
Suero lácteo obtenido durante el proceso de elaboración de Queixo do
Cebreiro. / Queixos Castelo de Brañas.
O soro lácteo, un subproduto na elaboracion de queixos, converteuse nunha mercancía cada vez máis valiosa no mercado internacional debido á crecente demanda. No caso da Unión Europea, o prezo do soro lácteo (wheypowder en inglés) disparouse nun 18% nas últimas 4 semanas, ata chegar aos 1,66 euros o quilogramo, e nun 73,1% se se compara coa media dos últimos 5 anos.
Detrás desta forte revalorización está a crecente demanda de batidos, pos e alimentos envasados ricos en proteína, transformando o que ata o de agora era un refugallo da industria láctea nunha interesante fonte de ingresos alternativa.
Ata hai poucos anos o principal destino do soro lácteo, o líquido que se separa da callada durante a elaboración do queixo, era a alimentación animal ou mesmo como fertilizante.
Actualmente, só unhas poucas industrias lácteas de Europa e dos Estados Unidos teñen a capacidade técnica de converter o soro lácteo nun ingrediente alimentario con alto contido proteico, que se destinará ao seu emprego como suplemento para deportistas ou como ingrediente en iogures, pan ou refrescos.
O boom do soro depende de que se manteña tamén unha sólida demanda de queixo, o principal derivado lácteo que se elabora na Unión Europea.
Galego





Control OJD