque hai que ir onde hai terreo. Nós en propiedade temos unhas 60 hectáreas e o resto é arrendado e non somos capaces de competir co que pagan as explotacións leiteiras”.
Ecolóxico e convencional
A gandería conta con dous CEAs, un en ecolóxico coas vacas e 75 hectáreas e outro en convencional co resto da superficie, para poder empregar nesas fincas o abono que obteñen da granxa dos polos.
Pero malia ter a maioría do gando certificado polo CRAEGA, non venden becerros en ecolóxico, xa que todos os xatos son cebados en convencional. “Non compensa cebar en ecolóxico. Non hai comercialización para esa carne. O que facemos é que a granxa en ecolóxico vende os animais ao destete á granxa en convencional”, explica Fran.
Gandería Rivas ceba un mínimo de 3 meses todos os animais. Fran considera que en zonas coma a súa, que cada vez nota máis os efectos da seca, non é posible mandar directamente os becerros do prado ao matadoiro. “Hai zonas nas que pode ser viable iso, poñendo comedeiros selectivos nos prados, aínda que sempre hai algún xato que non entra, pero noutras zonas non é viable iso, porque se están as fincas carbonizadas o becerro fóra non come nada”, evidencia.
Millo para cebar os becerros

Nos comedeiros mesturan o silo de millo cun núcleo de concentrado para cebar os becerros
Para abaratar o custo do cebado dos becerros, sementan 8 hectáreas de millo para ensilado, que mestura co penso. “Desde que empezamos a facelo, haberá uns 10 anos, aforramos a metade”, asegura. A maiores do penso e o silo de millo, os becerros comen herba seca ou palla.
“Para min é máis rendible botar millo que herba. E non boto máis millo porque as fincas boas están moitas delas metidas en ecolóxico. Cando te metes nun volume de ando importante, como temos nós, eu penso que o ideal sería facer unha ración con carro mesturador que incluíse xa a forraxe e os concentrados”, considera.
O ideal para cebar sería facer unha ración con carro mesturador que incluíse o penso, o silo de millo e a palla
Comercializan os seus animais a través da Asociación de Suprema, tanto os xatos de 10 meses que van para matadoiros de Galicia, como o de Viana, como tamén os animais de maior idade sen o selo da IXP, que marchan sobre todo para Asturias ou Madrid. A maiores, Gandería Rivas vende directamente desde fai anos ao restaurante Botafumeiro de Barcelona. “Son animais que pasan do ano, teñen 14 ou 15 meses, porque neste tipo de establecementos buscan un tipo de carne máis feita e con máis consistencia”, explica.
Comercializamos a través da Asociación de Suprema e vendemos todo a peso vivo
Pero ese mercado dos animais anellos foi o que máis caeu e o que está a sufrir en maior medida as consecuencias do peche das importacións de gando por parte de Marrocos. “Teño agora 5 animais grandes, de 12 e 13 meses, e semella que non hai quen os queira. Pero non é un problema de demanda, porque se llelos das a 4 euros lévanchos”, denuncia.
Raza blonde de Aquintania e fleckvieh

Becerros blonde e fleckvieh nun dos lotes da gandería
Outro dos cambios que Fran fixo desde que se fixo cargo da explotación foi cambiar a raza de gando coa que traballaban os seus pais. “Aquí tiñamos rubia galega, eramos o socio número 143, pero tiñamos moitos problemas nos partos e becerros con lingua grande que non daban mamado”, conta.
“Fai 18 ou 19 anos fomos a Francia e trouxemos de alí esta raza. Primeiro trouxemos os touros e despois fomos metendo vacas. Foi cambiar os touros e acabáronse os problemas, porque cando collín eu a explotación había trinta e pico vacas e un ano morreron 11 becerros de 30: o que non tiña a lingua grande morría no parto, e iso que daquela parían na casa e hoxe paren soas no prado e de 150 partos podes ter 3 ou 4 baixas”, compara.
Non me gusta intervir nos partos; as vacas paren mellor soas porque están máis tranquilas
Gandería Rivas marca os seus becerros como conxunto mestizo para poder cumprir co estipulado en Ternera Gallega. Outra das incongruencias a nivel xenético que Fran ve na IXP é que se estea falando de marcar os cruces de vacas leiteiras con azul belga e non se marquen os animais de raza Blonde de Aquitania pura. “A blonde non é máis que unha rubia galega máis seleccionada xeneticamente, pero vén do mesmo tronco xenealóxico”, razoa.
Seguen indo a Francia a mercar directamente en ganderías blonde os machos para sementais cando queren substituír un dos touros da granxa. “Temos 5, para evitar a consanguinidade. Agora temos que cambiar un que xa vai moi vello, pero un xato na gandería na que mercamos nós en Francia ao destete custa 6.000 euros”, contan.
Os xatos blonde son máis longos que os limusíns e fan máis quilos
Tamén Gandería Rivas vende animais para vida, tanto machos para sementais como xatas para reprodutoras a granxas galegas que están a apostar tamén pola raza blonde. “Na zona de Fonsagrada hai moitos touros nosos”, explica Fran.
A nivel xenético, o último cambio que están a facer nesta gandería de Láncara é introducir a raza fleckvieh no rabaño. “Cando os meus pais tiñan as vacas de leite xa tiveramos algunha. O ano pasado mercamos cinco vacas simmental auténticas para cruzar cos nosos touros blonde coa idea de aforrar nos concentrados, porque son vacas que dan máis leite e crían mellor aos becerros”, explican.
1.300 bolas de silo
Nas épocas nas que escasea o pasto agrupan máis o gando para facilitar o subministro de forraxe e evitar machacar as fincas para o rebrote da primavera. Fan uns 1.300 rolos de silo para todo o ano, aínda que este ano, debido ás chuvias e o frío do comezo da primavera e seca posterior, fixeron unhas 400 bolas menos. “A 40 euros que se están vendendo, son 16.000 euros”, calcula.
Non se pode criticar a un gandeiro que merca un tractor de tantos cabalos para facer e mover 1.300 bolas de silo
A seca está a ter tamén outra consecuencia, xa que a falta de pasto fai mella no crecemento dos becerros. “Este ano imos ter que metelos a cebar antes, porque se vai calor e non hai que comer no prado perden peso. O becerro se hai pasto luce e medra, pero se se queda sen pasto hai que recollelo antes porque senón o único que metes despois a cebar é pel e osos”, asegura.
Levar auga pola seca
A seca tamén dificulta o manexo do gando e aumenta o traballo. “Estes días temos que andar levando auga coa cisterna a fincas que tiñan auga porque quedan sen ela”, conta. A Comunidade de Montes Veciñais en Man común á que pertencen as casas de Toirán repartiu recentemente cantos procedentes da venda de madeira entre os comuneiros. “Tocamos a 1.000 euros e a metade levounos Facenda”, relata Fran.
Coa seca que hai este ano as fincas quedan sen auga e temos que andarlles levando coa cisterna
No canto diso, el propuña reinvestir eses cartos na parroquia, levando auga a todas as fincas, por exemplo. Pero os veciños que non se adican a gandería e teñen as súas parcelas arrendadas non quixeron e preferiron o reparto dos cartos procedentes da venda de madeira.
Ademais de ter a explotación, Fran traballa en incendios como brigadista da Xunta
Ademais de ter a explotación, Fran traballa en incendios como brigadista da Xunta, polo que coñece de primeira man as consecuencias do abandono do rural e a falta de ordenación do territorio.
Ataques de lobo, raposo e visóns
Fran é crítico tamén cos criterios de reparto de axudas por parte da Administración e pon o exemplo da axuda da PAC para covivencia coa fauna salvaxe. Malia ter mastíns para defender o gando, Gandería Rivas non puido acollerse a ela, xa que a Xunta non a aprobou para as explotacións en ecolóxico. “É algo absurdo, será que as vacas en ecolóxico están máis fracas e non as ataca o lobo”, razoa con retranca.
“Nós tivemos varios ataques de lobo, un deles aínda fai pouco. Tamén hai raposo, que tamén é moi problemático, porque cando a vaca está parindo van comerlle a lingua aos becerros e agora estamos vendo tamén bastante visóns, que tamén atacan aos recén nacidos. Aquí pare todo fóra e hai que estar ao que vexas ás mañás cando vas ver o ganado. Ás veces atópaste coa sorpresa”, describe.
Granxa de polos para diversificar
Como complemento á explotación de vacún de carne, Gandería Rivas montou fai 10 anos unha granxa de polos. “Eu levo moitos anos viaxando a Francia e eu vexo que alí todas as explotacións teñen 2 ou 3 opcións: leite ou carne; polo, porco, pavo ou pato; e cereal ou horta (pataca, cebola, allo). Foi por iso polo que montamos a granxa de polos, por diversificar”, explica.
O investimento na granxa de polos foi de 350.000 euros, pero só levar a luz para custoulles 137.000 euros
Fan 6 camadas ao ano de entre 35.000 e 40.000 polos en cada unha. Cada polada dura mes e medio, con 15 días entre unha e outra para limpar e desinfectar as instalacións. Traballan en integración co grupo Vall Companys, que comprou o Grupo Sada, con planta de sacrificio e procesado en Castro Riberas de Lea.
Unha granxa de polos ou de porcos se non che compensa nun momento dado por prezo non a enches e xa está, coas vacas de carne non é tan doado adaptarse ao mercado
Fran está satisfeito coa decisión de montar a granxa de polos pero pensa que foi un erro deixar o leite no seu momento para pasarse á carne. “Dá moito máis rendemento unha granxa de leite dun robot que unha granxa de carne co dobre de vacas”, comprara.
“Se tivera 10 anos menos montaría un robot e volvería ao leite, penso que dá menos traballo atender un robot que o sistema de manexo que temos nós nas vacas de carne”, di. Ademais, razoa, “o leite é un sistema que permite adaptarse mellor ás fluctuacións do mercado, porque se baixa o leite podes mandar vacas ao matadoiro, pero nós temos que aguantalas porque senón non temos maneira de producir”, asegura.
“O que non poden facer os supermercados e os matadoiros é roubar ao consumidor, que é o que están facendo”
Fran está na directiva da Asociación Gandeiros Galegos da Suprema, á que representa como vogal no Consello Regulador da IXP Ternera Gallega. Móstrase moi insatisfeito do funcionamento da Indicación Xeográfica Protexida e defende unha desvinculación da carne de Suprema da Ternera Gallega convencional, a marca baixo a que se comercializa a carne procedente dos cebadoiros galegos.
“Estamos vendo como co noso nome venden despois a carne que traen doutros lados. A industria galega está traendo carne de Francia, de Alemaña e de Polonia. Queren colapsar as súas cámaras para despois no inverno tirarnos o prezo un euro máis aquí. Están todos os días metendo camións e están vendendo iso a conta do noso traballo”, denuncia.
Novafrigsa está metendo becerros de Francia, Polonia e Alemania para colapsar as súas cámaras e tirarnos máis aínda o prezo aquí
“Se nós estamos vendendo a carne a 8 euros canal, que llela cobren na tenda a preza máis barata a 14 ou 15 euros e o chuletón, solombo ou entrecot a 30 euros, non é lóxico. Esa diferenza queda na distribución, que é o que máis come, e no matadoiro. Tanto uns coma os outros xogan sempre cunha marxe de beneficio ao seu favor. O que non poden facer os supermercados e a industria é roubar ao consumidor, que é o que están facendo, porque se a nós agora nos baixaron un euro e pico, ao consumidor deberían baixarlle a carne dous euros no lineal para incentivar o consumo”, di.
Alimerka está pagándolle a carne aos produtores en Asturias un euro e medio máis que o que cobramos en Galicia
E pon o exemplo do que sucede en Asturias. “Alimerka, que traballa coa marca da IXP asturiana, está vendendo a carne máis barata que os supermercados galegos e estalle pagando un euro e medio máis ao produtor, asinando contratos a 9,75€ kg/canal e sen límite de quilos, que é onde está a ganancia, porque aquí limítannos a 10 meses para facer unha Suprema, cando se temos os becerros coas nais 7 meses e despois os metemos a cebar, 3 meses non é suficiente, porque o primeiro mes cando os metes a cebar, entre que os pinchas para a pneumonía e os desparasitas comen e non medran. Sen embargo, para TG aumentáronlles 2 meses, até o ano, para que os matadoiros poidan meter máis quilos”, di.
A nós en Suprema só nos deixan facer becerros pequenos coma canicas para que os matadoiros poidan meter máis quilos no mercado
“Coa xenética que temos nós aos 10 meses logramos becerros machos cun peso de 300 kg e femias con 240 ou 250 quilos, pero nos dous meses até cumpriren o ano é onde collen os quilos e onde baixan o consumo, porque o becerro hai un momento no que come menos, cando máis penso come é desde os 7 meses aos 9-10 meses, despois baixa o consumo e mete máis carne”, asegura.
Galego









Control OJD